0 Gardados para despois

Maruxa e Coralia, unha homenaxe para nunca esquecelas

Redacción | @prazapublica

Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, As Maríasrecibirán este venres unha homenaxe na Alameda de Compostela, organizada pola Libraría Lila de Lilith. Unha Mulleranaxe, homenaxe de mulleres a mulleres, a dúas persoas que sufriron durante décadas a represión da ditadura franquista, a burla e o desprezo e tamén o silencio e o esquecemento. A homenaxe, que se realiza por terceiro ano consecutivo nun 18 de xullo, lembra a represión sufrida polas mulleres nas case catro décadas de ditadura, unha violencia moitas veces escurecida ou ignorada, moito menos visible que a sufrida polos homes. O acto, ao que se recomenda acudir traendo flores lilas e vermellas, celébrase ás 14 horas, ás dúas en punto, a hora exacta na que adoitaban saír pasear e que tamén ficou como unha denominación popular para estas irmás.

"O 18 de xullo, conmemoración amarga onde as haxa, queremos continuar a recuperar a súa memoria. Dúas cidadás de Compostela sobre as que caeu o aparato represivo franquista"

"O 18 de xullo, conmemoración amarga onde as haxa, queremos continuar a recuperar a súa memoria. Dúas cidadás de Compostela sobre as que caeu o aparato represivo franquista. Material e simbolicamente foron excluídas, afastadas e marxinadas pola maioría da cidade", destácase na convocatoria. Unha marxinación que a pesar destes e doutros actos de recordo e reivindicación, semella ter chegado até os nosos días, como demostra o desleixo na conservación das súas tumbas no cemiterio de Boisaca, só reparado hai uns meses.

As irmás Fandiño, as Marías, eran moito máis que dúas alegres paseantes. Porque por tras dos panos e dos vestidos de cores houbo case todo menos ledicia. Hai dous anos, na primeira homenaxe, recordouno Luz Fandiño. Na súa ampla familia, de doce fillos e fillas, existía un "compromiso ideolóxico indubidable". Os seus nove irmáns e o seu pai eran militantes da CNT na "época de esperanza" da II República. Puñan así en práctica o seu "soño revolucionario" ata que foi "afogado polo golpe fascista" e o aparello de represión que estendeu, no caso galego, inmediatamente despois da sublevación do 18 de xullo. Os varóns da casa fuxiron e elas, Maruxa e Coralia, "tiveron que vivir nos seus corpos a represión". O "acoso" dos falanxistas, as ameazas continuas, as humillacións en forma de aceite de ricino ou de cortado forzoso do cabelo "cebáronse nelas". E elas víronse abocadas a "adaptarse, e é moito dicir, á represión, á marxinación e á fame".

No texto que lles dedica Encarna Otero no Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega, destaca que as chamaron “roxas”, e tratáronas de “putas”. "O traballo desapareceu como medio de sustento e de dignidade; a fame estivo presente diariamente nas súas vidas a partir de entón. Continuaron vivindo na rúa do Medio, naquela Compostela dos anos 40, 50, 60 e 70, onde só había escuridade, medo e silencio, moito silencio. O triángulo mortal e inquisidor que formaron Falanxe, Igrexa e Exército no franquismo triunfante tras a guerra esnaquizou a súa fraxilidade e a súa cabeza escachou coma o cristal". Otero salienta que as dúas irmás Fandiño "conseguiron crear un mecanismo de defensa para sobreviviren".

Otero salienta que as dúas irmás Fandiño "conseguiron crear un mecanismo de defensa para sobreviviren"

"Escuálidas como se saísen dun campo de concentración, sen dentes, vestíronse de luz e cor e, cheas de afeites —coma se dunha representación de máscaras se tratase: po de arroz, colorete, carmín— saían a pasear nese Santiago da mediocridade, da miseria e do terror, todos os días, á mesma hora", escribe. "Quizais así viviron felices, na súa loucura desesperanzada e cruel, chea de fame e de miseria pero digna", conclúe Encarna Otero, que lles dá as grazas "pola inmensa luz que lle destes gratuíta e xenerosamente a aquela Compostela tan escura".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.