Barrios Abertos: A integración, contada polos seus protagonistas

As e os participantes no obradoiro audiovisual Dominio Público Barrios Abertos

Imane, Marlyn, Ghizlane, Luis, Stanly, Estrella, Paula, Ayoub, Yaiza, Sofía, Lara, Ailin... Veciñas e veciños dos barrios composteláns de San Pedro e Fontiñas. Rapazas e rapaces que naceron noutros países e que agora son unhas picheleiras e picheleiros máis. Todas e todos eles participaron nos últimos meses no obradoiro audiovisual realizado ao abeiro do proxecto Barrios Abertos, unha iniciativa da Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) que tamén se está a realizar en Asturias e Castela-A Mancha e que busca a integración social, cultural, educativa e sanitaria das persoas de orixe estranxeira, facendo dos barrios "o núcleo primario da sociabilización”.

Durante catro meses 15 rapazas e rapaces asistiron a un obradoiro de técnicas audiovisuais, impartido por ACPP e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), no que se pretendía que, ao mesmo tempo que aprendían a realizar un documental ou unha peza informativa, reflexionasen sobre a súa propia integración nos seus barrios e sobre o que eles e elas podían achegar desde a súa cultura de nacemento á súa cultura de acollida.

O resultado, catro pequenas pezas informativas a xeito de reportaxe (sobre integración, participación, solidariedade e multiculturalidade) e un documental de maior duración (Como imanes: Iguales pero diferentes), poderase ver este mércores ás 19.30 na AAVV A Xuntanza do barrio de San Pedro, unha proxección que se repetirá o 9 de decembro no Centro Sociocultural das Fontiñas, coa presenza de alumnado do IES Antonio Fraguas. As presentacións fanse nos barrios, sinalan dende ACPP, "para promover a participación comunitaria e  porque todo o que sae do barrio debe volver a el, e someterse ao opinión da veciñanza". 

As presentacións fanse nos barrios, sinalan dende ACPP, "para promover a participación comunitaria e  porque todo o que sae do barrio debe volver a el, e someterse ao opinión da veciñanza"

No documental Como Imanes cóntanse tres historias: unha ten como protagonista a carnicería halal que existía no barrio de San Pedro e que amosa o día a día deste establecemento. Outra céntrase nunha costureira paraguaia, á que acompañan durante unha tarde, presentando tres historias de vida de tres persoas inmigrantes residentes no barrio. 

O resultado de todo o proceso vivido nos últimos meses foi "mellor do esperado", destaca Alejandro Quiñoá delegado de ACPP-Galicia: "Con rapaces de orixes moi distintas conseguiuse formar un grupo que seguiu facendo cousas xuntos máis aló do proxecto, xerando un núcleo de socialización". En canto ás propias pezas, contadas por eles e elas, coa súa visión do barrio e coa súa versión do seu propio relato, "proporciónannos elementos máis introspectivos, aos que non poderíamos achegarnos coa nosa visión dende fóra", sinala. Nas pezas, as rapazas e rapaces fan tamén reflexións en primeira persoa sobre as súas vidas no barrio, as súas culturas de orixe ou á súa adaptación á cultura local. Estas reflexións permiten, segundo Alejandro Quiñoá, ver como estas persoas viven o contraste que se pode producir entre a cultura das súas casas e a cultura de socialización da rúa ou dos centros de ensino.

O proxecto Barrios Abertos rematará este mes. Está a realizar os seus últimos obradoiros e actividades e o vindeiro 21 de decembro presentará a guía de servizos e asociacións presentes nos barrios que foi elaborada polas persoas migrantes. Esta guía recompilará información sobre as organizacións coas que se pode colaborar, sobre os servizos públicos e privados que ofrece o barrio e sobre os distintos trámites que se necesitan cumprir cando se chega ao país. Esa presentación servirá tamén para facer unha reflexión e valoración final sobre os resultados do proxecto, que centrou boa parte da súa actividade no ámbito educativo, poñendo en valor as vantaxes de vivir nun entorno multicultural e contribuíndo a previr os discursos de odio e rexeitamento ao diferente.

"O fundamental é comezar a devolverlle ao barrio todo o que nos deu durante este proceso", afirma Alejandro Quiñoá. O obxectivo deste proxecto, desenvolvido nos últimos meses, era promover a integración, entendéndoa "como a participación da poboación migrante na actividade cotiá do barrio e en que sexan conscientes dos seus dereitos como cidadáns, e que os reclamen". Outra das características do proxecto foi o seu carácter comunitario, moi ligado ás entidades sociais que traballan día a día nestes dous barrios: "Non tería sentido polo que impulsásemos ningún movemento asociativo novo, senón que o que facemos é coordinar o proxecto coas redes de movementos asociativos que traballan nos dous barrios".

Os rapaces e rapazas participantes realizaron un documental e catro pezas informativas Dominio Público Barrios Abertos
Os rapaces e rapazas participantes realizaron un documental e catro pezas informativas Dominio Público Barrios Abertos
Acción nas festas de San Pedro © Asemblea de Cooperación pola Paz
No proxecto lévanse a cabo distintas actividades relacionadas co audiovisual © ACPP
© Barrios Abertos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.