O BNG denuncia a “criminalización e represión sistemática” da protesta social

Rolda de prensa ofrecida polo BNG este sábado © BNG

O BNG denuncia a “criminalización e represión sistemática” da protesta social contra as políticas de goberno do PP. "Primeiro recortan dereitos e despois reprimen a protesta contra eses recortes", sinala.  “Centos de persoas por toda Galiza padecen a estratexia represiva, sistemática e insidiosa do PP e dos seus órganos gobernativos e policiais”, subliñou o portavoz nacional Xavier Vence, acompañado por responsables do Bloque e por un numeroso grupo de persoas como testemuñas do acoso e das sancións sufridas pola súa protesta “pacífica e democrática” na rúa.

“Centos de persoas por toda Galiza padecen a estratexia represiva, sistemática e insidiosa do PP e dos seus órganos gobernativos e policiais”, subliñou o portavoz nacional Xavier Vence

A loita contra os desafiuzamentos, contra a estafa das preferentes, a defensa do dereito ao aborto, a denuncia de recortes nos servizos públicos, a denuncia contra a emigración xuvenil por falta de oportunidades, ou a denuncia por portar simboloxía galega en eventos deportivos como a volta ciclista, son algúns dos casos obxecto de persecución e represión policial a instancias da Delegación do Goberno.

“Queren calar a cidadanía non só con porras, moi visibles diante dos medios de comunicación, tamén por outras vías opacas para silenciar á xente, para meter medo e para frear a indignación ante as políticas empobrecedoras, espoliadoras, antiobreiras e de recortes de dereitos en todos os ámbitos do PP”, denunciou Vence. Vence advertiu de que o proxecto de Lei de Seguridade Cidadán agravará esta situación, “con cambios profundamente regresivos” que reducen “garantías xudiciais” e abren a porta á “arbitrariedade e indefensión dos informes de parte” que elaboren as forzas de seguridade, e mesmo se recolle a creación dun rexistro central de infractores. “O BNG está ao lado dos que sofren e se defenden e dos que loitan por unha sociedade máis xusta e teñen a valentía de enfrontar as medidas regresivas e involucionistas do Goberno”, concluíu Vence.

Entre estas "testemuñas da represión" estaban cargos do BNG, coma o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, quen afirmou que o seu “delito”, coma o dunha multitude de veciños e veciñas da Coruña, foi "tentar que unha anciá de 72 anos, -a señora Aurelia-, non quedase na rúa". "Mentres os que amparan feitos tan inxustos están nos seus postos", denunciou, “os que loitamos para que se faga efectivo o dereito a unha vivenda digna sofremos multas, xuízos e violencia policial”.

“O BNG está ao lado dos que sofren e se defenden e dos que loitan por unha sociedade máis xusta e teñen a valentía de enfrontar as medidas regresivas e involucionistas do Goberno”, concluíu Vence

Desde a Plataforma de Afectados polas Preferentes de Compostela, Marta Domínguez afirmou que o seu delito foi “defender aos que lles roubaron os aforros”, e con eles estivo protestando nas inmediacións do lugar no que se celebraba a voda do fillo do ex ministro de Xustiza, Ruíz Gallardón, “que acabou coa xustiza gratuíta”. Dani Carballada será xulgado o 26 de novembro por realizar un mural na defensa do aborto nun muro dunha estrada sen ningún valor patrimonial: “Aínda sendo home estarei sempre polo dereito xusto de que as mulleres decidan se queren e cando queren ser nais”, afirmou.

Desde Galiza Nova, Alba Castanedo, estudante de 20 anos, sinala que o seu delito foi portar un faixa de protesta contra un “acto propagandístico” do PP sobre emprego xuvenil. “Teño todo o dereito do mundo a expresarme e a denunciar que a mocidade aquí non ten traballo e ten que emigrar e non me van parar por moitas multas e policía que nos envíen”, dixo.

Rolda de prensa ofrecida polo BNG este sábado © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.