O Goberno péchalles a porta ás televisións sen ánimo de lucro

Instalacións dunha televisión comunitaria en Uruguai Dominio Público Praza Pública

O plano técnico para a Televisión Dixital Terrestre (TDT) aprobado polo Goberno péchalles as portas por completo ás canles sen ánimo de lucro, as televisións comunitarias ou do Terceiro Sector. Con esta decisión, criticada duramente pola Rede de Medios Comunitarios (ReMC) e a Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), o Executivo incumpre non só o previsto no artigo 32 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010 senón tamén a recomendación realizada o pasado 11 de setembro polo Consello de Estado.

O Executivo incumpre non só o previsto no artigo 32 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010 senón tamén a recomendación realizada o pasado 11 de setembro polo Consello de Estado

A lexislación audiovisual vixente establece que unha parte do dominio público radioeléctrico destinado a radio e televisión debe destinarse a emisoras comunitarias sen ánimo de lucro, cuxa finalidade é atender as necesidades sociais, culturais e de comunicación de comunidades e grupos sociais, así como fomentar a participación cidadá e a vertebración do tecido asociativo. O recente ditame do Consello de Estado lembráballe ao Goberno que “a distribución do espazo radioeléctrico para a televisión dixital terrestre ten que ser compatible co cumprimento desta obriga”. Tamén a oficina da Defensora del Pueblo se pronunciara en varias ocasión en favor de que o Goberno atendese o disposto nesta lei, para legalizar a situación dun cento de televisións e radios comunitarias en toda España.

O pasado ano CuacFM impugnou o concurso destinado a outorgar as licenzas dispoñibles en Galicia para a emisión en frecuencia modulada, un recurso admitido a trámite polo TSXG, polo veto explícito á participación dos medios comunitarios na repartición de licenzas, en contra do previsto na lei de 2010. Isabel Lema, coordinadora de Cuac FM, destacaba hai uns meses en Praza que "en teoría temos dereito a, cando unha comunidade autónoma saque un concurso de licencias de emisión, solicitar que tamén se presente un concurso para radios comunitarias. Porén, isto non está sucedendo".

Isabel Lema, coordinadora de Cuac FM, destaca que "en teoría temos dereito a, cando unha comunidade autónoma saque un concurso de licencias de emisión, solicitar que tamén se presente un concurso para radios comunitarias. Porén, isto non está sucedendo"

A Rede de Medios Comunitarios sinala que o plano técnico aprobado deixa nun limbo legal canles como Televisió Cardedeu (inaugurada en 1981) ou TeleK de Vallecas (dende 1992), proxectos pioneiros da televisión local e comunitaria. Lembran que agora se enfrontan á mesma situación que a emisora comunitaria de Barcelona, La Tele, á que a Generalitat pretende impoñer unha multa de 500.000 euros por carecer de licencia para emitir, unha licencia que agora non pode obter porque o Goberno bloqueou a asignación de frecuencias para emisoras non comerciais.

A Lei de Comunicación Audiovisual afirma (artigo 4) que "todas as persoas teñen o dereito a que a comunicación audiovisual se preste a través dunha pluralidade de medios, tanto públicos, comerciais como comunitarios que reflictan o pluralismo ideolóxico, político e cultural da sociedade" e que "a Administración Xeral do Estado debe garantir en todo caso a dispoñibilidade do dominio público radioeléctrico necesario para a prestación destes servizos" (artigo 32).

Porén, o Executivo non só non desenvolveu estas previsións legais, senón que lles pechou a porta de xeito explícito, ilegalizando de facto canles con varias décadas de existencia. A este respecto, a devandita lei de 2010 tamén prevía que "os servizos de comunicación comunitarios sen ánimo de lucro que estivesen en funcionamiento con anterioridade a 2009", optarían "a licenzas ou autorizacións no ámbito de cobertura no que viñan emprestando a súa actividade". Outro punto da lei que o novo plan técnico forza a incumprir. 

Instalacións dunha televisión comunitaria en Uruguai Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.