Persoal sanitario da Coruña e Vigo volve saír á rúa contra os recortes

Manifestación ante o Xeral en Vigo Dominio Público @AnovaVigo

Persoal sanitario da Coruña e de Vigo volveu saír á rúa contra os recortes no seu ámbito, a favor da sanidade pública e contra a privatización, e no caso da cidade olivica, tamén en contra da ubicación do laboratorio central da área no hospital Meixoeiro.

Persoal do CHUAC séguese a manifestar para que se contrate novo persoal nunhas Urxencias "desbordadas"

Na cidade herculina, medio cento de traballadores do servizo de urxencias do Complexo Hospitalario da Coruña concentráronse na mañá deste martes fronte ás instalacións sanitarias. Exixen, con esta nova protesta, a contración de novo persoal para a área xa que, segundo asegura, atópanse "desbordados". Así, denuncian que o tamaño do servizo, tras a apertura das novas Urxencias, non veu acompañado dun incremento de traballadores, o que fai imposible atender de maneira axeitada os pacientes.

Ante esta situación, o persoal sanitario di ter mantido xa diferentes xuntanzas coa dirección do CHUAC para manifestarlles as súas peticións, que polo momento non foron atendidas.

Profesionais de Vigo protestan pola ubicación do laboratorio no Meixoeiro e non no novo hospital

No caso de Vigo, tamén arredor de medio cento de sanitarios percorreron as rúas da cidade para protestar pola ubicación do laboratorio centro da área sanitaria no hospital Meixoeiro e non no novo que se está a construír en Beade. Segundo denuncia, esta decisión aumentará a mortalidade e morbilidade de determinados pacientes.

Carmen Albo, adxunta ao servixo de hematoloxía do CHUVI, asegurou que a ubicación do laboratorio central, a once quilómetros do hosptial de referencia, provocará atrasos nos diagnósticos, un aumento da hospitalizaicón e, "posiblemente maior mortalidade para os pacientes". Os profesionais aseguran que as súas peticións céntranse en informes técnicos e de sociedades científicas e aseguran que o Sergas non fixo públicos os seus, "se é que os teñen".

Logo de que diversos profesionais puxesen varios exemplos de casos nos que a ubicación do novo laboratoria podería ser prexudicial, tamén cualificaron de "incomprensible e inútil" que o Sergas adxudicase recentemente por concurso público 800 probas de laboratoria a unha empres externa cando se poderían repartir entre os hospitais públicos ou centralizalas e facelas todas nun.

Manifestación de sanitarios en Vigo Dominio Público @GalizaCIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.