0 Gardados para despois

Unha auditoría revela 10 millóns de gastos sen xustificar polo Estado durante o Prestige

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A xestión do Prestige tamén cheira a chapapote. Unha auditoría encargada polo Ministerio de Fomento revela gastos sen xustificar da Administración durante a xestión da catástrofe do petroleiro que superarían os dez millóns de euros. Iso é o que denuncia a asociación ecoloxista Arco Iris, que asegura que tivo acceso a un informe realizado pola empresa Advance no ano 2012 e na que se comprobarían varias partidas das que non se achegou documentación ningunha que as xustificasen.

Unha auditoría encargada por Fomento revela dez millóns de gastos sen xustificar durante a xestión da catástrofe do Prestige

O colectivo, que están personado no proceso xudicial que aínda continúa no Tribunal Supremo sobre a xestión do sinistro, repara sobre todo nos gastos de Salvamento Marítimo (Sasemar), que se elevarían a máis de sete millóns de euros e dos que non hai factura ningunha. Pero hai máis custos sen xustificar referidos a gastos financeiros da Dirección Xeral da Mariña Mercante, do Comisionado e doutros organismos máis.

Todas estas cifras xorden da auditoría elaborada por Advance, que a levou a cabo para apoiar así a reclamación económica que fai Fomento polos danos e prexuízos tras o accidente, a deriva e o posterior vertido de fuel causado pola catástrofe do Prestige. Arco Iris denuncia que deste documento se deducen a existencia de "graves irregularidades" na xestión de fondos "durante todo o proceso de rescate do barco e limpeza da costa".

O importe reclamda polo Estado foi de 215 millóns, mentres que o admitido polos peritos neste informe non chega aos 108

"O informe pon ao descuberto un rechamante desfase entre as cantidades reclamadas polo Estado e as efectivamente facturadas e comprobadas polos auditores", asegura a asociación ecoloxista, que destaca que o importe reclamado polo Estado, segundo o informe dos peritos xudiciais, foi de 214,9 millóns de euros, mentres que o admitido polos peritos neste informe é "de 107,3 millóns".

Ademais, en relación ao importe reclamado polo Estado ao Fondo Internacional de Compensación de Danos por Hidrocarburos (Fidac), sitúao en 214 millóns, mentres que o admitido por este organismo no informe foi tan só de 60 millóns.

"O informe de Advance pon en evidencia que o Prestige foi a faísca que acendeu os motores dunha enorme máquina de defraudar fondos públicos e que causou un tremendo burato nas finanzas do Estado", argumenta Arco Iris, que "chama a atención" sobre "a gran cantidade de apuntamentos a conta de Sasemar, 7,14 millóns de euros, sen xustificar, en concepto de gastos de viaxe e axudas de custo de persoal".

"Hai unha gran cantidade de apuntamentos a conta de Sasemar, 7,14 millóns sen xustificar en concepto de gastos de viaxe e axudas ao persoal"

Ante todas estas presuntas "irregularidades", os ecoloxistas pregúntanse "a que agarda o Tribunal de Contas para abrir un expediente informativo que depure responsabilidades a que houbese lugar, que parecen moitas e moi graves". Na opinión do colectivo, a "absoluta falta de control do gasto e a ausencia do máis mínimo rigor contable pode colocar o Prestige no ránking das maiores golferías dos últimos anos no Estado español". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.