Os lumes que seguen a depender da climatoloxía

Incendio en Arcos (Manzaneda), nunha foto de arquivo Dominio Público Praza Pública

A Alianza Rural Galega (ARG) advirte de novo dos riscos de lumes en Galicia para este verán. Malia que quere "fuxir de predicións e agoiros catastrofistas" sobre a posible incidencia dos incendios no período de máximo risco, a ARG repara no feito de que a climatoloxía "siga a ser o principal factor determinante" á hora de previr as consecuencias. E todo, malia que os lumes no país "son un conflito cunha fonda base social, sensíbel ás políticas sobre a xestión do territorio".

"A administración está máis preocupada por apagar os lumes físicos e mediáticos que por intervir sobre as causas"

"Isto deixa claro a ineficacia ou o desleixo cómplice da actual administración, máis preoupada por apagar os lumes físicos e mediáticos que por intervir sobre as causas –principalmente socioeconómicas- que os provocan", destaca a Alianza Rural, que advirte de que todo "fica ao abeiro do tempo, único factor sobre o que non se pode intervir directamente",  para que esta tempada "vivamos outra vaga de incendios catastrófica ou que a incidencia do lume sexa menor que outros anos".

"Cunha climatoloxía adversa (altas temperaturas, forte vento e baixa humidade) tanto terán as medidas de extinción que a Xunta artelle a través do institucionalizado Pladiga: o monte seguirá ardendo", insiste nun comunicado a ARG, que cre que neste 2014, e logo dunha primavera e un verán até o de agora moi húmidos, "a franxa atlántica vaise salvar de grandes incendios". "Se a calor vén en agosto e setembro, cabería agardar una maior incidencia dos lumes nas comarcas interiores de Lugo, Ourense e Pontevedra. E de persistir esta situación, os principais focos poderían trasladaranse tamén á franxa atlántica da Coruña e norte de Pontevedra", explican.

"De seguir coa climatoloxía actual, a franxa atlántica vaise salvar dos grandes incendios"

Pero hai moito máis. Se á previsión climática se superpoñen os factores socioeconómicos que causan os lumes (envellecemento da poboación, abandono do rural, forestación con pirófitas e outros cambios nos usos do monte, así como os conflitos coas especies cinexéticas, entre outros), a Alianza Rural Galega sitúa nos distritos forestais III e XII na Coruña; VII, IX e X en Lugo; XII e XIII en Ourense as zonas de "maior risco de conflitos incendiarios".

E hai outros factores non resoltos, como os "vencellados ao uso do lume como instrumento (de protesta, administrativo, de confrontación política ou mediático)" e que poden "ser tamén o detonante dos lumes naquelas comarcas, particularmente as costeiras, nas que os incendios amosan ademais un maior risco para a poboación por producírense en áreas periurbanas ou con importante concentración poboacional".

A análise, segundo a Alianza Rural, amosa "a miopía dunha administración que insiste en apostar todo á extinción abandonando a prevención e que mesmo pretende criminalizar a cidadanía das comarcas con máis lumes, como se o problema incendiario fose só cuestión de orde pública". Pero tamén, "o desleixo e falla de responsabilidade da Xunta que prefire pasarlle a bóla aos concellos e encomendarse á virxe do Rocío que afrontar o conflito dos lumes como un problema social e como tal, resolúbel con métodos participativos, formación, información e concienciación".

© ARG
Contra os incendios forestais CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.