60 mil euros por criticar o modelo de canceira na Coruña?

Concentración de apoio ás persoas denunciadas, esta mañá na Coruña Dominio Público Marea Atlántica

Hai uns días Servigal, a empresa encargada do servizo municipal de recollida de animais na Coruña, denunciou dez persoas que criticaran o funcionamento da canceira. A empresa reclámalles 60.000 euros en concepto de danos e prexuízos, simplemente por ter proposto unha forma alternativa de xestión e criticar o sacrificio de animais sans nas súas instalacións. Este mércores os dez activistas estaban citados a un acto de conciliación nos xulgados da cidade, e alí os animalistas recibiron o apoio de numerosas persoas, de entidades como Libera así coma de formacións políticas coma Esquerda Unida, Anova, Podemos, Equo, BNG ou a Marea Atlántica, e sindicatos coma a CUT. Os concentrados portaban unha faixa que reclamaba que "Defender os animais non é delito". 

Durante o acto de apoio Rubén Pérez, portavoz de Libera, rexeitou que os activistas fosen aceptar a conciliación: "piden que rectifiquemos, que asumamos que é falso o que reclamamos". Afirmou, así mesmo, que a denuncia de Servigal quere ser unha "mordaza" e unha "espada de Damocles xudicial" para evitar as críticas. Pérez, un dos denunciados, reclamou a necesidade de exercer o dereito á crítica dun contrato que está ao servizo do conxunto da cidadanía, e da obriga moral de calqueira coruñes de cuestionar o modelo e de reclamar melloras no mesmo.

Rubén Pérez reclamou a necesidade de exercer o dereito á crítica dun contrato que está ao servizo do conxunto da cidadanía, e da obriga moral de calqueira coruñes de cuestionar o modelo e de reclamar melloras no mesmo

Para Pérez, a situación da canceira municipal podería mellorar notablemente se o Concello da Coruña, responsable último desta concesión, asumira as propostas de remodelación do servizo que plantexan animalistas e colectivos. Entre as ideas, Rubén Pérez mencionou a posibilidade de crear un centro veterinario nas propias instalacións, de titularidade pública, equipando o espazo con medios axeitados, implantar un programa de voluntariado ou ampliar o horario de atención ao público.

Segundo denuncia Libera, hai un importante número de animais dos que non se coñece públicamente o seu destino, aqueles que non foron adoptados nin devoltos aos seus donos, e onde reclaman os activistas un exercicio de transparencia por parte do goberno municipal para coñecer onde remataron. Como sinalou hai uns días o grupo municipal do BNG na Coruña, os datos da última memoria de xestión da Concellaría de Medio Ambiente revelan que en 2013 tan só se adoptaron 176 animais, dos 791 que entraron na canceira. Destes, un total de 156 foron reclamados por particulares e o resto, supostamente, foron sacrificados.

Segundo denuncia Libera, hai un importante número de animais dos que non se coñece públicamente o seu destino, aqueles que non foron adoptados nin devoltos aos seus donos

A pasada semana os deputados de AGE Eva Solla e Antón Sánchez denunciaron no Parlamento que “gran parte dos animais que entran nas instalacións son sacrificados sen que se lles procure un destino mellor”. Ademais, sinalaron que a porcentaxe de adopción de cans abandonados é inferior ao 30%, unha cifra que cualificaron de “paupérrima”. “A empresa concesionaria do servizo administra o espazo municipal sen ter en conta as mudanzas éticas na sociedade”, engadiron Solla e Sánchez, que puxeron o exemplo de territorios como Catalunya, que estableceron unha moratoria legal no sacrificio de animais sans; pola contra, en Galicia é posible matar cans a partir dos 20 días de estancia nunha canceira.

Concentración de apoio ás persoas denunciadas, esta mañá na Coruña Dominio Público Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.