A CRMH denuncia o "empeño" do Goberno municipal coruñés en "manter a simboloxía franquista"

A CRMH denuncia o mantemento de placas coma esta Dominio Público Pirado

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) denuncia que o Goberno municipal "segue empeñado en manter a homenaxe e recoñecemento social á ditadura franquista" na cidade. Coincidindo co 18 de xullo, a entidade lembra o incumprimento do acordo do pleno municipal de setembro de 2009 que, co voto a favor do PSOE e BNG e a abstención do PP, obriga á eliminación de 52 símbolos franquistas, entre eles o nome de 23 rúas, ademais de 4 placas en grupos de vivendas, 21 distincións honoríficas e outros 4 monumentos.

"Non podemos soportar nin un día máis que as nosas rúas rindan homenaxe a significados golpistas como o xeneral Mola, xeneral Sanjurjo, tenente xeral Gómez Zamalloa, tenente coronel Teijeiro e Comandante Barja"

"Non podemos soportar nin un día máis que as nosas rúas rindan homenaxe a significados golpistas como o xeneral Mola, xeneral Sanjurjo, tenente xeral Gómez Zamalloa, tenente coronel Teijeiro e Comandante Barja" ou "que continúen as placas de Juan Canalejo, fundador da Falanxe coruñesa, Alférez Provisional, avenida dos Caídos e División Azul" ou "que continúen placas co xugo e frechas coma no grupo María Pita de Labañou", sinala a CRMH.

A entidade denuncia que o PP rexeitou no Pleno mocións para que se executase a retirada da simboloxía franquista e sinala a súa confianza en que "a xustiza obrigue a cumprir o acordo plenario de hai cinco anos, como xa sucedeu noutros concellos, que se negaron a cumprir a Lei da Memoria Histórica". A denuncia engade que "a vontade do goberno municipal da Coruña para manter a simboloxía franquista e as distincións honoríficas a significados golpistas quedou manifesta cando no recorreu unha primeira sentenza para manter o título de Fillo Predilecto da Coruña a José Millán Astray, apoiando a petición da súa familia". Porén, "afortunadamente", o persoamento da CRMH na causa "conseguiu que hoxe Millán Astray non teña ningún tipo de recoñecemento social na Coruña".

A CRMH sinala a súa confianza en que "a xustiza obrigue a cumprir o acordo plenario de hai cinco anos, como xa sucedeu noutros concellos, que se negaron a cumprir a Lei da Memoria Histórica"

A denuncia tamén subliña que "o goberno municipal non atende a petición de veciños dalgunhas rúas, que xa dirixiron escritos ao concello para a retirada da simboloxía franquista". Por exemplo, veciños e veciñas das rúas Teniente General Gómez Zamalloa e Praza del General Mola, solicitaron por escrito a recuperación dos nomes tradicionais desas rúas: Costa da Unión e Fonte de San Andrés.

A CRMH conclúe que "o non cumprimento dun acordo plenario da corporación municipal é un feito gravísimo que perverte o funcionamento democrático das institucións" e pregúntase "que autoridade moral vai ter o Goberno Municipal da Coruña para esixir á cidadanía o cumprimento da lei e dos acordos plenarios se é o primeiro en non cumprilos?". Engade que "manter hoxe a simboloxía franquista non só é un acto antidemocrático, senón unha ofensa á memoria das 600 persoas que na comarca da Coruña foron asasinadas pola ditadura franquista".

O falanxista Juan Canalejo Dominio Público Praza Pública
A CRMH denuncia o mantemento de placas coma esta Dominio Público Pirado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.