0 Gardados para despois

As normas que evidencian a nulidade da licenza de Cementos Cosmos

Redacción | @prazapublica

Máis atrancos para Cementos Cosmos. O grupo parlamentario de AGE rexistrará un recurso de reposición -outro máis- ante o Concello de Triacastela e un requirimento á Consellería, solicitando á anulación da licenza outorgada á empresa para a explotación de Don Isidro, por defectos no procedemento e "por non garantir a adecuada protección dos valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais".

AGE presenta recurso de reposición ante o Concello de Triacastela, como xa fixeran antes outros colectivos, e un requirimento á Consellería

AGE considera que se trata dunha "licenza nula de pleno dereito" porque "omite o legalmente establecido na Lei de Ordenación urbanística de Galicia ao estar parte dos terreos clasificados como rústico de protección patrimonial". Ademais, segundo Alternativa, o obxecto da licenza "corresponde á localización da Cova de Eirós, onde está acreditada a existencia de manifestacións de arte rupestre", como consta no propios informes emitidos e lle consta a este Concello de Triacastela como resultado dos traballos arqueolóxicos alí realizados.

Xa nesta semana, dous colectivos integrados en Contraminacción presentaron cadanseu recurso de reposición contra a licenza concedida polo Concello, solicitando tamén a súa suspensión inmediata. Ademais, nos vindeiros días presentaranse novos recursos por parte doutras asociacións desta mesma rede.

AGE di que se omite que Cova Eirós é BIC en aplicación da Lei e partes dos terreos e solos son de protección patrimonial

Tal e como lembra AGE, a Lei de Patrimonio Histórico Español determina que “quedan declarados Bens de Interese Cultural (BIC) as covas, abrigos e lugares que conteñan manifestacións de arte rupestre", mentres que a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia asegura que “todos aqueles bens mobles e inmobles que fosen declarados de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desta lei pasarán a ter a consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ó mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes”.

En consecuencia, e segundo Alternativa, a Cova de Eirós é, por lei, un BIC e a consideración deste xacemento como BIC é "independente de que a Xunta teña incumprido a súa obriga legal de proceder a aprobar o seu contorno de protección". "A Cova de Eirós é BIC, por ministerio da lei, e tal consideración como BIC non precisa de acto”, destacou o deputado Antón Sánchez.

AGE tamén alerta de que nesta mesma lei galega establécese a categoría de solo rústico protexido "para zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico, que estean previstas no planeamento ou na lexislación sectorial que lles sexa aplicable” precisándose que "ando un terreo, polas súas características, poida corresponder a varias categorías de solo rústico, optarase entre incluílo na categoría que outorgue maior protección ou ben incluílo en varias categorías, cuxos réximes se aplicarán de forma complementaria; neste caso, se se produce contradición entre os devanditos réximes, prevalecerá o que outorgue maior protección”.

Ademais, a Disposición Transitoria Primeira da LOUG determina que “Ao solo clasificado polo planeamento vixente como non urbanizable ou rústico aplicaráselle integramente o disposto nesta lei para o solo rústico”. O Concello de Triacastela carece de planeamento municipal polo que lle é de aplicación as Normas Subsidiarias de Planeamento Provincial de Lugo, onde se precisa unha área de protección de 200 metros para o suposto de xacementos arqueolóxicos.

"O feito de que a Cova de Eirós non figure no anexo de catálogo patrimonial de ditas Normas Subsidiarias de Lugo é intrascendente dado que, como xa se dixo, dito lugar é un BIC por ministerio da lei e forma parte como BIC do inventario patrimonial de Galiza, polo cal resulta de aplicación", di AGE, que aclara que, xa que logo, a Cova de Eirós, en canto BIC, e a contorna de 200 metros da súa zona de influencia, é, a efectos de clasificación urbanística, "solo rústico protexido de interese patrimonial".

Tal e como consta no expediente, a licenza municipal non foi precedida da previa autorización da Xunta nin tampouco foi obxecto de valoración polo Consello da Xunta a compatibilidade ou non da explotación cos valores naturais, ambientais, paisaxísticos e de patrimonio cultural existentes ou coa súa vinculación a pactos ambientais. "A omisión do trámite de outorgamento de licencias para explotacións mineiras en solo rústico protexido patrimonial contido na DT 12ª da LOUG é evidente e manifesto, coa consecuencia xurídica da súa nulidade de pleno dereito", insiste AGE, que alerta doutras alegacións sobre a omisión indebida do trámite ambiental, pola improcedente aplicación da DT 12ª, pola incoherencia co contido dos informes sectoriais que alertan dos riscos da explotación sobre a Cova de Eirós, e o Camiño de Santiago, ou por outorgar unha licenza en terreos parte dos cales están nun litixio de recuperación posesoria municipal.

“Sobran as razóns para paralizar inmediatamente a actividade, anular a licenza e garantir a conservación"

Ante isto, Alternativa Galega de Esquerda cre que “sobran as razóns para paralizar inmediatamente a actividade, anular a licenza e garantir a conservación dos valores anteriormente citados, a non ser que as administracións, Concello e Xunta de Galicia, non traballen para o interese xeral”.

 

Medidas insuficientes e ineficaces

Por outra banda, a plataforma Salvemos Cabana considera "ineficaces" as medidas propostas por Cementos Cosmos para paliar os efectos da súa actividade minera en Triacastela. O colectivo lembra que a actividade extractiva na canteira de Vilavella prexudica seriamente a conservación do xacemento arqueolóxico  de Cova Eirós e orixina un grave impacto visual nuns dos tramos máis espectaculares de todo o Camiño de Santiago, protexido pola Rede Natura 2000 e incluído dentro do LIC Ancares-Courel.

A cementeira plantexa agora deixar un macizo de protección de 50 metros de rocha ao redor da cova sen explotar coa intención de continuar a súa actividade, incluíndo a realización de voaduras, supoñendo que isto non vai ter un efecto significativo sobre a integridade no santuario rupestre de Cova Eirós.

"A total eliminación do terreo por parte de Cementos Cosmos sobre o teito do enclave -pois aproximadamente dúas terceiras partes da cova atópanse baixo a canteira-, derivou na afectación directa á mesma debido ao incremento da filtración, provocando un cambio nas condicións de humidade e polo tanto todos os problemas que imposibilitan a conservación efectiva do xacemento, en especial das súas pinturas rupestres", destaca a plataforma, que cre que pretender agora "un borrón e conta nova", tras alterar de xeito irreparable a contorna, non é suficiente con afastar unhas decenas de metros as actividades.

"É tan só un acto de cinismo cando a realidade é que a súa tarefa extractiva dificultou considerablemente a conservación deste xacemento de primeiro nivel, auténtica catedral do Paleolítico galego e ata nos informes de Patrimonio que valoran a autorización a Cosmos advírtese que a proximidade da actividade minera 'supón un alto risco para a conservación do xacemento debido ao uso de explosivos", rematan.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.