75 anos "do suicidio colectivo máis grande da guerra civil"

Anxo Nogueira Nogueira e a súa esposa Carmen Miguel Agra Dominio Público Praza Pública

O 23 de abril de 1937 nove persoas -socialistas, anarquistas, galeguistas e comunistas- que tentaban fuxir a Francia dende o Berbés no bou Eva, perderon a vida ao seren descubertos polas autoridades fascistas. Preferiron suicidarse a entregárense. Anxo Nogueira Nogueira, Carmen Miguel Agra, Jose Losada Castelao, Manuel Rodríguez Castelao (estes dous curmáns de Castelao), Luis Álvarez González, Camilo Campos Méndez, Jose Rodríguez Lorenzo, Fernando Rodríguez Lorenzo e Manuel Martínez Marono. Eran os seus nomes, e tiñan entre 24 e 44 anos.

Tras seren delatados, os falanxistas asaltaron o barco, abeirárono a un alxibe do porto e asolagaron a adega do bou, primeiro con auga fría e despois con auga quente. Mais os tripulantes non saíron, decidiron pór fin á súa vida de maneira colectiva antes de entregárense aos falanxistas

Estaban agochados na adega do barco, pero foron descubertos e traizoados por un mariñeiro, que os delatou á policía franquista. Tras seren delatados, os falanxistas asaltaron o barco, abeirárono a un alxibe do porto e asolagaron a adega do bou, primeiro con auga fría e despois con auga quente. Mais os tripulantes non saíron, decidiron pór fin á súa vida de maneira colectiva antes de entregárense aos falanxistas. A historia foi silenciada no seu momento e malia a restauración da democracia en España, os feitos ficaron faltos de estudo e reivindicación.

Bou Eva organiza un recital poético este luns, a partir das oito e media no Berbés

Cando hai ano e medio se inaugurou a Asociación Cultural e Centro Social Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra 11, Vigo), os seus responsables consideraron que o primeiro que debían facer era renderlles unha homenaxe ás nove persoas falecidas. Para iso contaron coa presenza de Conchiña Fernández, filla dun dos mortos no bou, que lembrou emocionada como o obxectivo dos franquistas era "matar a semente". A asociación escolleu o seu nome "porque estaba silenciado e porque ten unha gran trascendencia histórica". Rafael Balado explicou naquela ocasión que "na nosa mitoloxía temos o Medulio, pero non temos certeza de onde aconteceu ese suicidio colectivo, pero si temos certeza de que na primavera de 1937 nove militantes suicidáronse antes que ser collidos polos falanxistas". E concluíu: "esas nove persoas non eran asasinas, o seu delicto era defender os dereitos dos traballadores e das traballadoras e loitar por un estatuto de nación para Galicia".

Bou Eva organiza un recital poético este luns, a partir das oito e media no Berbés.

Anxo Nogueira Nogueira e a súa esposa Carmen Miguel Agra Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.