Prolingua exixe a verdade á Xunta ante a "dramática" situación do galego no ensino

Membros de Prolingua, como Fernández Paz, Bragado ou Docampo CC-BY-SA Praza Pública

Prolingua esíxelle ao conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, que faga públicos dunha vez os resultados da avaliación da situación do galego no ensino. A organización cualifica de "alarmante" a sáude do idioma propio nas escolas, especialmente nas primeiras idades educativas e nas cidades. Segundo aseguran nunha carta dirixida a Vázquez, o actual contexto do galego na educación supón unha perda de "liberdade lingüística".

Prolingua cualifica de "alarmante" a saúde do galego no ensino, especialmente en Primaria e nas cidades

Prolingua reclama así a avaliación e o seguimento dos tres últimos cursos nos centros educativos non universitarios, uns datos que estaban previstos por decreto, así como os efectos dos programas de fomento da lingua en cada centro. Ademais, solicita que se publique un paa de uso das linguas nos colexios e os seus proxectos lingüísticos, así como os procedementos que se seguen para a avaliación inicial das competencias en Primeira e Secundaria.

O texto de Prolingua foille remitido tamén á Real Academia Galega, ao Consello da Cultura Galega e aos partidos políticos. “Está en perigo a liberdade lingüística de boa parte da cidadanía, de milleiros de nenos e nenas galegofalantes, esencial nunha sociedade democrática”, aseguran, tras cualificar de "dramática incerteza" a situación para a lingua propia.

A asociación lémbralle ao conselleiro que el mesmo recoñeceu que o galego non acaba nin un 11% nos centros das cidades

Así, lembran que foi o propio conselleiro quen recoñeceu que o galego non acadaba nin o 11% de presenza nos centros das sete grandes cidades, o que supón “un retroceso sen precedentes no emprego da lingua galega nun período educativo decisivo para a consolidación das competencias de comunicación lingüística por parte de todo o alumnado”.

Segundo Prolingua, que se incumpra a lei e as distintas normativas en materia lingüística é evidente cando o 85 % do alumnado galego non pode desenvolver a súa etapa escolar en lingua galega.

"Presentar os datos referidos a toda Galicia sen facer ningunha separación é un xeito de enmascarar a realidade. É unha evidencia que a utilización da lingua galega nos centros con alumnado de contornas non urbanas (case todos públicos) adoita ser alta. Pola contra, nos centros con alumnado de contornas urbanas a presenza da lingua galega adoita ser mínima ou anecdótica. De aí a necesidade de presentar os datos separados segundo o tipo de centro", asegura Prolingua nun texto que titula A triste realidade da lingua galega na Educación Infantil: Só a verdade nos fará libres.

Membros de Prolingua, como Fernández Paz, Bragado ou Docampo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.