BNG e outros seis partidos exixen ao Goberno que deteña os franquistas que reclama a xustiza

Voceiros dos sete grupos, no Congreso CC-BY-SA BNG

Sete formacións políticas do Congreso, entre elas o BNG, xuntáronse para presentar unha proposición non de lei sobre o cumprimento da orde de detención preventiva cursada por Interpol con fins de extradición das 19 persoas reclamadas pola xustiza arxentina, e imputadas por crimes contra a humanidade cometidos durante a dictadura franquista e a súa posta disposición do Xulgado Central de Instrución da Audiencia Nacional.

BNG, ERC, Amaiur, PNV, Geroa Bai, Compromís e Izquierda Plural piden ao Goberno que cumpra "de inmediato" coa orde de extradición

BNG, xunto a ERC, Amaiur, PNV, Geroa Bai, Compromís e Izquierda Plural presentaron este mércores unha proposta na que se insta o Goberno español a "cumprir de imediato" con esa orde de extradición preventiva que afecta, entre outros ex dirixentes franquistas, a Martín Villa, Utrera Molina ou Alfonso Osorio.  Foi o pasado 4 de novembro cando a Interpol arxentina notificou á xuiza María Servini, a xuiza que investiga a única causa aberta no mundo contra crimes do franquismo, que remitira á oficina de Madrid unha comunicación urxente solicitando a imediata detención preventiva dos 19 imputados, entre os que están ex ministros da dictadura.

O 12 de novembro o Ministro de Xustiza adiantou que o Estado español denegaría a entrega a Arxentina destas persoas reclamadas pola Xustiza arxentina, baixo o argumento de que “os delitos que se lles imputan están prescritos en España”. Na intervención pública de todos os partidos que asinan a petición preguntouse que é o que leva ao Executivo a incumprir a lei, así como as recomendacións das Nacións Unidas.

O BNG alude á lei, ás recomendacións da ONU e á inprescribilidade dos crimes de lesa humanidade

A deputada do BNG, Rosana Pérez, puxo de manifesto que “o Goberno español ten o deber de cumprir a lei xa que a lei é moi clara”. Nese sentido, refereriuse á Lei de Extradición Pasiva do ano 1985, así como a unha serie de recomendacións da ONU que “din que se hai orde de detención debe procederse á detención das persoas reclamadas e poñelas a disposición da xustiza”.

Ademáis, recalcou, “os crimes de lesa humanidade non prescriben e parécenos incríbel que nun Estado que se dí democrático a estas alturas, corenta anos após, no se xulguen os crimes cometidos no franquismo”.

"O Goberno non só incumpre a lei senón que conculca os dereitos humanos", di Rosana Pérez

Rosana Pérez denunciou que o Goberno español “non só está incumprindo a lei senón que está a ter unha actitude absolutamente anti democrática e, o máis grave, que conculca os dereitos humanos porque hai miles de vítimas e familiares que siguen reclamando xustiza e a reposición da legalidade e da memoria”.

Rosana Pérez explicou na rolda de prensa que o BNG se sumou á querela “presentando denuncia propia pola persecución á que se someteu ao nacionalismo galego na dictadura franquista”.

Tal e como adiantara a Praza unha das impulsoras da querela xunto ao galego Darío Rivas, Inés García Holgado, a xuíza da querela arxentina visitará as fosas comúns de Galicia, asumindo así as recomendacións da Fiscalía do país austral nun ditame no que detalla as denuncias de varios galegos e na que se baseou a maxistrada para ampliar as solicitudes de extradición.

Voceiros dos sete grupos, no Congreso CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.