Profesionais dos servizos sociais sácanlle as cores á Xunta ao constatar os recortes

Atención a unha persoa dependente CC-BY-SA Asociación Sarela

"Galicia é a segunda comunidade autónoma que máis servizos sociais creou" dende 2009. Os "orzamentos máis sociais da historia". Galicia está "á cabeza de España en políticas sociais". Son algunhas das premisas máis recorrentes nos argumentarios oficiais do Goberno galego á hora de defender a súa política social. Tanto o presidente, Alberto Núñez Feijóo, como outros representantes gobernamentais adoitan botar man da comparación con outras autonomías para defender a súa xestión e negar, en calquera caso, que pasasen a tesoira nesta área tan sensible. Estas afirmacións xa bateron nos últimos anos contra a realidade, caso por exemplo das avaliacións do Ministerio de Facenda, e agora fano de novo no último estudo dunha das organizacións de referencia no ámbito dos servizos sociais. 

A Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais vén de publicar o seu informe de desenvolvemento dos servizos sociais no conxunto do Estado e tamén o detallado por autonomías. Neste último, lonxe de estar nos publicitados "postos de cabeza", Galicia fica na décimo cuarta posición de dezasete posibles polo escaso desenvolvemento dun servizos sociais que dependen maioritariamente da Xunta. O país "non acada o nivel de excelencia en ningún dos apartados" analizados por esta organización profesional e por iso a súa cualificación global é "irrelevante".

"Galicia recortou case 75 millóns de euros anuais en servizos sociais"

Para chegar a estas conclusións a asociación analiza tres ámbitos: o normativo, o económico e a cobertura. No primeiro Galicia obtén 0,65 dos 2 puntos posibles, xa que conta cunha lei de servizos sociais, a promulgada en tempos do bipartito, pero esta "vese penalizada pola falta de desenvolvemento normativo". No ámbito económico o resultado non é mellor: 0,8 puntos sobre 3 posibles, toda vez que o investimento en servzios sociais caeu case un 10% dende 2011, pasando de case 380 euros por habitante a 250. "Galicia recortou case 75 millóns de euros anuais en servizos sociais", resumen.

Por baixo da media estatal

Os orzamentos son, precisamente, o que sitúa a Galicia por baixo da media estatal. No 2013, último ano analizado neste informe, o investimento en servizos sociais "foi inferior á media estatal nun 18,2%", que se traduce en 55 euros menos por habitante e ano. "Só para equipararse á media estatal, as Administracións Públicas en Galicia deberían investir 75 millóns máis ao ano". O país está por baixo da media en gasto por habitante pero tamén no peso do gasto social con relación ao PIB -1,26% fronte ao 1,41% de media- e con relación ao gasto total das Administracións, neste caso cun 6,65% fronte ao 7,74% de promedio estatal.

A redución do investimento social "empeorou todos os indicadores"

Así as cousas, e sempre baseándose en datos oficias, a asociación conclúe que as administracións galegas "están por baixo en canto ao gasto en servizos sociais tanto en termos absolutos como relativos" e, ademais, "reduciron o seu gasto" nos últimos anos, "empeorando todos os indicadores". Este apercibimento lánzanllo tanto á Xunta como aos concellos, se ben o propio informe resalta que "o 76,1% do total correspóndelle á Xunta e o 23,9%, ás entidades locais" nun contexto no que "a Xunta de Galicia financia un 14,18% do gasto total das entidades locais en servizos sociais", unha porcentaxe "moi inferior á media estatal", que chega ao 27,93% do orzamento social de concellos e deputacións.

Un "deterioro realmente preocupante"

Como adoito, os números teñen tradución directa na atención que reciben as persoas usuarias destes servizos. Os recortes dan lugar a unha "situación realmente preocupante" en Galicia, di o informe, que "expresa o deterioro que están sufrindo os servizos sociais nesta comunidade e que ten o seu reflexo na situación na que se atopa a súa cobertura efectiva de servizos e prestacións". Así, aínda que algúns indicadores de cobertura melloran -caso por exemplo das persoas que perciben a Renda Mínima de Inserción ou a taxa de cobertura da dependencia- outros empeoran elocuentemente: baixan os acollementos familiares a nenos con problemas, descenden as prazas para persoas con discapacidade ou para vítimas de violencia machista e tamén fan o propio as prazas de aloxamento para persoas sen fogar.

Nesta liña, a Asociación de Directoras de Servizos Sociais ve tamén "evidenciado" o "efecto da redución do gasto en servizos sociais" ao "comparar os indicadores de cobertura de prestacións e servizos coa media estatal", onde "Galicia está por riba da media en só 3 dos 14 indicadores": persoal en plantel dos centros de servizos sociais, horas de axuda a domicilio e porcentaxe de acollemento familiar. Na banda contraria está a cobertura da dependencia e a súa lista de espera, a cobertura das rendas mínimas de inserción e a súa contía, as prazas residenciais para maiores de 65 anos, a cobertura da axuda a domicilio ou a atención a persoas con discapacidade, entre outros.

Desenvolvemento dos servizos sociais no Estado © Asociación de Directoras de Servizos Sociais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.