As touradas "teñen cabida como espectáculo igual que a danza ou o teatro"

Lucía Regueiro e Rubén Pérez, na rolda de prensa que ofreceron este mércores na Coruña Dominio Público Praza Pública

O portavoz da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, Rubén Pérez, realizou este mércores unha valoración moi crítica sobre a decisión municipal de rescindir a subvención da feira taurina, anunciada a pasada semana, ao manter o Concello a cesión gratuita do Coliseum que en 2011 supuxo perdoar ao redor de 117.000€ en taxas municipais por utilización das instalacións municipais. 

A concelleira de Cultura Ana Fernández afirmou na Cadena Ser que "non será o PP o que remate coa celebración das touradas na Coruña"

Precisamente esta mañá a concelleira de Cultura Ana Fernández afirmou na Cadena Ser que "non será o PP o que remate coa celebración das touradas na Coruña", ao tempo que non descartou "outras formas de apoio" con cartos públicos á feira taurina. Sería a través da cesión gratuíta do Coliseum e o pago do seu acondicionamento para o evento. Fernández afirmou que "a feira ten seguidores na cidade" e que "ten cabida como espectáculo igual que a danza ou o teatro".

A este respecto, a actriz Lucía Regueiro criticou que se comparen as artes escénicas coa tauromaquia e chamou a atención sobre a situación das axudas para a produción de obras, en clara oposición ao financiamento dos festexos taurinos e a súa promoción por parte das institucións públicas. "As artes escénicas están desaparecendo", dixo e sinalou a unanimidade do sector contra os espectáculos taurinos, por ser actividades violentas, e ás que poden acceder menores de idade, que resulta “sangrante”.

A actriz Lucía Regueiro criticou que se comparen as artes escénicas coa tauromaquia e chamou a atención sobre a situación das axudas para a produción de obras, en clara oposición ao financiamento dos festexos taurinos e a súa promoción por parte das institucións públicas

Finalmente, o portavoz da plataforma chamou a atención sobre a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que condena o Concello da Coruña a indemnizar unha empresa taurina por un contrato de organización e explotación de festexos destas características mal otorgado no ano 2005, que terá un impacto de cando menos 200 mil euros para a caixa municipal.

Pérez presentou así mesmo a campaña DINEROXTOROS, que ofrecerá información diaria sobre o uso de cartos públicos para financiar festexos taurinos na cidade herculina, divulgando datos contidos nos expedientes que forman parte do contrato de explotación da feira taurina do periodo 2009-2011, o último en vigor. Pérez sinalou que "se non hai diñeiro público, non hai touradas na Coruña".

Lucía Regueiro e Rubén Pérez, na rolda de prensa que ofreceron este mércores na Coruña Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.