Marea Ártabra: "Optimismo, visión de futuro e empatía"

Rolda de prensa de presentación da Marea Ártabra, hai dúas semanas CC-BY-SA Praza Pública

A Marea Ártabra, a iniciativa cidadá da comarca de Ferrolterra para as vindeiras eleccións municipais, celebra este xoves a súa primeira asemblea (no Centro Cultural Carvaho Calero ás 20 horas). Esta xuntanza, de carácter aberto e sen orde do día, servirá para dar forma a esta iniciativa, que busca, como destaca o seu manifesto, "alentar un proceso asambleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade".

Tamén debe servir para que a propia asemblea decida os seus métodos de traballo, calendario, e para escoller uns primeiros órganos de xestión. Dende que hai unhas semanas a marea comezou a redactar e difundir o seu manifesto fundacional e tamén na propia presentación, Miguel Castro, con quen falamos, mestre, socio e locutor de Rádio Filispim, vén realizando un certo traballo de coordinación e portavocía (canda a Montse Garel) que abandonará este mesmo xoves, cando os e as asistentes á asemblea escollan as persoas que realizarán dende entón estes labores.

"Vai ser unha asemblea introdutoria, pero sería bo que tamén fose práctica, para que poidamos comezar xa a traballar. Da asemblea debe saír unha mínima forma de funcionamento"

Castro destaca que nas últimas semanas, "nótase que algo se está cocendo na comarca e na cidade, nótase ambiente. E tamén se escoitan as dúbidas e as preguntas das persoas ao redor do que vai ser a Marea". Porén, "será este xoves cando se estableza a forma da marea, o que sexa e a súa forma de traballar". "O importante é que este xoves veña a maior cantidade de xente posible, que a xente veña con ganas, asumindo que é necesaria a participación de todos e todas para construír un movemento cidadán importante", engade.

Sinala que a xuntanza do xoves "vai ser unha asemblea introdutoria, pero sería bo que tamén fose práctica, para que poidamos comezar xa a traballar. Da asemblea debe saír unha mínima forma de funcionamento". Unha coordinadora, un calendario, un método, "como xa existen noutras asembleas e mareas de toda Galicia, que levan semanas ou meses en marcha". di.

"Penso que é o momento de deixar o pesimismo a un lado, é o momento de aparcalo e de participar nun proxecto cidadán coma este, con optimismo, visión de futuro e moita empatía"

"Sabemos que é máis difícil destruír que construír, sabemos que acadar outro modelo é difícil, pero é posible", destacaron na presentación de hai dúas semanas Miguel Castro e Montse Garel, lembrando que nos atopamos "ante unha oportunidade única, un momento que non debemos desaproveitar".

Miguel Castro recoñece que "nunha cidade e comarca tan castigadas pola crise e o paro, con situacións que todo o mundo coñece, coa mocidade marchando fóra a buscar a vida noutros lugares, é comprensible o pesimismo". Porén, fai un chamamento á participación na asemblea: "penso que é o momento de deixar o pesimismo a un lado, é o momento de aparcalo e de participar nun proxecto cidadán coma este, con optimismo, visión de futuro e moita empatía". "Moita empatía porque é necesario que participe moita xente diferente, de distintos espazos e visións, é necesario para construír algo realmente interesante", conclúe.

Rolda de prensa de presentación da Marea Ártabra, hai dúas semanas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.