O Foro Galego de Inmigración rexeita na rúa a 'lei mordaza' e as 'devolucións en quente'

Acto do Foro Galego de Inmigración Dominio Público Praza Pública

Este xoves celébrase o Día Mundial das Migracións. Coincidindo con esta data, o Foro Galego de Inmigración denunciará na rúa, na Coruña e Lugo, o trato que as persoas migrantes reciben, tanto cando tentan entrar en España coma a "continuada persecución policial" que sofren cando xa se atopan no interior do país, tamén en Galicia.

A entidade súmase ás convocatorias realizada por varios diferentes movementos sociais contra a Lei Mordaza. Na Coruña, cunha manifestación que percorrerá a Avenida da Marina entre a Subdelegación e a Delegación do Goberno e na cidade de Lugo cunha concentración na Praza Maior. No transcurso deses actos, que comezarán ás 11 horas lerase un comunicado de denuncia, que alerta das "intolerables devolucións en quente”, dos "macrovoos de deportación forzada de persoas migrantes" e "da continuada persecución policial que sofre o colectivo migrante" tamén en Galicia. Ademais, entregarán nos rexistros das subdelegacións de goberno de A Coruña e Lugo un escrito con estas demandas.

"Preténdese dar apariencia de legalidade a actuacións brutais, inhumanas e contrarias aos máis elementais principios democráticos"

O Foro denuncia "a recente aprobación no Congreso dos Deputados da mal chamada 'Lei de Seguridade Cidadá', que entre outras cousas pretende legalizar as chamadas 'devolucións en quente', que non son outra barbarie que a expulsión de seres humanos que chegan e se atopan xa en territorio do Estado Español, sen as mínimas garantías legais que a propia Lei de Estranxeiría establece". A entidade lembra que "estas actuacións ilegais polas que o Estado Español recibiu a reprobación formal das Nacións Unidas e da propia Unión Europea non se poden lexitimar de maneira algunha porque van en contra dos Dereitos Humanos e dos dereitos que establece a propia Constitución Española". "Preténdese dar apariencia de legalidade a actuacións brutais, inhumanas e contrarias aos máis elementais principios democráticos", engaden.

O colectivo sinala que en Galicia tamén se están a producir deportacións forzadas de persoas migrantes, "deportadas directamente ou previo ingreso en CIES, utilizando métodos violentos, ás veces brutais, cando se resisten e reclaman os seus dereitos". Engaden que "as deportación son o derradeiro paso dunha continuada e habitual persecución policial que sofren en Galicia as nosas veciñas e veciños migrantes que se atopan nunha mera situación de irregularidade administrativa".

"As deportación son o derradeiro paso dunha continuada persecución policial que sofren en Galicia as nosas veciñas e veciños migrantes que se atopan nunha mera situación de irregularidade administrativa"

Subliñan a este respecto que "ademáis de identificacións racistas en espazos públicos de uso habitual como estacións, centros de saúde, etc., atopámonos coa persecución nos seus propios domicilios de persoas migrantes que tratando precisamente de regularizar a súa situación administrativa fanse visibles para os corpos e forzas de seguridade do Estado, que acoden a deter a perigosas mulleres que traballan como empregadas de fogar nas nosas casas, coidando aos nosos vellos e vellas".

Acto do Foro Galego de Inmigración Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.