O eucalipto ameaza o monte Pindo un ano despois do incendio

Lirio de monte, especie en risco que logrou sobrevivir ao lume CC-BY-SA Roi Carballal / Monte Pindo Parque Natural

Este mércores faise un ano do inicio do incendio que, máis de 2.000 hectáreas queimadas despois, arrasou practicamente por completo unha das xoias naturais do país, o monte Pindo. Tras 365 o verde comeza a gañarlle a partida ao negro na zona, que se rexenera de xeito natural malia ao gran impacto das lapas. Así e todo, dende a asociación Monte Pindo Parque Natural, que vén reclamando con intensidade a protección deste espazo, alertan dunha nova ameaza para o monte: "a substitución da vexetación autóctona polo eucalipto", unha especie arbórea que, evidencian, "lle interesa especialmente á industria pasteira".

Mentres "a vexetación baixa volve ás turbeiras" e "algunhas especies en perigo, como o lirio de monte ou o carballo anano" demostran que "lograron sobrevivir" ao incendio dende o colectivo cidadán aseguran que representantes destas empresas están "visitando a veciñanza nas saias do Monte Pindo" para "xenerosamente, retirarlles a madeira queimada das súas propiedades" e ofrecerlles "unha posterior repoboación". "Esas repoboacións -alertan- fanse sempre con eucalipto, independentemente da especie que houbese antes" e "mesmo actúan en terreos lindeiros" sen que haxa "ningún tipo de acordo cos propietarios".

"Non nos consta que para as súas actuacións pedisen permiso" nin do Concello nin da Comunidade de Montes de Caldebarcos, propietarios do monte. Tampouco á Xunta nin á xefa do Distrito Forestal, Sara Romero, "a mesma que nos prohibiu ao voluntariado plantar carballlos e castiñeiros recolldios na zona despois do lume, porque non tiñamos permiso", iniciou acción ningunha, asegura, "por que se estea suplantando a vexetación autóctona por eucaliptos, indiscriminadamente" nunha zona declarada Lugar de Interese Comunitario (LIC) dentro da Rede Natura.

A asociación cidadá asegura que as empresas visitan a veciñanza para "retirarlle a madeira" e repoboar con eucalipto

A extensión do eucalipto, abonda a asociación, é toda unha ameaza para o monte, onde "antes do lume a súa presenza era anecdótica". "Hoxe ameaza o hábitat do carballo anano, especie vulnerábel e xoia da coroa do Pindo, pois non se pode ver en ningún outro lugar do noso país". Esta especie comezou a "rebrotar con forza" tras o incendio, pero "agora ve o seu territorio ameazado por eucaliptos, que medran moito máis rápido e prívano de espazo, luz e auga".

Sen noticias da investigación

A asociación carnotá lanza esta alerta mentres, lamenta, a Xunta segue a "ignorar" as súas reivindicacións, como antes do lume. "Tampouco a raíz do incendio ningún dos responsables da Consellería de Medio Ambiente, boa parte deles imputados por atentados contra o medio natural, mudou un ápice a súa negativa" a "actuar, destinar recursos ou permitirlle á veciñanza traballar por este espazo". Esta área do Goberno galego "foi progresivamente decapitada con xubilacións forzosas ou cambios de departamento", pero a Xunta segue "a brillar pola súa ausencia" no Pindo, onde "só apareceu uns días despois da gran manifestación convocada en Compostela" para "desenvolver unha serie de ridículas, custosas e cosméticas iniciativas, destinadas a calmar o clamor e a carraxe popular non só polo incendio, senón pola espantada xeral dos responsábeis", algún dos cales, asegura, "mesmo marchou de vacacións a Colombia en pleno incendio".

"Dixémoslle ao SEPRONA que a Xunta foi cómplice en grao de colaborador necesario"

Asemade, o colectivo cidadán censura que non haxa "máis noticias da investigación policial sobre a autoría material do incendio". As pescudas do SEPRONA, afirman, "ou foron infrutuosas ou ficaron no cixón unha vez que rematou o verán". "A nós -agregan- citáronnos no acuartelamento de Lonzas", na Coruña, "para ver se tiñamos algunha pista sobre quen fora". "Nós dixémoslles que non tiñamos idea do autor material pero si do seu cómplice: a Xunta de Galicia en grao de colaborador necesario".

Lirio de monte, especie en risco que logrou sobrevivir ao lume CC-BY-SA Roi Carballal / Monte Pindo Parque Natural
Cartaz do roteiro convocado para este sábado no Pindo CC-BY-SA Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.