Traballadores e vítimas reclaman responsabilidades políticas un ano despois da traxedia do Alvia

Homenaxe ás vítimas de Angrois, o 31 de xullo de 2013 © Parlamento de Galicia

Un ano despois da traxedia que o 24 de xullo de 2013, ao redor das 20.41 horas, provocou a morte de 79 persoas en Angrois, son moitas aínda as preguntas que seguen sen ser respondidas, e en cambio repítense as esixencias de depuración de responsabilidades políticas polo sucedido e a demanda de que se adopten todas as medidas de seguridade e coordinación prometidas (e incumpridas) para evitar novos sinistros. 

Este xoves, vítimas e familiares das vítimas da traxedia concentráronse na praza do Obradoiro para esixir "a verdade" sobre o sucedido e que se "depuren responsabilidades" por un accidente producido por non eliminar o risco neste treito. A protesta realizouse contra a "verdade oficial" que só sinala como responsable o condutor, "que efectivamente se distraeu" pero que, destacan, "lamentou que as súas advertencias non foran atendidas a tempo: "xa lle dixen ao de seguridade que esa curva era perigosa, que un día a íamos tragar. Somos humanos e isto podía pasar". "Non hai dereito a que nos dean unha medalla quen nos negan a verdade", denunciaron esta mañá en Compostela, antes de sinalar que "non queremos ver os políticos que nos negaron unha investigación".

Os representantes das vítimas lembraron a súa demanda da constitución dunha comisión de investigación, engadindo que "por 20 ou 10 veces negárona o Partido Popular e o Partido Socialista. Dende logo a verdade non a queren saber, porque o único que din son mentiras". Tamén subliñaron que "os actuais 12 imputados do consello de administración de Adif negáronse a declarar", engadindo que "están no seu dereito, pero nós pensamos que se non teñen nada que ocultar o que teñen que facer é declarar e colaborar coa Xustiza para que se saiba a verdade".

"Non hai dereito a que nos dean unha medalla quen nos negan a verdade", denunciaron esta mañá en Compostela, antes de sinalar que "non queremos ver os políticos que nos negaron unha investigación"

De igual xeito, nunha mesa redonda organizada este mércores por Galicia Confidencial na Facultade de Xornalismo da USC, o presidente da Plataforma Víctimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, pediulles aos medios de comunicación "máis coidado" e evitar a emisión "constante" das imaxes do accidente, sinalando que causan "gran dor".

 

Traballadores

Non son as únicas críticas. A Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia denunciou este mércores que a "falta de coordinación" entre os servizos de salvamento denunciada polo colectivo durante o operativo de rescate posterior a o accidente do Alvia en Angrois persiste un ano despois, dado que os "responsables políticos" non puxeron en marcha "medidas" orientadas a corrixir esta situación. "A realidade é que ningún responsable político tivo o máis mínimo interese en analizar o que ocorreu en Angrois, nin sequera de maneira construtiva, como parte dunha aprendizaxe que nos pode resultar a todos moi útil", afirma un manifesto. 

Denuncian igualmente a entrada de empresas privadas nos parques comarcais: "Un ano despois, e avalados polo éxito de operativo de Angrois, os nosos políticos decidiron seguir apostando por este modelo. O modelo da precariedade laboral, da precariedade profesional", critican. "Non pode existir en Galicia un plan real de coordinación dos Servizos de Emerxencia cando existen tantos e tan variados grupos de actuación con diversidade de formas de acceso e formación, así como de contratación, como tampouco existe un sistema eficaz de integración capaz de facelos traballar ao unísono cando é necesario facelo", conclúen.

"Un ano despois, e avalados polo éxito de operativo de Angrois, os nosos políticos decidiron seguir apostando por este modelo. O modelo da precariedade laboral, da precariedade profesional", critican os bombeiros

Así mesmo, un cento de traballadores de Renfe Operadora e de Adif concentrouse na estación de Valladolid amosando unha faixa coa lenda "Por un ferrocarril público e seguro. En recordo das vítimas de Santiago". O presidente do comité de empresa de Adif, Agustín Lumbreras, fixo unha defensa do ferrocarril como servizo público e advertiu que "en seguridade sempre se poida facer máis". Nun comunicado conxunto dos dous comités de empresa laméntase que é "agora" cando "vemos como no tramo do accidente se instalaron sinais e equipos de seguridade que non existían antes e que, de instalarse no seu día, non tería sucedido o accidente".

 

Partidos

O presidente do comité de empresa de Adif, Agustín Lumbreras, fixo unha defensa do ferrocarril como servizo público e advertiu que "en seguridade sempre se poida facer máis"

Tamén chegan críticas dende os partidos políticos. AGE sinalou este xoves que "nega" a "participar nas hipócritas cerimonias dos partidos turnistas polo aniversario do accidente de Angrois". “En ningún país europeo un accidente destas características quedaría resolta sen que ninguén asumise responsabilidades políticas”, sinalou Antón Sánchez. Sánchez denuncia que populares e socialistas “póñense de acordo para bloquear a comisión de investigación e aínda ninguén, nin do Goberno do PSOE anterior nin do do PP explicou o decisivo cambio do proxecto orixinal”.

De igual xeito, hai uns días o BNG volveu solicitar a creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego sobre a traxedia de Angrois. Para o BNG é un “escándalo e un atropelo democrático” vetar a comisión de investigación “coa que se quere analizar o que pasou, determinar responsabilidades e evitar que poda repetir”. O Bloque denuncia "a actitude obstrucionista dos altos cargos do Adif dependentes do Ministerio de Fomento ante a xustiza", e remite ao auto xudicial no que "se constata a deficiencia do trazado, a decisión de reducir as prestacións da alta velocidade na zona, a insuficiencia da sinalización e das medidas de seguridade que terían evitado o accidente".

Homenaxe ás vítimas de Angrois, o 31 de xullo de 2013 © Parlamento de Galicia
Vítimas do accidente, nas inmediacións do Congreso dos deputados CC-BY-SA Plataforma Víctimas Alvia 04155

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.