Os libros de texto encarecen por riba do IPC mentres a Xunta apela á "solidariedade"

Banco de libros nun colexio de Oleiros © Concello de Oleiros

O novo curso escolar está a piques de comezar e, con el, as familias terán que facerlle fronte á compra de libros de texto, toda vez que o sistema de axudas parciais da Consellería de Educación deixa fóra arredor do 30% de alumnado e, ademais, nas familias ás que si chega adoita non cubrir o custo total dos manuais. Neste contexto, as estimacións que realizan as empresas editoras dos libros escolares no Estado, agrupadas na asociación ANELE, indican que o seu prezo incrementará levemente a respecto do curso pasado, mesmo nun contexto no que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) está a baixar. Neste contexto, a Xunta apela á "solidariedade" das familias para paliar a situación, pero sen valorar, en ningún caso, a volta ao sistema de préstamo.

Os cálculos de ANELE indican que no curso 2014/2015 os manuais escolares subirán un 0,8%, mentres que os prezos xerais están a descender un 0,5%, segundo o dato máis recente do INE. Aínda que a propia organización empresarial advirte de que os prezos finais poden rebaixar as súas estimacións de suba -xa aconteceu o ano pasado-, sinala tamén que "a evolución negativa" do mercado dos manuais escolares nos últimso anos favorece o encarecemento. A causa, din, é "a notable redución da venda de exemplares e da compra por parte dos alumnos, o que ten unha inmediata repercusión na redución das tiraxes e, conseguintemente, no custo por exemplar, ao ter que repercutir os custos fixos en bastantes menos exemplares".

As empresas editoras achacan a suba de prezos á caida nas vendas, que cifran nun 25% no conxunto do Estado

Así as cousas, admiten, "por máis que os prezos das materias primas e dos procesos de fabricación non se incrementen, si o fai o custo por exemplar de libro impreso e vendido". En apenas media década, sinalan, a venda de exemplares caeu máis dun 25% en todo o Estado, en boa medida porque "a compra de libros pasou de 7,13 a 4,8 exemplares por alumno e ano". Así e todo, esta organización de editores amósase extremadamente crítica cos sistemas de préstamo como o implantado en Galicia en tempos do bipartito e liga, como o Goberno galego, a acumulación de manuais escolares nas casas do alumnado cun maior rendemento escolar.

A receita da Xunta

Malia moverse neste escenario os plans do Goberno galego non pasan por moverse un centímetro da denominada Gratuidade Solidaria, o modelo de subsidios parciais prexudicial para as familias pero tamén par a Administración, toda vez que xa é un 40% máis caro que o modelo de préstamo mentres cada vez fica máis alumnado fóra das axudas. Despois de que, no inicio do pasado curso, se estendesen os bancos de libros organizados por asociacións de nais e pais e algúns concellos, dende a pasada primavera a Consellería de Educación vén recomendando a extensión desta práctica ou, o que é o mesmo, a autoorganización das familias para paliar o recorte practicado dende o propio Goberno.

A Xunta négase a recuperar o sistema de préstamo pero insta as ANPAS a "estender" os bancos de libros, creados para paliar os recortes

Nesta liña, a pasada primavera a oposición parlamentaria galega solicitáballe ao departamento de Jesús Vázquez uha avaliación dos resultados do seu modelo de axudas e, ademais, unha valoración do informe no que a Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, recomendaba "aplicar preferentemente sistemas de préstamo e reutilización de libros de texto, pola súa maior eficiencia e menor custe" e, ademais, pola súa "indubidable contribución ao proceso educativo do alumnado e á adquisición de hábitos cívicos e de convivencia". A resposta da Consellería foi manter a súa posición e guindar a pelota ao tellado das familias.

"A Consellería pode aceptar e compartir o espírito das recomendacións da Defensora del Pueblo", dicía a resposta, na que a Xunta manifestaba tamén o "compromiso de axudar na adquisición de libros de texto a quen máis o necesita". O "modelo de acceso aos libros de texto é unha cuestión complexa que afecta ás Administracións educativas, aos centros, ás familias, aos libreiros e aos editores" e por iso o Executivo "recoñece o valor de experiencias xurdidas da propia sociedade, como os bancos de libros das ANPAS". Así as cousas, a Xunta ve necesario "propiciar que esta solidariedade e esta cooperación poidan estenderse ao conxunto do sistema educativo da nosa comunidade". Na mesma liña, o PP sacou adiante en solitario unha iniciativa para animar a crear este tipo de bancos de libros.

Banco de libros nun colexio de Oleiros © Concello de Oleiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.