0 Gardados para despois

"Hai que dar a coñecer os protocolos ante o Ébola para non causar un alarmismo innecesario"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


No contexto da crise xerada pola aparición do primeiro caso de Ébola no Estado, son moitas as voces que critican o peche do Hospital Carlos III como centro de referencia para enfermidades tropicais. Estas voces tamén alertan sobre o efecto que anos de recortes poden ter na capacidade de resposta do sistema público de saúde. Falamos con Agustín Montes, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública na USC, que aínda que cualifica de "visión curtopracista" o desmantelamento do Carlos III, destaca que "o sistema sanitario español dispón das infraestruturas necesarias para o manexo e tratamento deste tipo de pacientes" e que "o seu persoal está altamente cualificado para o diagnóstico e tratamento de calquera tipo de enfermidade incluídas as infecciosas".

O profesor Montes si subliña a "falta de información sobre as medidas de protección a adoptar fronte a este virus", que está sendo criticada nos últimos días polos mesmos profesionais sanitarios. E sinala os efectos que certas medidas de aforro adoptadas polos gobernos español e galego están tendo sobre o funcionamento do sistema sanitario, nomeadamente a taxa de reposición ou a exclusión do sistema dos inmigrantes en situación irregular.

"O sistema sanitario dispón das infraestruturas necesarias para o manexo e tratamento deste tipo de pacientes, e o seu persoal está altamente cualificado para o diagnóstico e tratamento de calquera tipo de enfermidade"

Conta o sistema sanitario galego e español cos recursos suficientes para enfrontar a situación creada por mor da enfermidade do Ébola, tanto no que respecta a infraestruturas coma a formación?

O sistema sanitario español dispón das infraestruturas necesarias para o manexo e tratamento deste tipo de pacientes, e o seu persoal está altamente cualificado para o diagnóstico e tratamento de calquera tipo de enfermidade incluídas as infecciosas. A enfermidade polo virus do Ébola era unha enfermidade á que non se lle prestaba moita atención porque nin en Galicia, nin en España nin en Europa se diagnosticaban casos, agora iso cambiou. Dado que non existe un tratamento eficaz para eliminar o virus, as medidas que se toman con estes pacientes son as de soporte vital, como ocorre noutros moitos tipos de pacientes, polo o que os nosos profesionais están sobradamente cualificados para este tipo de atención.

O que parece detectarse por parte dos diferentes colectivos profesionais é unha falta de información sobre as medidas de protección a adoptar fronte a este virus. Os protocolos ante o Ébola están deseñados desde hai tempo, agora hai que dalos a coñecer entre os profesionais sanitarios, pero tamén á poboación para non causar un alarmismo innecesario.

"Veremos se o aforrado nesa visión curtopracista vai compensar o gastado agora para a posta en marcha de novo dos servizos para a correcta atención e da posible diminución dos ingresos por turismo debido á perda da boa imaxe de España"

En que medida o desmantelamento do Hospital Carlos III e os recortes que afectan ao Instituto Carlos III agravaron a situación actual ou supoñen unha irresponsabilidade?

É difícil responder a esta cuestión. O Hospital Carlos III era o hospital de referencia para enfermidades infecciosas como o VIH e as enfermidades tropicais. O seu desmantelamento como hospital de referencia destas enfermidades para convertelo hospital de estancia media (non agudos) manifesta, ao meu xuízo, unha visión curtopracista na que non caben as medidas preventivas xa que estas demostran a súa alta eficacia a medio/longo prazo. Os resultados económicos da súa área sanitaria seguramente melloraron nestes dous anos ao estar as súas camas ocupadas con máis pacientes, pero a calidade da asistencia aos pacientes diminuíu.

Para poder atender ao primeiro misioneiro houbo que volver a montar a unidade en tempo récord cos problemas que poden xurdir nun proceso tan rápido. Pero o máis importante é a perda da súa pericia. Un piloto de avión debe realizar un número de horas mínimo para manter a súa cualificación como piloto. O mesmo ocorre co profesional sanitario que ten que realizar ao cabo do ano un número mínimo de actos (diagnósticos, de tratamento médico ou cirúrxico) para manter un nivel de excelencia no manexo concreto dun tipo de pacientes.

Esta alta cualificación pode perderse se o profesional xa non ten tempo para actualizar o seus  coñecementos nin investigar sobre estas enfermidades raras se agora ten que atender a outras enfermidades máis comúns. Posiblemente se tiveran máis tempo para a formación, os diferentes profesionais da saúde que atenderon no Hospital Carlos III aos dous pacientes repatriados de África puideran ter feito previamente simulacros de atención a este tipo de pacientes, polo que chegado o momento coñecerían perfectamente cada paso que deberían dar para tratar de mellorar a saúde dos pacientes, e ao mesmo tempo como protexer a súa propia saúde.

Veremos se o aforrado nesa visión curtopracista vai compensar o gastado agora para a posta en marcha de novo dos servizos para a correcta a atención dos misioneiros, do seguimento e control dos profesionais que os atenderon, e da posible diminución dos ingresos por turismo debido á perda da boa imaxe de España.

En que medida os recortes económicos (tanto en persoal, dotación...) están prexudicando, en termos xerais, a atención sanitaria en Galicia e España?

É difícil de cuantificar xa que aínda non temos estudios que midan o impacto das diferentes medidas tomadas polo goberno central e galego. O momento de crise económica que nos toca vivir pode ser unha oportunidade para corrixir algún dos problemas que afectan ao sistema do saúde. Por exemplo o recorte do gasto farmacéutico, proposto como medida de aforro, parece que está chamando a atención sobre algo que moitos profesionais hai tempo estabamos denunciando: o alto consumo de antibióticos sen indicación, o que está ocasionando un incremento das resistencias dos xermes, facendo ineficaces moitos dos antibióticos e retrotraéndonos a épocas anteriores ao descubrimento da penicilina. Tamén é positivo porque pode ser un aliciente para revisar e actualizar os tratamentos dos polimedicados crónicos.

Porén, esa mesma medida, á da diminución do gasto farmacéutico, tamén está a provocar efectos non desexados. O pago dos medicamentos por parte dos pensionistas ou a eliminación de algúns medicamentos da lista de produtos financiables por parte do sistema de saúde, poden ter efectos negativos aumentado a inequidade do sistema ou desprazando a dispensación a outros produtos que si están financiados polo sistema, pero son máis caros ou con maior número de efectos secundarios.

Outras medidas como a taxa de reposición de só o 10% dos profesionais do sistema que se xubilan, a non substitución das baixas ou vacacións, o peche de camas, etc, fan incrementar as lista de espera, co conseguinte atraso no diagnóstico e tratamento dos procesos, a saturación dos servizos coa conseguinte diminución da calidade e o incremento do síndrome de burnout ou de desgaste dos profesionais sanitarios.   

"Outra hipótese sobre o efecto da exclusión de colectivos da asistencia sanitaria é a perda do control sobre as enfermidades transmisibles"

Os recortes en atención primaria (ou a exclusión de certos colectivos, coma os inmigrantes en situación irregular) e en xeral en prevención poden empeorar (por sobreocupación) os servizos de urxencia?

Esa é unha hipótese moi plausible, pero como no caso anterior aínda non hai estudios que cuantifiquen este desprazamento entre os diferentes niveis da atención sanitaria. Outra hipótese sobre o efecto da exclusión de colectivos da asistencia sanitaria é a perda do control sobre as enfermidades transmisibles. Antes da súa exclusión toda persoa que se atopaba mal acudía a un centro sanitario para ser diagnosticada e tratada. Desta forma se tiña controlados a todos os pacientes, e no caso dos  infecciosos se poñían en marcha as medidas de prevención e control adecuadas. Agora, como estes pacientes non poden acceder ao sistema, non poden poñerse en marcha estas medidas de prevención e control co conseguinte risco para a saúde de toda a poboación. O que xa é coñecido, polos medios de comunicación, é a morte de algunha persoa pertencente a estes colectivos excluídos por falta de asistencia sanitaria.

Poden ter consecuencias negativas na falta de control de certas enfermidades, evitables se hai unha atención continuada e unha detección precoz?

De seguro. Como xa comentei antes, o descoñecemento da situación dos pacientes infecciosos polo sistema fai que sexa imposible poñer en marcha as medidas de prevención adecuadas. Por exemplo, un paciente tuberculoso activo pode estar espallando os xermes ao non estar correctamente tratado, xa que o proceso tuberculoso en si mesmo non é unha urxencia e polo tanto non podería ser atendido no servizo público de saúde.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.