CCOO e UGT prevén amosar o seu apoio ás Marchas do 29N

Representantes das 'Marchas da Dignidade' presentaron a mobilización este xoves no Parlamento Dominio Público Anova

CCOO e UGT prevén amosar o seu apoio á mobilización das Marchas da Dignidade do vindeiro 29 de novembro en Compostela. Os dous sindicatos en Galicia, que xa acordaran non facer convocatoria ningunha no país nese día malia que as centrais estatais si convocaran unha xornada de protesta para esa mesma xornada, teñen previsto facer algún tipo de declaración ou manifesto a prol da protesta que terá lugar no último domingo deste mes en Santiago.

Comisións e UGT teñen previso amosar o seu apoio ás Marchas da Dignidade malia non formar parte delas

Nin Comisións nin UGT forman parte da plataforma galega das Marchas da Dignidade, na que si participan de forma moi activa outras centrais como o Sindicato Ferroviario ou a CUT. De feito, os reproches aos dous sindicatos estatais e á súa estratexia ante a crise, os recortes e as politicas de austeridade levadas a cabo polos gobernos do PP son habituais na Columna Galega.

A propia CUT emitiu hai uns días un duro comunicado ante o anuncio dos dous sindicatos da convocatoria de mobilizacións para o 29N nas que os acusaba de "contrapogramar para deslexitimar as actuacións das Marchas da Dignidade" e no que advertía que esta decisión "constataba" que as dúas formacións "quedaran fóra de xogo". Agora, a intención é que tanto Comisións como UGT dean o seu apoio ás Marchas malia non formar parte delas nin ter apoiado a nivel estatal a gran manifestación celebrada o pasado 22 de marzo en Madrid, aínda que si o fixeran moitos dos seus afiliados.

A CUT acusara os dous sindicatos de "contraprogramar" coa súa convocatoria estatal a das Marchas da Dignidade

CCOO e UGT non se manifestarán en Galicia nesa xornada na que noutros puntos do Estado si haberá mobilizacións baixo o lema Dignidade e Dereitos, "fronte ás políticas económicas e sociais do Goberno" reflectidas nos Orzamentos Xerais d Estado de 2015 e co obxectivo de "influír" no diálogo social. As direccións estatais de ambos os dous sindicatos intaran as súas organizacións territorias a organizar as protestas xunto ao resto de movementos e o Cumio Social, deixando aberta a porta a que algunhas datas non coincidisen con ese 29 de novembro. Pero si haberá protestas que coincidirán coas convocadas polas Marchas de la Dignidad a nivel estatal.

O apoio de ducias de colectivos sociais e de varias formacións políticas como AGE e BNG ás Marchas da Dignidade facía inviable unha convocatoria á marxe ante a boa resposta cidadá que se espera para este 29 de novembro en Compostela, onde os convocantes confían en "encher o Obradoiro" coa reivindicación de Pan, traballo e teito, que volve ser o lema utilizado. No manifesto de apoio, as Marchas reivindican "emprego digno, dereitos sociais, liberdades democráticas, renda básica e unha sociedade de mulleres e homes libres".

Sánchez Aguión (CCOO) e Gómez (UGT), na presentación do 1º de Maio © CCOO-Galicia
Faixa das 'Marchas da Dignidade', ás portas do Parlamento Dominio Público AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.