O PP rexeita prohibir a entrada de menores de 16 anos nas touradas

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

O Parlamento galego rexeitou este martes prohibir o acceso dos e das menores de 16 anos ás corridas de touros. A maioría absoluta do Partido Popular botou abaixo a proposición non de lei presentada polo BNG, que si foi apoiada polo PSdeG-PSOE e AGE. Os populares escudáronse en que o Parlamento xa aprobou en 2011 a restrición de acceso para os e as menores de 12 anos, unha norma que se debe incorporar á Lei de Espectáculos públicos, aínda en proxecto. 

Os populares escudáronse en que o Parlamento xa aprobou en 2011 a restrición de acceso para os e as menores de 12 anos, unha norma que se debe incorporar á Lei de Espectáculos públicos, aínda en proxecto

En efecto, como argumentou o popular José Santiago Freire, encargado de defender a posición dos conservadores, en 2011 a cámara xa aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do BNG que instaba á Xunta a introducir na futura Lei de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos públicos a prohibición de acceso ás persoas menores de 12 anos a espectáculos taurinos celebrados en recintos pechados. O anteproxecto de lei, con todo, está pendente da súa aprobación no Parlamento.

Ana Pontón, que defendeu a proposta do Bloque, sinalou que "mentres, seguen entrando os menores, e vostedes prefiren mirar cara a outro lado". De feito, nas últimas semanas foi moi criticada, sobre todo pola plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, a oferta de descontos que os promotores taurinos pretenden implantar na feira taurina de Pontevedra, co obxectivo de venderlles abonos aos menores de 16 anos. O empresario Eduardo Lozano sinalou que buscan "propiciar o relevo xeracional e atraer un público máis novo" á feira taurina da Peregrina. "É unha batalla que estamos librando os empresarios cara a mocidade. Queremos que a mocidade se incorpore aos touros e en Pontevedra, tan tradicional en peñas taurinas, queremos que a afección veña dende a época máis nova", engadiu.

No debate, Ana Pontón cualificou as touradas de "práctica cruenta, que non ten cabida nunha sociedade desenvolvida", e criticou os intentos dos empresarios taurinos para introducir nenos, nenas e adolescentes na afección a este espectáculo: "detrás deste relanzamento só están as presións do lobby taurino, que quere manter unha actividade fortemente subvencionada". Pontón lembrou que a Lei de Familia vixente en relación coa infancia establece a primacía do dereito do menor sobre outros dereitos, principios ou ben públicos. No artigo 43 alértase da difusión a menores de material audiovisual que incite á violencia. "Imaxinen o efecto que causa a exposición a estas imaxes xa non a través dunha pantalla, senón en directo", sinalou, ao tempo que alertou que "pode levar a unha desensibilización na vida real cara á violencia".

Nas últimas semanas foi moi criticada a oferta de descontos que os promotores taurinos pretenden implantar na feira taurina de Pontevedra, co obxectivo de venderlles abonos aos menores de 16 anos

A proposición non de lei do BNG, que instaba a Xunta "a tomar as medidas lexislativas necesarias para restrinxir a entrada de persoas menores de 16 anos a festexos taurinos", tiña a súa base na denuncia realizada polo Comité dos Dereitos dos Nenos da ONU, que hai uns meses lle fixo unha serie de recomendacións a Portugal para que adaptase as súas lexislacións sobre tauromaquia para que cumprisen coa Convención dos Dereito do Neno. A proposta lembraba tamén que os expertos alertan "da cruenta permisividade de que as persoas menores de idade poidan acceder a prazas de touros a contemplar esta clase de eventos".

PSdeG-PSOE e AGE apoiaron a iniciativa. Por AGE, Yolanda Díaz sinalou que as touradas son un "espectáculo de violencia máxima" que "debería ser erradicada para todas nós, pero dende logo evitada para os e as menores de 16 anos". E situounas nun contexto de "guerra ideolóxica" a cargo do PP para "situarnos no imaxinario colectivo dunha España que non existe". Pola súa banda, a socialista Beatriz Sestayo criticou os descontos e promocións realizadas polos empresarios taurinos e sinalou que "este parlamento debe reflexionar sobre se se pode seguir fomentando unha festa que consiste no sufrimento dun animal".

Polo Partido Popular, José Santiago Freire anunciou o voto contrario do seu grupo facendo referencia á devandita proposición aprobada en 2011, sinalando que non entendía a oportunidade desta nova iniciativa e preguntouse "que mudou nos últimos dous anos". Freire Abeijón defendeu que "a Xunta non se desentendeu dese acordo, o anteproxecto da Lei de Espectáculos introduce esta prohibición. Entendemos que fixar en 12 anos o límite é un primeiro paso e permítenos seguir valorando no futuro o impacto nos menores". "Que eu saiba, non se incrementou exponencialmente a asistencia de menores de 16 anos a espectáculos taurinos en Galicia, tampouco de diagnosticaron forte pegadas psicolóxicas en menores como consecuencia da visualización destas imaxes", sinalou. O deputado popular afirmou que "se cadra aumentou o nivel de rexeitamento á tauromaquia no BNG e nas demais forzas, sobre todo pola axenda marcada noutras comunidades autónomas, especialmente Catalunya"

Freire Abeijón criticou igualmente que o BNG denunciase a participación de menores nas corridas de touros e non na Festa do Boi de Allariz, "que non só se fomenta a participación de menores, senón que mesmo se fan actividades específicas para nenos". Ana Pontón respondeu cualificando esta referencia de "demagoxia barata". "Son temas diferentes, unha polémica falsa", defendeu a deputada nacionalista, antes de engadir que "se vostede considera que a Festa do Boi é unha festa cruenta, deberían denuncialo ante a Xunta".

Intervención de Ana Pontón na Comisión CC-BY-SA Praza Pública
Resposta de José Santiago Freire Abeijón CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.