Triacastela anula a licenza municipal a Cementos Cosmos

Zona dos traballos de Cosmos, sobre a Cova Eirós © Adega

O Concello de Triacastela vén de comunicarlles a varios dos colectivos integrados en ContraMINAcción que interpuxeran recursos de reposición contra a licenza municipal outorgada a Cementos Cosmos o pasado día 1 de agosto, a desestimación dos mesmos por estar xa anulada dita licenza.

O Concello desestima os recursos "pola desaparición sobrevida do obxecto do seu recurso, debido á anulación da licenza pola falta de quorum"

Nesa resolución, o Concello desestima os recursos "pola desaparición sobrevida do obxecto do seu recurso, debido á anulación da licenza pola falta de quorum". ContraMINAcción salienta que a administración Concello recoñece que a licenza foi outorgada por ditado da Xunta de Goberno Local contra o seu propio regulamento, nunha sesión da mesma onde só estaban presentes a señora alcaldesa, Olga Iglesias Fontal, e o señor concelleiro Bautista Arias Pombo".

"Nun concello onde todo se fai irregularmente, cando non directamente de xeito ilegal, en constantes e preocupantes chapuzas administrativas", sinalan, "dánse situacións tan surrealistas como esta, onde se outorga unha polémica licenza con total arbitrariedade e todo tipo de irregularidades na súa tramitación e no seu cumprimento". Os colectivos integrados en ContraMINAcción lembran que o Concello permitiu que Cementos Cosmos traballase "sen respectar as medidas correctoras que eles mesmos ditan e facendo caso omiso das denuncias por eses feitos". e denuncian que a alcaldesa pasou "meses defendendo nos xornais que a licenza foi outorgada axustándose estritamente á legalidade" para finalmente "ela mesma anulala por non se axustar a nada, nen sequera ao funcionamento do seu propio goberno municipal".

Para ContraMINAcción, "tanto o outorgamento coma a anulación desta licenza municipal son totalmente irregulares e sospeitosas", polo que salientan que "non baixarán a garda un instante"

Para ContraMINAcción, "tanto o outorgamento coma a anulación desta licenza municipal son totalmente irregulares e sospeitosas", polo que salientan que "non baixarán a garda un instante". De momento, solicitáronlle ao Concello de Triacastela toda a documentación relativa á concesión e posterior anulación desta licenza "para estudar en detalle toda esta trapallada e actuar en consecuencia, ao tempo de vixiar que non se realicen máis actividades estando a licenza anulada".

 

Anos de denuncias

A mina acumula nunerosas denuncias dende hai tempo. Hai dous anos Adega alertaba de que a canteira ocupaba ilegalmente parte dun monte comunal, froito dun escuro acordo ao que o concello chegara coa empresa en 1971. De igual xeito, alertouse en varias ocasións do prexuízo que a mina podía provocar na Cova Eirós, un dos maiores xacementos arqueolóxicos de Galicia.

Durante catro décadas, a cementeira explotou a mina a ceo aberto de maneira ilegal e con licenzas provisionais. A disposición transitoria 12ª do Lei do Solo, feita no seu día para legalizar canteiras ilegais, permitiulle volver aos traballos. O pasado 1 de agosto a explotación acadou unha licenza municipal da que carecía e que a obrigara a estar parada durante os dez meses anteriores. Porén entidades sociais e forzas políticas denunciaran que se trataba dunha "licenza nula de pleno dereito" porque omitía "o legalmente establecido na Lei de Ordenación urbanística de Galicia ao estar parte dos terreos clasificados como rústico de protección patrimonial". Ademais, segundo denunciou AGE, o obxecto da licenza correspondía á localización da Cova de Eirós".

Zona dos traballos de Cosmos, sobre a Cova Eirós © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.