784 quilómetros en bicicleta para difundir o veganismo

No Cebreiro Dominio Público Praza Pública

O domingo, pasadas as nove da mañá, Pedro Jesús López-Toribio, ciclista vitoriano residente en Murcia, iniciou o Camiño de Santiago en bicicleta dende Roncesvalles. Isto non sería noticia se non fose porque o seu obxectivo era completar o percorrido até Compostela nunha soa etapa, sen deterse, un total de 784 quilómetros. E porque López-Toribio buscaba con este reto promover os hábitos e valores do veganismo, que rexeita o uso de animais para a alimentación ou o vestido. E para demostrar de igual xeito que mesmo para un esforzo deste calibre existen fontes proteicas alternativas ás procedentes dos animais.

O ciclista partiu dos Pireneos con moito ánimo e bo tempo, que afortunadamente o acompañou até Galicia. Chegou sen incidentes (aínda que se trabucou nunha parte do Camiño á altura de Logroño) a Burgos, onde caeu a noite, pero el seguiu pedaleando na escuridade, até León, onde viu amenceu. A partir de aí comezaron os problemas: fallos no GPS (que deixou finalmente de funcionar) e, sobre todo, na súa roda traseira, ascendendo precisamente as montañas previas á entrada en Galicia. Ademais, o cansazo acumulado comezou a facer efecto, despois de máis de 30 horas de percorrido. Mesmo así López-Toribio puido continuar, superando o Cebreiro ás tres da tarde do luns.

Ás oito da tarde chegaba a Portomarín, co convencemento de completar o seu reto, aínda que fose de madrugada. Nas redes sociais, onde os amigos que o acompañaban nun coche ían relatando o percorrido, os últimos quilómetros parecían unha conta atrás: 35 quilómetros a Compostela, 18 quilómetros, 10 quilómetros... O esgotamento e o habitual trazado rompepernas das estradas galegas dificultaban este último esforzo. Pero finalmente, case ás dúas da madrugada -despois de máis de 40 horas de pedalear sen descanso- o activista entraba na Praza do Obradoiro, onde agardaban por el algúns amigos e outras persoas, que foran seguindo o seu reto a través da rede.

Hai uns días, nunha entrevista publicada no medio especializado Ciclosfera, López-Toribio destacaba que o seu obxectivo era "derrubar o mito de que os veganos temos unha alimentación deficitaria, que nos faltan nutrientes, que nos faltan proteínas, cando é precisamente todo o contrario e ademais non adoitamos padecer enfermidades claramente aparelladas ás dietas baseadas en produtos animais, como enfermidades cardiovasculares, hipertensión, diabetes, osteoporose, arterioesclerose...".

Engadía que "moitas persoas poden ter empatía e sentir compaixón polos animais que acaban no seu prato fisicamente ou en calquera caso sofren un inferno para a obtención de produtos como lácteos ou ovos, pero se seguen pensando que se deixan de comelos enfermarán e morrerán, será difícil que dean o paso. Para iso debemos traballar en derrubar eses mitos en diversos ámbitos, e o deporte ofrece unha fiestra marabillosa para amosalo". "Existe unha gran desinformación tanto na cantidade coma na calidade das proteínas que necesita o corpo humano. O mundo vexetal ten tanto en cantidade como en calidade o nivel de proteínas para nós", engadía nesa conversa

Punto de partida do reto Dominio Público Praza Pública
Pedro Jesús López Toribio non se detivo nin sequera pola noite Dominio Público Praza Pública
Entrando en Galicia Dominio Público Praza Pública
No Obradoiro, pasada a unha da madrugada Dominio Público Raúl Mella

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.