"Se a xente puidese cobrar este ingreso mínimo, isto daríalle seguridade persoal"

Primeira sesión das xornadas sobre renda básica universal Dominio Público Praza Pública

Este sábado pecháronse en Teo as xornadas informativas sobre renda básica, organizadas por AGEe e o Colectivo pola Renda Básica Universal de Compostela. O venres o protagonismo foi para Daniel Raventós, que ofreceu unha conferencia en Compostela acompñado da eurodeputada Lidia Senra e da educadora social Eva López Soto. Este sábado as sesións trasladáronse á Casa Común dos Tilos (Teo), onde se puideron escoitar máis voces, e onde se ofreceu a experiencia práctica de colectivos como Baladre ou a ODS-Coia. Tamén se explorou, a seis meses das eleccións municipais, o papel dos concellos nas políticas de benestar.

Falamos con Eva López Soto, do Colectivo pola Renda Básica Universal de Compostela, que participou nunha mesa de debate titulada "Renda Básica e Políticas Municipais de Benestar" xunto con Ignacio Iglesias (concelleiro de Benestar Social en Teo), Beatriz Lorenzo (activista social da ODS Coia), José Antonio Ramírez (mediador social e membro dos colectivos Encontro e Boa Vida) e Leticia Castro (educadora social no ámbito da exclusión).

"Hai moita xente que non ten ningún ingreso, e outros que a pesar de traballar recibe uns salarios de miseria, de subsistencia; a precariedade que hai no emprego é brutal"

Eva López Soto salienta que a renda básica universal suporía un cambio radical na vida daquelas persoas que viven na pobreza e na pobreza extrema, pero tamén implicaría cambios para unha gran masa de traballadores e traballadoras subempregados ou que cobran salarios de miseria: "Sería un cambio moi grande. Hai moita xente que non ten ningún ingreso, e outros que a pesar de traballar recibe uns salarios de miseria, de subsistencia; a precariedade que hai no emprego é brutal. Todo isto xera moitísimos problemas no día a día, mesmo de convivencia. Se a xente puidese cobrar este ingreso mínimo, isto suporía unha situación de seguridade persoal, que a axudaría moito á hora de enfrontarse a todas as situacións do día a día e na realización do seu proxecto vital".

"Habería que falar da diferenciación entre traballo, emprego e ocupación. Hai moitos traballos que facemos sen contraprestación dun salario, todos e todas facemos cousas e achegamos cousas á sociedade sen cobrar por iso"

López Soto rexeita algunhas das críticas que se lle realizan á proposta da renda básica, coma o argumento de que este pagamento desincentivaría á procura dun emprego. "Estamos absolutamente en desacordo. Cremos que é unha visión interesada dalgunhas persoas que queren evitar que esa proposta se poña en marcha. Demostra tamén unha falta de confianza na xente e unha incapacidade de poñerse no lugar do outro", di. "Cren que por cobrar 600 euros ao mes unha persoa vai deixar de traballar ou de buscar traballo?", pregúntase e sinala que "habería que falar aquí da diferenciación entre traballo, emprego e ocupación. Hai moitos traballos que facemos sen contraprestación dun salario, todos e todas facemos cousas e achegamos cousas á sociedade sen cobrar por iso". "Con este ingreso garantido poderíamos traballar por un salario menos horas, mellorar as nosas condicións de vida e dedicar ese tempo a outras actividades, participar máis nas actividades dos nosos fillos e fillas, dedicándonos máis a cousas que nos gustan e realizándonos persoalmente. Precisamente a renda básica animaríanos a facer cousas", engade.

Outras persoas critican que a proposta de renda básica lle entregue este pagamento, por igual, ás persoas sen ingresos e a aquelas con rendas elevadas. Porén, López Soto explica que "a xente cun salario elevadísimo, á que tamén se lle ingresaría esta renda, devolvería despois estes cartos a través da declaración da renda". "Que pasaría se só lle désemos esta renda ás persoas que na actualidade non están cobrando nada ou contemplamos esta renda como un subsidio?", di. "Pois que ao final o que estariamos facendo sería colocando un estigma, unha etiqueta, á xente que non ten traballo, e estamos acusando esa persoa de non ter traballo. E se unha persoa non ten traballo é debido a unha serie de cuestións sociais, non podemos culpabilizala", sinala.

"Que pasaría se só lle désemos esta renda ás persoas que non están cobrando nada ou contemplamos esta renda como un subsidio? Pois que ao final estariamos colocando un estigma, unha etiqueta, á xente que non ten traballo"

Nesta última mesa sobre Políticas Municipais de Benestar tratouse, entre outros temas o actual funcionamento das rendas mínimas, coma a Risga, da que se critican os moitas veces complexos procesos de tramitación e os atrasos nas concesións. Tamén se debateu sobre as políticas de protección da cidadanía exercidas dende os concellos "e como os concellos moitas veces están asumindo competencias que deberían ser asumidas polas comunidades autónomas", destaca Eva López Soto. "Concordo no que di Raventós de que se gastan moitos cartos e moito tempo nos procesos de tramitación de axudas coma a Risga, para pagar simplemente uns 400 euros. Se tivésemos unha renda básica universal, parte do gasto social en benestar podería dedicarse ao tratamento doutros problemas sociais que hai na actualidade, porque as persoas e as familias non só teñen problemas económicos", di.

Primeira sesión das xornadas sobre renda básica universal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.