Caballero afirma que o barco "se instalará" en Coia e cualifica a oposición de "marxinal"

A veciñanza de Coia, concentrada na rotonda, esta noite Dominio Público @IlCanallaRubens

"O barco vaise instalar". O alcalde de Vigo, Abel Caballero, responde deste xeito á oposición veciñal á instalación do Bernardo Alfageme na rotonda de Coia, unhas obras que xa foron paralizadas en dúas ocasións e que espertan críticas polo seu elevado custe: 100.000 segundo o Concello e 300.000 segundo os veciños. Este luns pola mañá nin sequera un forte dispositivo policial en apoio das obras puido impedir que ducias de veciños e veciñas do barrio se concentrasen no lugar, cortando o tráfico na Avenida Castelao, unha das arterias principais da cidade e obrigando finalmente as maquinas a cesar a súa actividade e a retirarse.

"Non pode ser, o barco na rotonda e as familias sen comer" é un dos berros máis repetidos polos e polas manifestantes, que sinalan que os cartos que o Concello pretende gastar nesta polémica obra poderían ser investidos noutras partidas, nomeadamente en axuda social ás persoas que no propio barrio están a pasar por grandes dificultades. Os veciños e veciñas de Coia, que este luns pola tarde celebraron unha asemblea, seguen ao pé da rotonda, acampados pola noite, facendo quendas para evitar que o Concello complete o seu proxecto.

Semella que Abel Caballero quere manter neste conflito unha posición de firmeza, e o rexedor xa advertiu que "o barco vaise instalar" e minimizou a oposición social a este proxecto, formada -dixo- por “partidos marxinais que están varridos politicamente e o único que queren é facer ruido”. Caballero afirmou que a colocación del barco nesa rotonda “é un clamor de toda a cidade” e advertiu de que “as épocas en que unha minoría paraba a cidade remataron”. En referencia directa a BNG, EU e Anova, Caballero afirmou que “conseguiron reunir 150 personas, as mesmas que para unha voda”. “Se cren que nos van facer retroceder e parar a idea, están completamente equivocados”, dixo. Non é a primeira vez que o alcalde socialista busca manter un pulso con veciños, traballadores ou colectivos sociais mobilizados na cidade. Aí está, por exemplo, o conflito que mantén coa Asociación de Veciños de Teis.

O Concello, ademais, respondeu ás críticas a través dun comunicado oficial, no que afirma que o custe das obras "ascende a 100.000 euros en total, en concepto de preparación do espazo e adecuación do mesmo para o seu novo uso, moi lonxe do que interesadamente están a trasladar as persoas que se amosan en contra". Sinala, igualmente, que dende que o barco pasou a ser propiedade municipal, no ano 2000, gastáronse 630.000 euros nel, entre reparacións e mantemento, "do que o 95% foi gastado polos gobernos locais anteriores á chegada de Abel Caballero á Alcaldía".

Pola súa banda, os veciños e veciñas de Coia preparan un escrito, que presentarán ante a Fiscalía, no que recollen algunhas supostas irregularidades destas obras, entre elas a falta de expediente público ou a relación que mantén a construtora encargada desta actuación (Civis Global, antes denominada Movexvial) co Goberno municipal, da que é unha das principais adxudicatarias, acumulando obras por valor superior aos 35 millóns de euros só neste ano, como recolle Vigo Dixital.

Os veciños e veciñas de Coia preparan un escrito, que presentarán ante a Fiscalía, no que recollen algunhas supostas irregularidades destas obras, entre elas a falta de expediente público ou a relación que mantén a construtora co Concello

A manifestación que o pasado venres percorreu as rúas do barrio pechouse cun manifesto que destacaba que "a nosa loita non é so por evitar que chanten o barco nesta rotonda, vai máis alá. É un berro, unha expresión do cansazo cidadán ante as políticas duns gobernantes que viven moi afastados das necesidades reais que temos as persoas. Eles viven nesa “cidade fermosa” dos grandes cruceiros, das obras faraónicas, mentres que nós vivimos nos barrios, nas rúas onde os meses son demasiado longos e os cartos, ao igual que os nosos dereitos, son sempre escasos". O texto dicía tamén que "estes días lonxe de se escoitar o ruído das máquinas na rotonda, escoitáronse as voces e os berros dun barrio, dunha cidade que aposta por construír vida desde abaixo, desde a xente". E, citando a mobilización zapatista engadía: "Es el sonido de su mundo derrumbándose. Es el del nuestro resurgiendo. El día que fue el día, era noche. Y noche será el día que será el día".

Veciños e veciñas de Coia, acampados ao pé da rotonda Dominio Público Anova Vigo
Maquinaria na rotonda de Coia Dominio Público @adrianrbravo
A veciñanza de Coia, concentrada na rotonda, esta noite Dominio Público @IlCanallaRubens
Os veciños paralizan as obras na rotondo da Coia Dominio Público @AlicercesRS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.