Todas as desfeitas do país, nunha soa ollada

CC-BY Rede de Dereitos Sociais

A Rede de Dereitos Sociais e Galiza Non Se Vende publican o mapa crítico de Galiza 2012, un traballo colaborativo de denuncia e oposición á destrución do territorio que a través dunha completa infografía, amosa os lugares afectados por contaminación, encoros, parques eólicos, especulación urbanística, piscifactorías, asentamentos precarios, monocultivos ou transxénicos. O gráfico contén abondosa información sobre a localización e impacto destas ameazas, así como links a documentos de análise, dispoñibles na rede e realizados por distintos colectivos.

O gráfico contén abondosa información sobre a localización e impacto destas ameazas, así como links a documentos de análise, dispoñibles na rede e realizados por distintos colectivos

Este Mapa crítico Galiza 2012 pretende ser, segundo a Rede de Dereitos Sociais, "unha sintética plasmación gráfica das agresións e conflitos que, relacionados co medio, son sinalados e problematizados politicamente por infinidade de colectivos sociais do pais que se opoñen cotidianamente a destrución que o modo de explotación capitalista impón sobre o noso territorio". A cartografía recolle algúns dos elementos centrais na loita pola defensa "do que é de toda a cidadanía, do Procomún: esa constelación de recursos que debe ser activamente protexida e xestionada na busca de manter o ben común".

Din, finalmente, que este mapa crítico está dedicado "a todas aquelas persoas anónimas que, combativas e rebeldes, poñen o corazón e a cabeza na defensa de este pais. A todas, pero en especial a unha: Xosé Reigosa, un galego bó e xeneroso, un imprescindíbel. Vai por tí Xosé!”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.