8 anos de feminismo dende A Mariña

Presentación en Compostela dunha das axendas feministas © Observatorio da Mariña pola Igualdade

O Observatorio da Mariña pola Igualdade recibiu esta fin de semana o Premio da Crítica de Galicia, na categoría de Iniciativas Culturais. O xurado salientou que “esta iniciativa afonda no traballo necesario pola igualdade de xénero dando visibilidade ao esforzo das mulleres desde o campo literario ao científico". Considerou, así mesmo, o esforzo engadido de xestar unha iniciativa cultural destas características na Mariña lucense: "A confluencia da muller, a lingua minorizada e a marxe xeográfica confire a este proxecto un carácter de múltiple subalternidade que consideramos digno de ser centro da nosa atención”. 

A entidade desenvolve un labor moi importante, enfocando a realidade da súa comarca dende unha perspectiva de xénero, dando a coñecer as problemáticas que afectan de forma específica ás mulleres da Mariña, e poñendo en marcha numerosas actividades para contribuír dende o nivel local a acadar unha sociedade máis igualitaria. Falamos con Lisa Pérez Vázquez, unha das súas responsables.

Con que obxectivos naceu o Observatorio?

O Observatorio xurdiu no ao 2008, despois dun proceso de debate, co obxectivo de traballar pola igualdade social das mulleres, fomentar a toma de conciencia sobre a actual discriminación e servir como canle de comunicación entre as institucións da nosa comarca e a sociedade civil. Denominouse observatorio porque se quería incidir, sobre todo, no como. E, ademais, nun espazo concreto: a Mariña, analizando a realidade da nosa comarca dende unha perspectiva de xénero. Partíamos dende unha situación na que as asociacións de mulleres que existían: asociacións de mulleres rurais, de amas de casa, de viúvas..., non traballaban con perspectivas de xénero, non eran capaces de xerar o debate respecto do sistema patriarcal que orixina a desigualdade.

"Nós queremos intervir cando xa previamente temos analizada a situación. Se ti non coñeces a túa realidade non podes intervir con eficacia. Por iso centrámonos na Mariña, porque é un espazo que coñecemos ben"

O xurado destacou a importancia de que desenvolvades todo este traballo dende o ámbito local e dende unhas comarcas afastadas dos centros urbanos...

A toma de conciencia debe facerse dende as nosas realidades sociais culturais e nun espazo determinado. Nós queremos intervir cando xa previamente temos analizada a situación. Se ti non coñeces a túa realidade non podes intervir con eficacia. Por iso centrámonos na Mariña, porque é un espazo que coñecemos ben. Non sei se a situación na Mariña é moi distintas á doutros lugares de Galicia. Dende logo, aquí a emigración e a inmigración xogan un papel importante, e as realidades que se viven son diferentes ás de espazos urbanos, pero tamén ás dos espazos máis rurais do interior.

Que tipo de actividades levades a cabo habitualmente?

O Observatorio coopera con moitas institucións e tamén con outras asociacións. As nosas actuacións buscan tender pontes e realizar traballos cooperativos con outros colectivos. Realizamos varias campañas de información, coma a que fixemos polo recoñecemento do chamado traballo doméstico realizado polas mulleres, para esixir unha regulación desta actividade, de xeito que puidesen ter dereitos laborais. Tamén fixemos outra sobre o dereito ao aborto, ao redor da lei aprobada en 2010, para explicar cales eran as vantaxes e beneficios que ían ter as mulleres coa nova norma.

"O Observatorio coopera con moitas institucións e tamén con outras asociacións. As nosas actuacións buscan tender pontes e realizar traballos cooperativos con outros colectivos"

Tamén levamos a cabo campañas de denuncia, por exemplo cando detectamos que nalgúns hospitais públicos da provincia de Lugo non se estaban a realizar interrupcións voluntarias do embarazo, por acollerse algúns médicos a unha obxección de conciencia. E tamén, por suposto, cando se produce algún asasinato machista. Tamén realizamos algunha campaña de denuncia pola organización do certame de elección da raíña das festas de Burela, un acto en aparencia festivo, pero que apela á tradición e que supuña unha agresión de xénero, mediante a cousificación das mulleres.

A formación é tamén un dos cernes do labor que desenvolvedes no Observatorio, non si?

Si, levamos a cabo moitas actividades formativas. Temos unha escola feminista, que é fundamental para dar a coñecer e debater moitos conceptos. Estamos no tránsito dun sistema patriarcal a un sistema no que sexan recoñecidos os dereitos das mulleres. Organizamos tamén un cine-forum, no que os filmes se escollen en base a uns criterios moi determinados: o 50% debe estar escrito ou dirixido por mulleres, e a temática debe recoller a situación das mulleres no mundo. Queremos visibilizar o traballo das creadoras e as moitas realidades que hai no mundo a respecto das mulleres. Tamén organizamos charlas-coloquio en lugares públicos por toda a comarca e a serie de concertos Músicas e Letras en Feminino.

Unha das accións pola que o Observatorio é coñecido, mesmo noutros lugares de Galicia, é a edición de axendas feministas que facedes cada ano. Podedes adiantar o tema da axenda do 2017?

Si, dentro da edición de materiais que facemos, é moi importante a axenda feminista, cada ano cunha temática. Contactamos con 12 mulleres destacadas dos seus ámbitos, e damos a coñecer cada mes unha delas, e ao mesmo tempo a súa actividade: músicas, teatreiras, escritoras, científicas. Este ano é unha sorpresa, que se desvelará no Culturgal. Queremos visibilizar mulleres que lle están achegando á sociedade o seu saber, esforzo e experiencia.

"Queremos visibilizar mulleres que lle están achegando á sociedade o seu saber, esforzo e experiencia"

Tamén foi moi exitoso o Trivial Feminista, unha idea que agora unha entidade quere estender a todo o ámbito estatal...

Si, o obxectivo do Trivial que fixemos hai tres anos era dar a coñecer a participación da muller na sociedade. O máis interesante foi o proceso de realización, a través de varios obradoiros nos centros de ensino da Mariña, traballando tanto co profesorado coma co alumnado. Iso permitiu que se implicasen no traballo de elaboración do trivial. O proceso participativo foi moi positivo e o trivial foi todo un éxito, esgoutouse de seguida.

"Non melloramos en canto á superación do trato discriminatorio e violento cara ás mulleres, pero o feito de falar deste tema permite que moitas mulleres identifiquen situacións que están padecendo como situacións anormais"

Este 25N celébrase o Día Internacional contra a Violencia Machista. Estamos no bo camiño para a erradicación desta lacra? Danse pasos adiante?

A violencia contra as mulleres exerceuse sempre e segue a exercerse. O único cambio está na toma de conciencia das persoas, na resposta social que se dá ante esa violencia. Non melloramos en canto á superación do trato discriminatorio e violento cara ás mulleres, pero o feito de falar deste tema permite que moitas mulleres identifiquen situacións que están padecendo como situacións anormais. O cambio está aí: agora podemos falar da violencia, e polo tanto podemos identificala. É importante que nos medios se fale deste tema e que se fale dende unha perspectiva de xénero, é importante que a sociedade xa non vexa isto como algo oculto, algo que pertence ao ámbito privados das persoas. Este é o cambio, que está chegando grazas á acción de moitas persoas que nos seus ámbitos de actuación están sendo capaces de sacar a flote as súas situacións de invisibilidade, discriminación e a violencia.

"A violencia de xénero susténtase nun sistema que a xustifica e a naturaliza, que é o sistema patriarcal, no que unha parte da sociedade domina a outra. Fai falla reflexión para analizar esa violencia e darlle unha perspectiva de xénero"

A visibilización permítenos afrontala, pero aínda non acabar con ela, porque isto é un proceso complexo. A violencia de xénero susténtase nun sistema que a xustifica e a naturaliza, que é o sistema patriarcal, que é un sistema no que unha parte da sociedade domina a outra. Fai falla reflexión para analizar esa violencia e darlle unha perspectiva de xénero. Hai unha frase de Rosa Luxemburgo, que dixo que “o que procuramos é unha sociedade na que sexamos socialmente iguais, humanamente diferentes e totalmente libres”. Esa é a clave.

Charla-Coloquio sobre dereitos sexuais e reprodutivos © Observatorio da Mariña pola Igualdade
Presentación en Compostela dunha das axendas feministas © Observatorio da Mariña pola Igualdade
Charla-café sobre os feminicidios © Observatorio da Mariña pola Igualdade
Cadea humana contra a reforma da lei do aborto © Observatorio da Mariña pola Igualdade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.