O Estado suaviza as penas aos piquetes pero segue sen indultar os galegos condenados á cadea

Manifestación a prol do indulto para Tamara e Ana CC-BY-SA FB-Indulto para Ana y Tamara

O Executivo central proporá que se rebaixen as penas por delitos de coacción á folga. Así o anunciou esta semana o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, que advertiu da necesidade de modificar as disposicións contidas no artigo número 315 do Código Penal, ese que está a servir para encausar centos de persoas -algunhas xa condenadas, mesmo a penas de prisión- pola súa participación en piquetes e protestas.

O Goberno propón que se rebaixen as penas por delitos de coacción á folga pero segue sen conceder o indulto a Carlos, Serafín, Ana e Tamara

Catalá admitiu que se están producindo sentenzas que conteñen penas "desproporcionadas" e que afectan centos de persoas en casos especialmente graves, como os casos dos galegos Carlos e Serafín e de Ana e Tamara. Tanto os primeiros -sindicalistas condenados por participar nun piquete nunha folga de transportes- como as segundas -condenadas tamén por supostamente tirar pintura a unha piscina nunha protesta laboral- seguen á espera dun indulto que non chega e logo de acumular moreas de apoios no seu favor. A súa entrada na cadea segue paralizada á espera dunhas decisións que non dan chegado. Están cada un deles condenados a tres anos de cadea e os cambios que se propoñen agora non lles arranxan nada. Ou indulto ou prisión.

En Galicia, veciños, amigos, cidadáns en xeral, sindicatos e movementos sociais mobilízanse desde hai meses para solicitar o indulto de todos eles. Tamén a nivel estatal, as centrais sindicais iniciaron unha campaña contra a criminalización do dereito a folga e na que se solicitaba un cambio substancial deste artigo do Código Penal.

"O 315 prevé unha sanción ás coaccións exercidas con motivo do dereito de folga, que ten unhas penas de prisión altas comparadas co delito de coaccións xenérico", dixo o ministro Catalá. Por esta razón, Xustiza exporá un "axuste" desas penas que na práctica implique unha redución dos anos de cárcere. "Constatamos que se están producindo sentenzas con penas moi altas, privativas de liberdade mesmo, que quizais son un pouco desproporcionadas no momento actual", recoñeceu.

Xustiza aposta por unha pena máxima de 18 meses de cadea ou multa económica pero mantén a consideración de delito

Catalá apuntou que a pena máxima por este delito podería quedar en 18 meses de cárcere ou ben saldarse cunha multa económica. Actualmente,  o 315 determina penas de até tres anos de prisión para as persoas que, "actuando en grupo ou individualmente pero de acordo con outros, coaccionen a outras persoas a iniciar ou continuar unha folga", así como para os que limiten ou impidan o dereito de folga.

Con todo, nos últimos meses este artigo empregouse para encausar decenas de persoas que participaron en piquetes. Actualmente hai polo menos 300 persoas inmersas neste tipo de procesos en todo o Estado. O máis rechamante, ademais do casos dos galegos nos que mesmo son difíciles de demostrar os cargos que se lles imputan, é o do oito traballadores de Airbus para os que a Fiscalía pide oito anos e medio de cárcere a cada un por uns incidentes que tiveron lugar durante a folga xeral do 29 de setembro de 2010.

O Goberno proporá este cambio a través dunha emenda ao novo Código Penal. Catalá sinalou que espera que o cambio sexa ben acollido. Boa parte da oposición reclamara xa hai meses unha modificación no artigo 315 para evitar este tipo de penas. Pero seis persoas xa condenadas están á espera de que o Goberno acepte ou rexeite o seu indulto para evitar a prisión. O anterior ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, comprometeuse a estudalo e a aprobalo despois tras reunirse cos líderes de CCOO e UGT. Entre eles, os casos de Ana e Tamara e de Carlos e Serafín.

Hai mes e medio, o PP e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciara que a concesión do indulto para as dúas rapazas estaba encamiñada e esta mesma semana insistiu en que "as perspectivas eran positivas". Pero as datas que se deran non se cumpren. "Cando se vaia tomar esa decisión ou non, non me corresponde a min dicilo", insistiu. Tal e como aclara o secretario comarcal de CCOO en Pontevedra, José Luis García Pedrosa, o anterior ministro Gallardón comprometérase con Comisións a proceder ao indulto das dúas mulleres e tamén ao de Carlos e Serafín, pendentes de que se resolvese o devandito indulto despois de que a Audiencia de Pontevedra desestimase o recurso presentado pola Fiscalía contra a decisión da xuíza de suspender a entrada na cadea.

O Goberno central comprometeuse a conceder o indulto tras o verán, pero os afectados non teñen noticias aínda

"Non entendemos que algo que xa está determinado e decidido non se leve a cabo. A promesa era levalo ao Consello de Ministros despois do verán, pero non pode ser que isto dependa dun cambio de ministro ou da permanencia no cargo dunha persoa porque non hai nada que implida legalmente facelo cando xa se levaron a cabo todos os trámites", insiste Pedrosa. As mobilizacións, os milleiros de sinaturas e o apoio do Parlamento parecían abondo, ademais dos compromisos do Executivo central, que agora propón unha redución de penas por casos que seguirán sendo considerados delitos, algo que os sindicatos valoran pero non aceptan. "Non entendemos que defender os dereitos dos traballadores sexan considerados como un delito", insiste.

Ocorre, por exemplo, nos casos dos traballadores de Airbus condenados a oito anos e medio de cárcere, para os que a Fiscalía propón unha redución de penas sempre que se acepte que se cometeu un delito. A proposta de modificación do Código Penal supón un cambio, pero non para o caso dos galegos, condenados xa. "A única opción para eles é o indulto".

O grupo de apoio a Ana e Tamara entende que "co pronunciamente de todos os partidos, cos milleiros de persoas que apoian e coa reforma proposta do Código Penal existe unha maior sensibilización por parte do Goberno de cara á concesión do indulto ou dun recurso de amparo", pero aclaran que "non teñen novidades" sobre nada diso aínda. Seguen agardando.

Tamara e Ana © Change.org
Manifestación a prol do indulto para Serafín e Carlos CC-BY-NC-SA CIG-Avantarvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.