0 Gardados para despois

Centos de xornalistas galegos reclaman un periodismo digno

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Centos de xornalistas concentráronse hoxe en varias cidades de Galicia con motivo do Día da Liberdade de Prensa para reclamar "un periodismo digno" e logo da convocatoria da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) apoiada en Galicia polo Sindicato de Xornalistas, o Colexio de Xornalistas e varias asociacións de periodistas locais. 

O Colexio de Xornalistas de Galicia mostrou o seu apoio as concentracións e nun manifesto denunciou que o xornalismo "se encamiñe cara á súa autodestrución", polo que "chegou o momento de reaccionar" antes de que o último dos xornalistas "asine a carta de defunción, apague a luz e peche a porta".

A crise levou por diante case 7.000 empregos e 60 medios de comunicación no sector do xornalismo

Baixo o lema "Sen xornalistas non hai xornalismo; sen xornalismo non hai democracia", os convocados na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra ou Lugo asistiron á lectura dun manifesto a favor "dun periodismo digno" cada vez máis danado "ante a grave crise pola que atravesa o sector", tanto en Galicia como no conxunto do Estado. Segundo datos da FAPE, a crise económica destruíu en España 6.234 postos de traballo, provocou o peche de 57 medios de comunicación e levou á execución de 23 ERE na profesión desde novembro de 2008. As previsións tampouco son mellores para o futuro inmediato, cando varios e importantes medios teñen anunciados despidos nos vindeiros meses. Ademais, cada ano licéncianse 3.000 xornalistas no conxunto do Estado, pero tan só 500 conseguen traballar, mentres que cada día que pasa destrúense 15 postos de traballo nos medios de comunicación. "A democracia está a salvo, pero, invocando a Gramsci, se non reaccionamos, será unha democracia de cidadáns (xornalistas) indiferentes, que abdican de tomar partido, de significarse", di o xornalista Alfonso Hermida, que asina o comunicado do Colexio. 

"A situación de infamia dos xornalistas é responsabilidade exclusiva de PP e PSOE"

O Sindicato de Xornalistas, ademais, denuncia que "a situación de infamia" que viven os periodistas "é responsabilidade exclusiva dos dous partidos que se alternaron no Goberno de España, o PSOE e o PP". "Con bastos pretextos, e amedrentados polos grandes grupos de comunicación, ambos os dous negáronse durante anos a corrixir o agravio comparativo que os colaboradores xornalísticos sofren en España fronte ao resto de traballadores", asegura. 

Pola súa banda, a presidenta da FAPE, Elsa González, destaca que a principal prexudicada desta crise xornalística "é a saúde democrática dos pobos" e acusa os editores dos medios da debacle actual da profesión ao "optar pola redución drástica dos planteis sen unha posta clara pola innovación e a formación" en lugar de de" fomentar un periodismo adaptado ás demandas do cidadán do século XXI". 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.