Denuncian unha agresión policial contra un inmigrante na Coruña

Manifestación do Foro Galego da Inmigración CC-BY-SA Foro Galego da Inmigración

O Foro Galego da Inmigración denuncia que o pasado mes de xuño un grupo de axentes da policía local da Coruña "maltrataron" un home de orixe nixeriana e residente legal na cidade dende hai anos. Esta persoa atopábase o 6 de xuño preto do Centro Comercial Marineda City vendendo caramelos na rúa. Segundo o Foro, "cando se dirixía a recoller a axuda/pago que lle quería facer unha señora foi retido por unha persoa, que lle colleu polo ombro e identificouse como policía. Esta persoa, vestida de paisano, insistiu en collerlle o macuto no que levaba a mercancía que levaba, tratándoo de forma violenta. Colleulle a documentación e finalmente requisoulle a mercancía".

Segundo o Foro, o vendedor agarrou o macuto e "viuse forzado a tumbarse no chan", onde foi "golpeado polo grupo de policías en varias ocasións"

Ao día seguinte, o vendedor ambulante volveu ao mesmo lugar cun novo macuto e nova mercancía, que lle fora emprestada a conta. Nese momento achegouse un coche da policía local, e o mesmo policía do día anterior, xa uniformado, dirixiuse cara a él con outros compañeiros con intención de collerlle o macuto coa mercancía. Segundo o Foro, o vendedor agarrou o macuto e "viuse forzado a tumbarse no chan", onde foi "golpeado polo grupo de policías en varias ocasións". Mesmo algunha persoa achegouse para gravar a agresión, pero a propia policía "impediullo", relatan os responsables do Foro. O home, sen mercancía e sen a súa documentación, foi trasladado esposado até a Comisaria da Policia Nacional, na que permaneceu durante horas.

Este martes unha concentración reclamou "o cese da persecución cara ao colectivo migrante"

Este martes celebrouse na Coruña o xuízo de faltas contra este home, denunciado pola súa actividade de venda ambulante. O Foro Galego da Inmigración levou a cabo unha concentración en solidariedade co acusado, e que tamén serviu para denunciar e reclamar "o cese da persecución cara ao colectivo migrante" e o cese igualmente "das redadas racistas por cometer simples faltas administrativas e polo desenvolvemento de actividades de venda ambulante ou similares para a súa supervivencia e a das súas familias". O Foro esixe así mesmo a "implementación de programas de integración socio-laborais que permitan outras alternativas máis dignas para estas persoas".

Nos últimos anos foron varias as ocasións nos que o colectivo de inmigrantes, o Foro Galego da Inmigración e a Asociación sen Papeis da Coruña denunciaron o acoso policial ao que se ven expostos moitos vendedores ambulantes inmigrantes e mesmo casos de agresións. Ademais, BNG e EU criticaron nos últimos meses a taxa de decomisos aprobada polo Concello, cualificada de "un imposto á pobreza". Con este imposto as persoas ás que lles foi retirada a súa mercadoría pola policía vense na obriga de pagar entre 30 e 100 euros por recuperalas; ademais, se non os retiran en menos dunha semana, teñen que pagar dous euros diarios a maiores.

Manifestación do Foro Galego da Inmigración CC-BY-SA Foro Galego da Inmigración

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.