"A sociedade vaise concienciando da necesidade de non contaminar os ríos"

Un dos grupos participantes na VII Limpeza simultánea de ríos © Adega

Ao redor de 450 persoas participaron este domingo na sétima edición da Limpeza simultánea de ríos, organizada en 45 concellos por Adega e outro medio cento de entidades, recollendo case 10 toneladas de residuos. O obxectivo desta actividade é, sobre todo, concienciar á cidadanía da necesidade de manter limpos cursos fluviais e bosques de ribeira, e de non utilizalos como vertedoiro. "O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade", destaca a entidade ecoloxista.

Ao redor de 450 persoas participaron na Limpeza simultánea de ríos, recollendo case 10 toneladas de residuos

A actividade forma parte do Proxecto Ríos, que este verán celebrou o seu décimo aniversario, e que dende 2008 organiza estas limpezas simultáneas. Trátase dun proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no que colaboran un total de 57 entidades, ademais da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e os concellos de A Estrada, Ames, Cambre, Carballo, Cariño, Cuntis,  Fene, Gondomar, Lugo, Muxía, Poio, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, San Sadurniño, Santiago de Compostela e Teo.

Paco Bañobre, de Adega, sinala que nos últimos anos, nas sucesivas accións de limpeza, veñen detectando unha diminución do lixo e residuos existentes: "Houbo algún grupo que comentou que, facendo limpeza nos mesmos treitos que outros anos, detectaron que había menos lixo". "Parece que a sociedade pouco a pouco se vai concienciando da necesidade de non contaminar, e semella que cada vez son menos as persoas que utilizan os cursos fluviais como vertedoiro", engade. 

Porén, Bañobre sinala que "os ríos seguen tendo moitos problemas, e o lixo é un deles" e que "podemos falar dunha certa melloría nalgúns aspectos, pero tamén detectamos unha degradación paulatina do bosque de ribeira. Eses problemas están aí, agravados porque a capacidade de recuperación do bosque é inferior á que poden ter as augas".

"Podemos falar dunha certa melloría nalgúns aspectos, pero tamén detectamos unha degradación paulatina do bosque de ribeira"

Nos vindeiros días poderá consultarse nos sitios web do proxecto un informe coas conclusións finais desta actividade. Porén, dende Adega comentan xa que na acción deste domingo se recolleron "refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...)". Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais e asentos, e os electrodomésticos tampouco faltaron, lavadoras, frigoríficos e televisións.

Os impulsores do Proxecto Ríos, que mantén actividade de voluntariado durante todo o ano, destacan que en ocasións "os refugallos tirados ao río non representan un perigo para o ecosistema, pero si supoñen un impacto visual negativo (papeis, plásticos, madeiras, etc.)", mentre que noutros momento "os materiais depositados poden supoñer unha fonte de contaminación, debido ás sustancias que as compoñen (pilas, aceites de coche, baterías, produtos fitosanitarios, etc.) ou ben porque poden provocar alteracións en certos organismos (vidro, chatarra, etc.)".

Un dos grupos participantes na VII Limpeza simultánea de ríos © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.