A Galicia onde si nacen nenos e nenas

Concellos galegos con crecemento vexetativo positivo en 2013 Dominio Público INE

Hai algúns lugares en Galicia nos que si nacen nenos e nenas, a contracorrente duns datos xerais que confirman o grave declive demográfico. Non son moitos: tan só 17 concellos rexistraron en 2013 un saldo vexetativo positivo. Pontevedra é a única urbe do país na que nace máis xente da que morre e a maior parte do resto dos concellos atópanse nas conurbacións das cidades, nomeadamente A Coruña, Vigo e Compostela. Mentres, nas provincias de Lugo e Ourense tan só dous concellos (Burela e Barbadás) rachan as tendencias negativas predominantes. En moitos destes concellos hai que salientar a importancia da inmigración, que adoita ser de idades novas.

Ames encabeza un ano máis a listaxe de concellos galegos con máis nacementos que mortes, cun saldo positivo de 177 habitantes, seguido de Pontevedra (88), Arteixo (83), Culleredo (74), Cambre (39), O Porriño, Salceda de Caselas e Poio (todos con 32), Oroso (29), Soutomaior (28) e Barbadás (25). Todos eles (agás Oroso) figuraban xa na tamén reducida lista de localidades con saldo positivo en 2012 que, iso si, era de 30 concellos, trece máis que a que vimos de coñecer.

Chama a atención o moi negativo rexistro de todas as cidades, agás a xa referida de Pontevedra. Así, Ferrol (-440), A Coruña (-400), Ourense (-258) ou Vigo (-147) encabezan a lista de descensos en termos absolutos, unha categoría da que non se libran Lugo (-74) ou Santiago de Compostela (-60). Chama a atención o estarrecedor dato de Ferrol, tendo en conta a súa poboación, e tamén o cambio sufrido por Vigo no último ano, no que pasou de ter un resultado positivo de 156 a outro negativo de 147.

Ademais dos 17 concellos con resultados positivos, cómpre mencionar algunhas outras localidades que case chegan ao equilibrio e que, polo tanto escapan das análises tan negativas que podemos facer para outros lugares do país. É o caso, por exemplo, de Mondariz-Balneario (-1), Brión (-1), Pontecesures (-3), Cerdido (-4), Cee (-4), Baiona (-5), Barro (-8), Nigrán (-8) ou Miño (-9).

Concellos galegos con crecemento vexetativo positivo en 2013 Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.