"Hoxe somos nós, pero mañá pode tocarche a ti"

Carga policial ante a casa de Aurelia Rey CC-BY Praza Pública

Stop Desafiuzamentos ten 9 persoas encausadas na Coruña por participar en mobilizacións contra os despexos e máis de 7000 euros en multas. O importe total das infraccións para as persoas que protestaron contra o desaloxo do Centro Social Ocupado de Palavea ascende a 3000 euros. Multas a preferentistas, estudantes, inmigrantes, sindicalistas... Son algunhas das razóns que levan á Plataforma contra a represión da Coruña, formada por varios colectivo da cidade, a denunciar unha estratexia de "criminalización da protesta social". Denuncian tamén o "acoso policial" nos actos do 15M de Monte Alto ou a imputación de Pepita Seoane "por defender os dereitos dos presos políticos".

Todos estes motivos están na base da manifestación convocada pola plataforma este sábado na Coruña baixo o lema "Reprímennos a nos para asustarte a ti". A marcha partirá ás oito da tarde da Praza de María Pita.

Os colectivos convocantes chaman a "dar unha resposta colectiva" ante esta situación porque "hoxe somos nós, pero mañá pode tocarche a ti"

Os colectivos convocantes chaman a "dar unha resposta colectiva" ante esta situación porque "hoxe somos nós, pero mañá pode tocarche a ti". Lembran tamén a presión sufrida por "preferentistas, mariñeiros, estudantes, sindicalistas, migrantes, as xentes de Sarria en defensa do río", da que resposabilizan ao "goberno antisocial do PP" e á actuación da Delegación do Goberno dirixida por Samuel Juárez. "Todas sofren o acoso policial, identificacións, represión económica, listas negras, detencións e a ameaza última do cárcere, centros de reclusión para pobres" mentres hai "total impunidade para os culpábeis da crise", sinalan.

Stop Desafiuzamentos leva meses alertando dunha estratexia crecente de "presións" e das "técnicas de intimidación" levadas a cabo pola Subdelegación do Goberno. Por exemplo denunciaron que varios membros deste colectivo recibiron unha notificación -baixo o concepto Advertencia- polo subdelegado Jorge Atán, na que se lles acusa de "desobedecer a axentes da Comisaría Provincial da Coruña", mais "sen especificar nin onde nin no marco de que tipo de situación, pero ameazando con poñerlles multa se non modifican no futuro o seu suposto comportamento".

A plataforma asegura que os seus servizos xurídicos lle confirmaron que este envío de cartas "intimidatorias" non é un protocolo legal contemplado entre as posibilidades de comunicación coa cidadanía, nin por parte da Delegación nin por parte da Subdelegación do Goberno. Ademais, advirten, os compañeiros agora advertidos "non foron identificados en momento ningún do día sinalado na carta recibida". "Polo tanto, parece que o recado que pretende darlles a Subdelegación é que sexan conscientes de que están 'baixo control', se cadra mesmo que existen listas negras, procurando que o medo ás represalias económicas as disuadan de participar en futuras mobilizacións sociais", engaden.

 

Xuízo

A Plataforma denuncia que estas tres persoas foron sinaladas por "terlle solicitado o número de placa a un policía que previamente lles pedira o seu número de DNI"

Este xoves foron xulgadas na Coruña tres activistas sociais (dúas mulleres e un home), acusadas dun delito de “obstaculizar a rúa e o paso de vehículos” durante a mobilización que o pasado 18 de febreiro de 2013 buscaba impedir a expulsión de Aurelia Rey da súa casa. Stop Desafiuzamentos convocou unha concentración de apoio ante os Xulgados, e denuncia que estas tres persoas foron sinaladas por "terlle solicitado o número de placa a un policía que previamente lles pedira o seu número de DNI". Na vista a Fiscalía reafirmou as súas acusacións e solicitou multas de 250 euros para as tres activistas. A entidade enmarca este xuízo "no actual contexto de criminalización gubernamental da solidariedade e terxiversación capitalista dos valores humanos máis fundamentais"

Cartaz da manifestación Dominio Público Praza Pública
Carga policial ante a casa de Aurelia Rey CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.