0 Gardados para despois

Outro golpe para Edgewater, que perde as concesións mineiras de Corcoesto

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A multinacional mineira Edgewater perde os seus dereitos mineiros en Corcoesto e sofre outro enorme atranco nos seus intentos -nos que aínda teima nos últimos meses- por desenvolver a polémica mina a ceo aberto na parroquia bergantiñá. Tal e como lembra a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e Salvemos Cabana, a publicación o pasado día 30 de decembro no DOG da lei 12/2014, de medidas fiscais e administrativas, "supón un novo e duro golpe" para as pretensións da empresa canadense e a súa filial na zon sobre a explotación da devandita mina de ouro.

A lei de medidas fiscais e administrativas implica que as empresas con concesións denegadas perdan os dereitos mineiros sobre os terreos

Esta lei de acompañamento aos orzamentos recolle unha modificación da lei 3/2008 de ordenación da minaría de Galicia, á que engade unha disposición transitoria segunda que remata definitivamente coas expectativas de Edgewater sobre o proxecto mineiro de Corcoesto. Aclárase agora que as concesións mineiras reguladas pola Lei da minaría de 1973, ás que se lle denegue a autorización de explotación por calquera das causas legais, "determinará a caducidade dos dereitos mineiros correspondentes".

Ao tempo, prevé a súa aplicación retroactiva no caso de que haxa resolucións denegatorias de autorizacións de explotaicóns ditadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei. O novo marco lexislativo afecta directamente a Mineira de Corcoesto, dado que o proxecto para a explotación aurífera das concesións na zona, regulada pola lei de minas de 1973, foi denegado o pasado 11 de marzo pola Consellería de Economía e Industria e ante a "falta de garantías técnicas e económicas".

"A lei imposibilita, para tranquilidade da veciñanza da comarca, que a empresa poida presentar no futuro outro proxecto"

A modificación legal provoca que Edgewater perda definitivamente os dereitos mineiros que tiñan sobre os montes de Corcoesto. "Imposibilita, para tranquilidade da veciñanza da comarca, que poida presentar no futuro outro proxecto de explotación de ouro na zona", di a plataforma, que considera que agora "agora correspóndelle á Consellería de Economía e Industria incoar de oficio o procedemento de caducidade dos dereitos mineiros e a cancelación da súa inscrición no Rexistro Mineiro de Galicia", unha solicitude que o colectivo tamén vai presentar por escrito "para asegurar a tramitación, canto antes, deste procedemento de caducidade".

Tamén Salvemos Cabana insta a Consellería a que proceda "canto antes á activación do procedemento de anulación dos dereitos mineiros de Mineira de Corcoesto" para "soterrar definitivamente os plans da empresa nun proxecto que xamais debeu ser contemplado pois supoñería unha ameaza de imprevisibles consecuencias tanto para o tecido produtivo da bisbarra", centrada nos sectores agropecuario, pesqueiro e turístico, como a nivel ambiental, "debido ao seu inxente volume de xeración de refugallo e á presenza das inmensas balsas mineiras de residuos de flotación e lixiviación, que tivesen suposto unha auténtica "bomba de reloxaría" para as xeracións presentes e futuras".

Colectivos contra a mina e AGE piden que a Xunta proceda axiña a incoar o expediente de caducidade

O mesmo solicitou xa Alternativa Galega de Esquerda (AGE). “O proxecto mineiro de Corcoesto conta xa cunha resolución denegatoria firme por vía administrativa”, destacou o deputado Antón Sánchez, “e, polo tanto, o que procede é que o órgano competente inicie de oficio un expediente de caducidade dos dereitos mineiros”. Ademais, engadiu o parlamentario, a denominada lei de acompañamento afirma nunha disposición transitoria que “unha resolución denegatoria da autorización da explotación vai acompañada da caducidade dos dereitos mineiros”.

Así, e ante o que AGE considera "parálise ou premeditada inacción coa que o Goberno de Feijóo manexa este asunto", o grupo parlamentario vén de rexistrar unha proposición non de lei na que solicita que comece a tramitación do mencionado expediente. “A caducidade dos dereitos de Mineira de Corcoesto”, explica o deputado, “axudará a garantir que non se leve adiante a explotación neocolonial de Corcoesto e que desapareza esa ameaza do lugar e do país. Trátase, repetimos, dun plan ambientalmente perigoso e negativo económica e socialmente”. Antón Sánchez lembra que a propia empresa presentou un recurso de reposición contra a resolución denegatoria e que este sucumbiu ao silencio administrativo. “Non sabemos se a compañía recorrerá ao contencioso, mais cómpre estar alerta”, di.

"A loita contra o espolio dos recursos minerais do país é máis necesaria ca nunca”, insiste AGE. “Seguen a existir ameazas noutros puntos do territorio e mesmo en Corcoesto”, conclúe Sánchez, que cre que “cómpre manter a alerta contra as intencións da empresa de completar o proxecto”. De feito, a propia empresa ameazou con retomalo e asegurou ter o apoio dunha empresa cun acordo xa "avanzado".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.