A Audiencia Nacional declara ilegais os cacheos con espido integral practicados a Carlos Calvo

Carlos Calvo Dominio Público Praza Pública

A principios deste ano, Carlos Calvo presentou unha queixa ante o Xulgado Central de Vixilancia Penitenciaria denunciando que desde o seu ingreso en prisión estaba sendo sometido no cárcere de Topas (Salamanca) a cacheos “sistemáticos” con espido integral sempre ao rematar as comunicacións vis a vis coa súa parella e coa súa familia. Nun periodo de tempo de 13 meses, Carlos Calvo foi sometido a 17 espidos integrais por parte do persoal da prisión.

Carlos Calvo foi sometido a 17 espidos integrais por parte do persoal da prisión

O tribunal da Sección Primeira da Sala do Penal da Audiencia Nacional, composto polos xuíces Ramón Sáez, Fernando Grande Marlaska e Manuela Fernández Prado, ditou a pasada semana un auto no que resolve que “as decisións administrativas que acordaron en 17 ocasións o cacheo con espido integral da persoa do Sr. Carlos Calvo Varela deben cualificarse como arbitrarias por ausencia da súa xustificación sobre a súa necesidade e proporcionalidade e polo seu carácter sistemático”.

En total, o avogado de Carlos Calvo, Benet Salellas, achegou 17 ordes subscritas polo “funcionario intervinte” da prisión de Topas, en impresos idénticos, entre o 16 de decembro do 2012 e o 1 de febreiro do 2014, nas que se recollía como motivo da adopción do cacheo integral a Carlos a “sospeita de que posuíra substancias ou obxectos prohibidos”, sen máis concreción e sen nunca detectarlle nada perigoso nin estrano.  Noutras ordes directamente non aparecía anotada ningunha causa para proceder ao cacheo e noutras figura simplemente “orde da dirección” sen máis xustificación. 

O xuíz Ramón Sáez, poñente da resolución acordada por unanimidade, afirma no auto que os casos documentados pola defensa de Carlos son “ben expresivos” da irregular situación. “Dicir que o control sobre o corpo do interno con espido íntegro se xustifica na sospeita posuír substancias ou obxectos prohibidos en materia de dereito fundamental é equivalente a non dicir nada”. “Non hai motivación” para os cacheos, conclúe o xuíz, que considera que nin eran necesarios, nin imprescindibles nin xustificados. “Que substancias podería ocultar? Sospéitase de drogas? En que obxecto se pensaba?”, pregúntase Ramón Sáez sen atopar resposta de ningún tipo.

Carlos Calvo leva en prisión, en réxime de illamento, desde setembro do 2011, cando foi detido en Vigo no marco dunha “operación antiterrorista” contra “Resistencia Galega”. Estudante de Filosofía e Antropoloxía e xornalista de profesión, trasladárase aquel 15 de setembro de Santiago a Vigo para preparar unha entrevista a Xurxo Rodríguez sobre a peña futbolística Celtarra á que este pertencía. Foi detido xunto con Xurxo Rodríguez ao comprobarse que este tiña no coche que estaba estacionado ao seu carón unha mochila con dous termos explosivos.

A sentenza condenatoria de Carlos Calvo, que conta co voto particular dun dos tres xuíces do tribunal a favor da súa absolución, non é firme, posto que está recorrida ante o Tribunal Supremo

Xurxo Rodríguez pactou coa fiscalía no xuízo na Audiencia Nacional, celebrado o pasado mes de maio, a súa rebaixa de pena de 18 a 6 anos de cárcere a cambio de incriminar a Carlos Calvo. Calvo, pola súa banda, foi condenado a 12 anos de prisión, acusado de “tenza de explosivos e pertenza a organización terrorista”. A sentenza condenatoria de Carlos Calvo, que conta co voto particular dun dos tres xuíces do tribunal a favor da súa absolución, non é firme, posto que está recorrida ante o Tribunal Supremo e nas próximas semanas debería fixarse a data na que o Supremo revisará o caso, unha vez que o recurso da defensa hai meses que xa foi admitido.

Carlos Calvo Dominio Público Praza Pública
Cárcere de Topas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.