A vulneración da intimidade, "unha epidemia que se transmite máis rápido que o Ébola"

Portada de La Razón deste mércores 8 de outubro Dominio Público Praza Pública

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) vén de difundir un comunicado que expresa a súa "preocupación" polo "tratamento informativo do contaxio do virus do Ébola á auxiliar de enfermería Teresa R.", no que -afirman- "se están infrinxindo as máis elementais normas éticas".

O CPXG centra a súa denuncia no que considera unha "grave intromisión na intimidade dunha doente"

O Colexio critica "o tratamento como espectáculo do que é unha crise de saúde pública" ou "o uso dunha persoa como peón nunha loita política" e, sobre todo centra a súa denuncia no que considera unha "grave intromisión na intimidade dunha doente".  En primeiro lugar, critica que os medios de comunicación revelaran e difundiran os nomes das vítimas, un principio básico da deontoloxía profesional, "mais neste caso, no que os seus apelidos, nin a súa cara, non engaden información ningunha". Tamén critican "a difusión sen trabas das súas fotos persoais e familiares", referíndose sobre todo a imaxes que foran colgadas polas vítimas nas redes sociais. 

"Pode ser discutible ata que punto unhas imaxes subidas a unha rede social son privadas, pero o certo é que a inmensa maioría dos usuarios, descoñecedores das ensarillados e cambiantes modalidades de permisos de visión e compartición que teñen redes como Facebook, se as poñen aí é para as vexan os seus amigos, non para que pasen a formar parte dun arquivo de libre disposición dos medios" -subliña o comunicado do Colexio- "Sobre todo algunhas fotos feitas na máis estrita intimidade, que calquera persoa evitaría non xa difundir, senón sequera mostrar a alguén pouco coñecido".

O CPXG sinala "a inutilidade da autorregulación como método de vixilancia da deontoloxía periodística"

O CPXG sinala "a inutilidade da autorregulación como método de vixilancia da deontoloxía periodística" e fai un chamamento á "responsabilidade dos profesionais" para "evitar a propagación deste outro andazo, que non necesita do contacto físico para transmitirse".

Portada de La Razón deste mércores 8 de outubro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.