0 Gardados para despois

A presión social acurrala a Cosmos, que ameaza con marchar se lle vetan a mina

Redacción | @prazapublica

A presión social sobre a polémica mina de Cementos Cosmos aumenta. A canteira da cementeira reiniciou neste mes a súa actividade logo de dez meses parada e tras recibir o visto e prace da Xunta e do Concello malia os expedientes en contra da Confederación Hidrográfica e o Comité Asesor do Camiño e os danos que provoca na Cova Eirós. Diversos colectivos denuncian a irregularidade dunha explotación que ven incompatible co respecto ao patrimonio cultural, paisaxístico e arqueolóxico do que goza esta zona de Triacastela. Agora, a empresa enfróntase a dous recursos de reposición da licenza municipal concedida, unha denuncia ante a Policía Autonómica, unha proposición non de lei presentada por AGE no Parlamento ou ás críticas ás continuas supostas irregularidades que as asociacións censuran, como que incumpra o propio código de conduta do grupo ao que pertence.

Cosmos ameaza con deixar de operar en Galicia se lle pechan a polémica mina de Triacastela

A resposta de Cementos Cosmos foi clara: se non pode explotar a canteira de Vilavella, non terá materia prima para a fábrica de Oural, en Sarria, e a fábrica non producirá. Xa que logo, ameaza con deixar de operar en Galicia se lle pechan a mina. Pero as eivas que se lle atribúen aos seus traballos son cada vez maiores. Así, dous colectivos integrados en Contraminacción presentaron xa cadanseu recurso de reposición contra a licenza concedida polo Concello, solicitando a súa suspensión inmediata. Ademais, nos vindeiros días presentaranse novos recursos por parte doutras asociacións desta mesma rede.

Nos recursos de Cova Crea e Petón do Lobo, exíxese a "suspensión inmediata da licenza concedida á empresa Cementos Cosmos, así como a revisión da mesma, por entender que reviste o carácter de acto administrativo nulo de pleno dereito". Así, explican que o recoñecemento administrativo por parte da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, "limítase ao proxecto de explotación e plan de restauración vixente a 1 de xaneiro de 2003, non podendo ser obxecto de recoñecemento administrativo as ampliacións ou modificacións posteriores a esa data".

Dous colectivos presentaron cadanseus recursos de resposición á licenza municipal por inentar "regularizar unha actividade extractiva" que xa non é a mesma

"Ao tratarse dun proxecto diferente do anteriormente aprobado  precisaría, para ser levado a cabo conforme a lexislación vixente, da correspondente avaliación ambiental, así como da análise dos impactos directos e indirectos da actividade na área na que se desenvolve", din os colectivos, que advirten de que "non se trata dunha simple regularización dunha actividade extractiva xa existente".

A explotación atópase enriba da Cova de Eirós, unha xoia arqueolóxica e da arte rupestre de Galicia, que xa foi danada no pasado e que está a sufrir filtracións de auga que danan as pinturas, así como os efectos das voaduras e detonacións na súa contorna, algo que o propio departamento de Patrimonio Cultural recoñece, "a pesar de informar favoravelmente permitindo detonacións a só cincuenta metros do espazo".

Do mesmo xeito, a mina afecta o leito do río Teixido, en Rede Natura, e ao ámbito de protección do Camiño de Santiago, ademais de a cinco aldeas e ás vías de comunicación entre elas. "A pesar diso, foi outorgada unha licenza sen avaliación dos impactos dun xeito totalmente irregular no procedemento e contra o máis elemental senso común", di Contraminacción, que exixie a "paralización inmediata e a suspensión da autorización de actividade".

 

Denuncia ante a Policía Autonómica

Por outra banda, a asociación O Iribio vén de denunciar a explotación mineira ante a Policía Autonómica, á que informou sobre o "incumprimento dos requisitos e condicións de obrigado cumprimento que establece a licenza outorgada a nivel municipal e a total inacción do Concello de Triacastela para facelas cumprir".

Aínda que a citada autorización se activou o pasado 1 de agosto, non foi ata 12 días despois cando o colectivo puido consultar o expediente de maneira completa, co que constatou "o flagrante incumprimento da filial de Votorantim dos condicionantes impostos ás tarefas mineiras" polo permiso municipal e polo que solicitou a paralización da actividade.

O Iribio denuncia a Cosmos ante a Policía Autonómica por incumprir as condicións que impón a propia licenza municipal

A licenza establece que determinadas cuestións son previas ao reinicio da actividade extractiva. Entre elas, diversas autorizacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que aínda non foran concedidas: a autorización para o vertido de augas no leito do río de Teixido, a autorización para actividades e obras dentro do Dominio Público Hidráulico, un proxecto que contemple medidas estabilizadoras de taludes, un proxecto para sistemas de drenaxe e depuración das augas de escorrentía ou a execución dun expediente sancionador pola afectación directa de Cementos Comos ao dominio público hidráulico.

Ademais, a licenza municipal tamén esixe a presentación na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dun "plano de protección e conservación do xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós", por agora inexistente, ao igual que "un novo proxecto de explotación que se axuste aos criterios de protección do Camiño de Santiago, que deberá ser verificado e autorizado por dito organismo".

A Policía Autonómica inspeccionou xa as actividades de Cementos Cosmosen Triacastela

A asociación pediu ao Concello que asumise as súas competencias e suspendese inmediatamente a actividade na mina. Pero nada fixo. Ante esta situación, o pasado 18 de agosto denunciou os feitos diante da Policía Autonómica de Lugo, que inspeccionou as actividades de Cementos Cosmos en Triacastela, e redibiu diversa documentación para adxuntar á denuncia.

Por non cumprir, segundo denuncian varias asociacións, Cosmos non cumpre nin o código de conduta do grupo ao que pertence. Así o denuncia Salvemos Cabana, que lembra que Votorantim comprométese na súa normativa interna a "manter canles de diálogo permanente con todas as comunidades nas que está presente" e que "o investimento en proxectos sociais, culturais ou ambientais debe ser orientada coas demandas reais das comunidades, ademais de estar alineada ás directrices do Instituto Votorantim, de maneira que cumpra os proxectos efectivamente comprometidos en fomentar a transformación social" porque "a construción e fortalecimiento da imaxe e reputación do grupo" tamén se dan a través do "diálogo e comportamento" coas poboacións.

Nada diso se cumpre, polo que a plataforma enviará un informe completo á central da multinacional brasileira a través da súa Liña Ética para poñer en coñecemento da compañía os datos de que dispón sobre a inviabilidade da súa operación minera en Triacastela.
 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.