0 Gardados para despois

Implícate: Unha década de música e palabra solidaria

Redacción | @prazapublica

Música e palabra solidaria por décimo ano consecutivo. Implicadas no Desenvolvemento subirá de novo ao escenario para, sobre as táboas do Teatro Principal de Compostela, desenvolver a súa "cita anual coa cultura e solidariedade". Como vén acontecendo dende hai unha década a ONGD galega cita algúns dos principais referentes das artes no país para, dende as oito e media da tarde e coa presentación de Yolanda Castaño e Isabel Blanco, combinar a difusión do seu traballo na cooperación ao desenvolvemento e un completo espectáculo.

Mercedes Peón, Uxía e Abe Rábade serán desta volta a banda sonora dun evento polo que tamén pasarán o teatro e a danza, con Celso Parada, Isabel Risco e Nova Galega de Danza. Como adoito, tamén haberá espazo para a palabra literaria, nesta ocasión a través de Antón Reixa, María Lado e Lucía Aldao, Fran Alonso e Marilar Aleixandre.

Todos estes nomes súmanse a unha nómina moito máis ampla que non só fica no recordo dos carteis de festivais pasados. Nesta ocasión, e co gallo do décimo aniversario, Implicadas lanza un disco, Reactiv_Arte con colaboración de artistas que xa participaron no festival, tales como Mercedes Peón, Xabier Díaz, Iria Pinheiro, Leilía ou Xoán Curial. Neste CD o público atopará "temas musicados de poemas de escritoras támiles, etíopes e galegas das obras Vanakkam-Benvidas e As que rubimos montañas, ambas editadas pola Implicadas co obxectivo de "poñer en cuestión a nosa representación das outras e darlles espazo para que falen dende a poesía.

Co gallo da décima edición do festival, este domingo en Compostela, Implicadas edita o CD 'Reactiv_Arte'

Como cada ano, o Implícate é "un espazo de colaboración que vai moito máis alá do propio evento", explican dende a ONGD. "Grazas a el -especifican- Implicadas conta cunha rede forte e estable de claboración con persoas que usan os seu propios espazos de intervención cultural para dar visibilidade aos valores e traballo da organización".

Nesta ocasión, especifica a presidenta de Implicadas, Lucía López Bayo, a recadación do evento servirá para financiar dous proxectos. Un deles é o plan para tentar frear o infanticidio de Salem, na India, unha contorna de "violencia extrema contra as mulleres" onde as nenas son asasinadas polo mero feito de séreno. O segundo proxecto, tamén ubicado na India, céntrase no "empoderamento político, social e económico" das mulleres do estado de Tamil Nadu.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.