A AGAL debate se participa ou non na manifestación de Queremos Galego

A AGAL, nunha marcha de Queremos Galego Dominio Público Praza Pública

A AGAL (Associaçom Galega da Língua) debate se participa ou non como colectivo na manifestación que a plataforma Queremos Galego convocou para o vindeiro 8 de febreiro en Compostela. O colectivo reintegracionista vén de abrir un espazo na Rede para que sexan os seus asociados os que decidan se a entidade "deve ter umha presença coletiva, com faixa e material próprio, ou nom nesta mobilizaçom concreta".

A AGAL abriu un espazo de debate na web ata o vindeiro domingo no que os seus socios decidirán se o colectivo participa na manifestación

Malia que a AGAL non forma parte de Queremos Galego, si ten participado e apoiado varias das súas importantes mobilizacións recentes, como as que se levaron a cabo contra o decreto do plurilingüismo ou polo Día das Letras en 2013. A entidade aclara aos seus socios que sempre que se manifestou xunto á plataforma fíxoo "com umha atitude positiva, com a vontade de indicar que nom só é necessário superar o statu quo atual da língua na Galiza, como também a estratégia desenhada nas últimas décadas".

E é precisamente ese necesario cambio de estratexia que reivindica o que non ven entre as demandas e o que leva agora a AGAL a abrir un debate interno que, nestas e outras cuestións, xa solicitaron varios dos seus asociados nos últimos tempos. A entidade reintegracionaista insiste en que as dúbidas non son tanto sobre a mobilización en si, senón sobre o contido da mesma. Así, asegura que "a convocatória só atinge umha parte da 'problemática' e centra-se demasiado na denúncia anti-governamental" e, aínda que recoñece "muitos avanços" nestes últimos trinta anos, tamén cre que "a estratégia que nos afasta do nosso tronco comum galego-português é enormemente pouco eficaz".

"A convocatória só atinge umha parte da 'problemática' e centra-se demasiado na denúncia anti-governamental", di AGAL

"Do Conselho partilhamos muitas das reivindicações expressadas na convocatória, como o pouco dinamismo do governo galego ou a petiçom de retirada do decreto no ensino, mas também é certo que há outras que continuam a insistir na estratégia errada dos últimos anos, como o caso de pedir a aplicaçom de um obsoleto Plano Geral de Normalizaçom", cre a AGAL, que mantén aberto este espazo de debate na Internet ata o vindeiro domingo e que decidirá a súa participación como colectivo ou non segundo os resultados que aí se acaden.

A entidade pregúntase se non sería bo cambiar impresións entre colectivos antes de convocar a mobilización

Entre as dúbidas que levaron a entidade a abrir o debate está tamén a "forma" ao entender queu se o que se procura é "umha açom coletiva o mais eficaz possível de todo o movimento que trabalha em favor do galego, nom seria redundante fazer umha troca de impressões antes de convocar". AGAL foi consultada 24 horas antes de ter sido convocada a manifestación, segundo aclara, malia destacar a boa relación que mantén e mantivo sempre con Queremos Galego.

Ás opinións do debate aberto ata este domingo 25 pode acceder calquera persoa, pero só os asociados á AGAL poderán participar e votar nunha reflexión da que xurdirá a decisión final da entidade reintegracionista.

A AGAL, nunha marcha de Queremos Galego Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.