Máis de 20 deputados galegos piden unha Coruña "libre de touradas"

Manifestación de 'Galicia, mellor sen touradas' na Coruña © GMST

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas vén de facer público o manifesto "A Coruña libre de touradas" asinado por 23 deputadas e deputados do Parlamento galego e no que se pide de xeito taxativo a supresión de calquera tipo de apoio público á realización dunha hipotética feira taurina no municipio.

O manifesto contra calquera tipo de apoio público ás touradas está asinado por 23 deputados do Parlamento

O documento asinado polos parlamentarios galegos recupera a Declaración Universal dos Dereitos do Animal ratificada pola UNESCO en 1978 e que de xeito sorprendente forma parte do preámbulo da Lei 1/93 de Protección Animal de Galicia, a mesma que exclúe os eventos taurinos da prohibición de espectáculos con animais no seu artigo 5º. O texto sostén que esta declaración internacional "semella converterse en papel mollado".

Para os deputados "resulta dunha tremenda indignidade dedicar recursos e medios públicos para a celebración de espectáculos de violencia" e engade o manifesto que "non se pode entender como un goberno municipal é capaz de non escoitar á cidadanía e tomar a determinación de suprimir os festexos taurinos", en clara alusión á falta de respostas do Concello da Coruña aos requerimentos da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e outros colectivos ao redor da posibilidade de convocatoria dunha consulta local, ou de que se someta ao criterio da rúa a pervivencia ou non das touradas.

"Non se pode entender como un goberno municipal é capaz de non escoitar á cidadanía e tomar a determinación de suprimir os festexos taurinos"

Neste sentido, os asinantes tamén advirten de que o entramado taurino localizado na cidade "só responde a un interese economicista de certos lobbies e sectores interesados en que os festexos taurinos continúen a ser unha excepción normativa" cualificando esta excepción tamén como "anormalidade lexislativa". A totalidade dos grupos parlamentares de AGE e BNG suscribiron esta iniciativa dos abolicionistas, ao igual que oito deputadas e deputados do PSdeG-PSOE. Varios deputados socialistas desculparon a súa sinatura ao non estar presentes no momento de rexistro.

Todos os deputados de AGE e do BNG e oito do PSdeG asinaron o manifesto

Os abolicionistas entenden que o manifesto reflicte a unha importante mostra representativa do posicionamento que dende outras institucións se está a tomar como contrapoder aos movementos dun PP que goberna para os grupúsculos taurinos e nega a capacidade de decisión ao conxunto da Sociedade. Lembran dende a plataforma que tamén deputados do Partido Popular amosan, todavía en "petit comité", unha postura radicalmente oposta á liña marcada polo propio "lobby" taurino interno.

 

"Non enganan a cidadanía nen agradan aos abolicionistas"

Rubén Pérez, voceiro de Galicia, Mellor Sen Touradas, quixo responder ás declaracións de Carlos Marcos (Unión Coruñesa) ao respecto da reprogramación da feira taurina no mes de Outubro:

"O único anuncio que agradará ao conxunto da cidadanía será a supresión de calquera apoio e concesión pública á realización de festexos cruentos cos animais na nosa cidade. É unha cuestión de ética, non de gustos, e quizáis o señor Marcos debería replantexarse sumar nalgún dos bandos, e non ficar na ambigüidade".

"Os colectivos abolicionistas estamos dispostos a sumar forzas e seguir fortalecendo a oposición a que o maltrato animal sexa unha política pública, que dende 2011 xa enguliu 600.000 euros de todas e todos nós".

Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira
Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.