A Xunta indigna a vítimas do Alvia: "Non nos ofenda, señor Feijóo"

Homenaxe ás vítimas de Angrois, o 31 de xullo de 2013 © Parlamento de Galicia

Estupor e indignación. É o que transmiten as vítimas do accidente do Alvia en Santiago que xa se pronunciaron publicamente tras coñecer que a Xunta decidira concederlles a Medalla de Ouro de Galicia xunto aos servizos sanitarios, de emerxencia e seguridade que as atenderon tras o descarrilamento de 2013. Dous dos tres colectivos que agrupan as persoas afectadas polo sinistro e as súas familias retrucaron con duras críticas ao acordo do Consello do pasado xoves, que implica ademais trasladar a entrega das distincións ao propio 24 de xullo, xornada do aniversario para a que as propias vítimas teñen xa un programa de conmemoración de seu no que, expresamente, rexeitan que os dirixentes políticos asuman o protagonismo. Non queren homenaxe oficial ningunha mentres as propias autoridades non permitan unha investigación tamén no ámbito político.

Unha das organizacións, a Plataforma de Víctimas do Alvia 04155, expresa este malestar en forma de carta aberta ao presidente da Xunta, a quen lle piden expresamente que non as "ofenda" coa Medalla sen antes propiciar a saída á luz de todas as responsabilidades. "Parécenos indigno que vostede, todo un presidente autonómico -din- corra veloz a agacharse por tras dos veciños de Angrois" para "protexerse das nosas críticas". "É difícil para nós entender que pretende con estes actos", sinalan, porque "se verdadeiramente tivese un mínimo interese e preocupación polas vítimas e as súas familias o que faría sería axudarnos a saber a verdade e a buscar todos os responsables políticos da traxedia, aínda que sexan do seu partido", para que "paguen pola súa irresponsabilidade".

"Se tivese interese polas vítimas axudaríanos a saber a verdade e buscar os responsables políticos da traxedia"

A intención deste colectivo para o día 24 é, xunto ao resto de vítimas, "render unha homenaxe na memoria dos falecidos" e "agradecerlles aos veciños de Angrois e a todos os traballadores a súa axuda durante e despois da traxedia", a cal, subliñan, "poderíase ter evitado". Esa posibilidade, din, é a que tería que ter en conta o presidente: "Leu vostede os informes que din que o accidente se podería evitar se houbese as medidas de seguridade propias da alta velocidade? Sabe que nos enganaron tanto o goberno anterior como o seu, vendéndonos o produto como alta velocidade aínda que non cumpría a normativa esixible en materia de seguridade? Sabe que houbo un aviso por parte do xefe de maquinistas advertindo da perigosidade da curva, ao que non fixeron caso nin Adif, nin Renfe nin o Ministerio de Fomento?", preguntan.

"Lembra cantas veces BNG e AGE lle solicitaron a comisión de investigación?"

A todas estas preguntas a plataforma une unha máis: "Tomou vostede algunha iniciativa para que se saiba a verdade?". Neste punto, a carta aberta censura que Feijóo, "o seu goberno e o seu grupo parlamentario se negasen reiteradamente a que tanto en Galicia como en Madrid se celebre unha comisión de investigación parlamentaria para que se depuren responsabilidades políticas". "Lembra vostede cantas veces algúns grupos da oposición, como BNG ou AGE, lle solicitaron esta comisión ou xa perdeu a conta?". "Non podemos crer que non coñeza todos estes datos", afirman, porque "só hai que facer o esforzo de escoitar, ler e pensar sen tentar facer propaganda".

Contra o "circo mediático"

"Deixe as conmemoracións para outro momento, o que as vítimas necesitamos é saber a verdade"

"Deixe as conmemoracións para outro momento, as vítimas e os familiares o que necesitamos e esiximos é saber a verdade, que se depuren responsabilidades e se honre a quen xa non están", reclama a agrupación 04155 para concluír a súa apelación a Feijóo no mesmo día en que outro dos grupos, a Plataforma Victimas del tren Alvia de Santiago de Compostela, interpreta a concesión da Medalla a e a súa entrega o día 24 como "un movemento político bochornoso". A través das súas redes sociais esta organización coida que os gobernos, "ao non ser invitados ao noso acto para honrar os nosos mortos", optaron por "crear o seu propio", unha "estratexia" na que non ven un "ápice" de "educación".

"Recoñecemos o labor de todos os servizos que se prestaron" tras o accidente "e debémoslle gratitue á veciñanza de Angrois e Santiago", di a plataforma, para quen, no entanto, "ese non é un día de medallas" nin "é necesario montar un circo mediático como pretenden". O 24 de xullo, advirten, é "un día de dor que deberían respectar" e "coas súas actuacións só conseguen demostrar o que xa sabemos".

Homenaxe civil ás vítimas de Angrois © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.