Pedraz pide axuda á UE para lograr que declaren os presuntos asasinos de Couso

Concentración ante a Embaixada dos EUA por José Couso Dominio Público @VirginiaUzal

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz acordou poñer en coñecemento de Genocide Network, unha organizacón internacional fundada polo Consello da UE, a súa investigación do caso Couso, co obxecto de que interrogue os militares estadounidenses procesados polo crime do camarógrafo galego en Iraq.

Pedraz intenta así sortear a negativa dos EUA a que os tres militares comparezan ante a xustiza española

Pedraz adoptou esta decisión ante a negativa dos Estados Unidos a que comparezan ante a xustiza española, "nin aínda sequera solicitando a oportuna asistencia xudicial ás autoridades norteamericanas". Segundo lembra no seu auto, "nin tan sequera se puideron inserir as ordes internacionais de busca e captura en Interpol porque esta negouse ao considerar, a instancias dos Estados Unidos, o delito como un asunto militar".

Agora Pedraz recorre ao estatuto de Roma que contempla a cooperación internacional para loitar contra a impunidade e remite a Genocide Network -rede de puntos de contacto en relación co xenocidio, crimes de guerra e crimes contra a humanidade- todas as circunstancias da investigación. Genocide Network foi creada no seo da organización de cooperación xudicial europea Eurojust.

O xuíz xa se negara a arquivar o caso tras a reforma da xustiza universal impulsada polo PP

O pasado marzo, o xuíz Pedraz negouse a arquivar o caso Couso pola reforma da xustiza universal impulsada polo Partido Popular. O maxistrado considera que a aplicación desa reforma na investigación sobre o crime do informador conviría a Convención de Xenebra.

O maxistrado lembra que os tres militares procesados están acusados dunha grave violación do dereito internacional humanitario, ao tratarse dun ataque indiscriminado contra a poboación civil, en concreto xornalistas, en concurso con homicidio.

A Xustiza norteamericana limitouse a seguir un "expediente militar" que, segundo Pedraz, non reúne "os canons minimamente exixibles nun Estado de Dereito" nin satisfai desde a perspectiva constitucional "as esixencias derivadas da aplicación do dereito á tutela xudicial efectiva por unha xustiza independente e imparcial".

O organismo de cooperación internacional Eurojust foi creado en 2002 co obxectivo de apoiar e reforzar a coordinación e a cooperación entre as autoridades estatais na loita contra as formas graves de deliencuencia transforteriza na UE. Cada un dos 27 Estados membros nomea un representante de alto nivel para traballar nesta organización, que adoitan ser fiscais, xuíces ou funcionarios de policía con competencias equivalentes e de recoñecida experiencia.

José Couso en Iraq © xornalistas.org
Concentración ante a Embaixada dos EUA por José Couso Dominio Público @VirginiaUzal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.