'Payo Today': Os 'payos' son a fonte do contaxio do ébola

Capa do 'Payo today' CC-BY-SA Praza Pública

"Sanidade asegura que os payos son a fonte de contaxio do ébola". "Cae banda de 14 payos en operativo antidrogas". "Iglesias avisa de que acabará coa casta paya do 78". "Guerra de clans polo poder no PP". Son algúns dos titulares do periódico Payo Today, a publicación satírica lanzada pola Fundación Secretariado Xitano que dende esta semana actúa como un enorme espello para as persoas que traballan no sector da comunicación e, en xeral, para a toda sociedade. Dende a retranca FGS lanza un convite claro: a necesidade de "reflexionar sobre a responsabilidade" que o resto da poboación ten "na configuración da imaxe social da comunidade xitana".

Un periódico impreso e a súa versión dixital, un vídeo simulando un informativo televisivo e a difusión en redes sociais son as pezas dunha campaña que, na liña das recomendacións lanzadas por colectivos como o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, chama a poñer o foco nas novas, no que sucede e nas súas repercusións e non na raza, etnia ou condición social de quen as protagoniza se isto, como adoito, non é un dato relevante. Trátase, explican dende a Fundación, dun paso máis "dentro do traballo para reclamar un tratamento informativo máis xusto por parte dos medios", que debería "adecuarse mellor a como son hoxe en día as xitanas e os xitanos".

A Fundación Secretariado Xitano reclama que o tratamento informativo sexa "adecuado á realidade"

Ademais de sinalalar estas "malas prácticas xornalísticas" esta organización tenta tamén corrixilas. Faino a través da Guía práctica para xornalistas: Igualdade de trato, medios de comunicación e comunidade xitana. Para axudar a prensa a recoñecer o que non debe facer, Payo today ínzase de "titulares pexorativos" aos que, simplemente, se lles "deu a volta": "Que pasaría se, no canto de falar de xitanos, falásemos de payos?", pregúntanse, ante novas como "O pequeno payo Nicolás, símbolo da súa especie" ou o anuncio dun suposto programa de televisión titulado Palabra de payo.

"A pertenza étnica non achega nada"

A Fundación Secretariado Xitano explica a conveniencia desta campaña dende o convencemento de que a "estereotipada" imaxe que se ofrece desta comunidade na maioría dos medios de comunicación "non favorece que o cambio que está experimentando sexa recoñecido e valorado pola sociedade". "Na práctica diaria -evidencian- séguese mencionando a etnia en informacións nas que non sería necesario para comprender a noticia" malia ser "un dato de especial protección" que non adoita "achegar nada" á comprensión dos feitos. Téimase, ademais, en "utilizar un léxico inapropiado con connotacións negativas", como "clan" ou "patriarca" e "a comunidade xitana continúa sobrerrepresentada en noticias negativas".

Os medios teñen "un importante papel á hora de xerar actitudes positivas ou negativas", subliñan

"Os medios de comunicación, como construtores da realidade social, contribúen a perpetuar a imaxe social dun grupo" e "desempeñan un importante papel á hora de xerar actitudes positivas ou negativas" sobre o mesmo. Por todo isto apelan á "veracidade e o rigor" tamén á hora de informar sobre a comunidade xitana. E para loitar contra esa "imaxe social negativa" utilizan o humor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.