'Pancho', o derradeiro guerrilleiro en activo

Francisco Martínez Leira, 'Pancho' Dominio Público Praza Pública

“Francisco Martínez Leira, Pancho, era el último superviviente de las partidas guerrilleras que operaban en Galicia (...) Con este excepcional servicio de la Guardia Civil se pone fin a unas actividades subversivas de las que desde hace unos años era el único superviviente. Con su muerte queda completamente pacificada la región”. Así o destacaba a nota do Goberno civil da Coruña, de obrigada inserción nos xornais galegos, publicada días despois do asasinato de Francisco Martínez Leira, Pancho, o 31 de decembro de 1954. Hai unhas semanas Pancho foi homenaxeado cunha ofrenda floral no cemiterio de Meá, en Mugardos, xusto na data na que chegaban os 60 anos do seu pasamento. Esta ofrenda foi o inicio dunha serie de actos, organizados polo Ateneo Eumés e o Colectivo Terra, que ao longo deste mes de xaneiro están servindo para afondar no coñecemento da súa figura, á que se lle dedica unha web cunha gran cantidade de información.

Algúns realizaron as súas últimas accións en 1950 ou 1951, outros agocháronse e morreron uns anos máis tarde, algún mesmo escapou, pero Pancho foi o derradeiro guerrilleiro en activo, realizando numerosas accións aínda nos seus últimos dous anos de vida

"Ese foi o final de Pancho, pero non o foi" -destaca o historiador Bernardo Máiz- "Todos os que somos desta comarca crecemos escoitando falar de Pancho por aquí e de Pancho por alá, igual que noutras zonas de Galicia se falaba do Foucellas ou do Curuxás". Algúns realizaron as súas últimas accións en 1950 ou 1951, outros agocháronse e morreron uns anos máis tarde, algún mesmo escapou, pero Pancho foi o derradeiro guerrilleiro en activo, realizando numerosas accións aínda nos seus últimos dous anos de vida: reparto de propaganda, asaltos a dereitistas e enfrontamentos armados nos que morreu un garda e outros dous quedaron feridos. 

O pasado venres 16, no local social do colectivo Terra, en Pontedeume, Máiz dirixiu un faladoiro co título "Pancho, o último guerrilleiro", que foi acompañado por un concerto de Mini e Mero. Este venres 23 as actividades trasladaranse ao propio Concello de Mugardos, cuxo salón de plenos acollerá unha nova palestra do historiador, titulada desta volta "Pancho en primeira persoa". Xuntaranse familiares, amigos e testemuñas vivas para falar sobre Pancho e renderlle unha homenaxe ao heroico combatente. O seguinte acto do ciclo terá lugar o venres 13 de febreiro no local do Colectivo Terra cunha conferencia de Carlos Méixome titulada "Represión e resistencia na Galiza" e a proxección do documentario A cidade da selva. Finalmente, o venres 6 de marzo, de novo a Casa do Concello de Mugardos acollerá a proxección do documental As silenciadas, de Pablo Ces Marco, e unha tertulia con Aurora Marco.

A comisión pro 60 cabodano de Francisco Martínez Leira destaca que a figura de Pancho é "portadora de valores exemplares en calquera sociedade democrática. Foi solidario coa xente máis débil e máis necesitada. Defendeu a democracia, mesmo coas armas na man, tentando repoñer a legalidade republicana". E lembra que "solidariedade, democracia e antifascismo son valores cidadáns nos que se asentan os países máis avanzados do noso entorno europeo e por iso mesmo son promocionados desde os centros de ensino e os medios de comunicación".

 

O derradeiro guerrilleiro

A figura de Pancho é "portadora de valores exemplares en calquera sociedade democrática. Foi solidario coa xente máis débil e máis necesitada. Defendeu a democracia, mesmo coas armas na man, tentando repoñer a legalidade republicana"

A pesar da súa ideoloxía esquerdista Francisco Martínez Leira tivo que marchar á fronte no bando nacional, aínda que numerosas fontes destacan que neses mesmos anos colaboraba xa cos fuxidos e republicanos agochados. Finalizada a guerra, achégase ás clandestinas ANFD e Unión Nacional e ao Partido Comunista, e comeza a exercer de enlace para a guerrilla, á que se incorpora en 1948. Foron os anos de maior intensidade das accións da guerrilla en Galicia, trala chegada de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez e ata a caída da dirección galega do PC e da guerrilla. Entre 1947 e 1949 morreron en enfrontamentos en Galicia de 78 franquistas e de 93 resistentes antifranquistas e foi o tempo no que se construíron unha serie de bases subterráneas na área de Ferrol, Mugardos, As Pontes, Betanzos e Coruña.

Cando a partir de 1950 o partido decidiu mudar a estratexia de loita, desbotanto a opción da guerrilla, Pancho rexeitou marchar a Francia, e permaneceu nos montes da bisbarra, realizando accións. Segundo Máiz, as razóns da súa negativa a marchar poden estar na desconfianza que tiña nalgunha das persoas das que dependía para este exilio. Outros din, simplemente, que Pancho chegara a preguntarse "que vou facer en Francia?". Ademais dos asaltos, destacou ata 1954 polo reparto de propaganda coincidindo con datas sinaladas coma o aniversario da Revolución Rusa, ou o da proclamación da República, cando se dedicaba a pegar ducias de cartaces coa bandeira tricolor pintada con acuarelas.

Á altura do ano 52, poucos son xa os fuxidos que seguen a combater o réxime. Os máis caen en combate e os que conseguen salvar a vida purgan as súas penas na cadea ou, nalgún caso, no exilio. Pancho continuou. Home afouto, intelixente e precavido, características que se cadra explican que seguise vivo ata 1954, a pesar da súa soidade nos últimos anos e do cerco establecido pola Garda Civil. De feito -destaca Bernardo Máiz- un dos contactos do PC que ao redor do ano 1950 chegara a Galicia para falar con el, conta que nesa ocasión Pancho pasou de longo evitando o encontro; cando un tempo despois lle preguntou por que o fixera, o guerrilleiro confesoulle que desconfiara porque “ulía a tabaco rubio”. Outras testemuñas lembran que Pancho rara vez opinaba nas discusións políticas, senón que estaba continuamente pendente da súa pistola e de armala e desarmala para mantela limpa.

Porén, pouco a pouco foise pechando o cerco ao seu redor, e tras ser ferido en outono de 1954 tomou a decisión de exiliarse. Para localizalo e darlle morte houbo durante semanas un gran despregamento policial entre Narón, Neda, Fene, Mugardos, Cabanas e Pontedeume. Pancho confiou nun familiar, que o traizoou, citándoo o 31 de decembro de 1954 en Ombre, Pontedeume, onde o agardaban dous gardas civís que, disfrazados, lle deron morte. Destaca Bernardo Máiz que os gardas foron premiados con ascensos e mesmo un, anos despois, foi colocado nunha empresa.

Pancho confiou nun familiar, que o traizoou, citándoo o 31 de decembro de 1954 en Ombre, Pontedeume, onde o agardaban dous gardas civís que, disfrazados, lle deron morte

No acto que este venres acollerá a Casa do Concello de Mugardos, o Ateneo Eumés e o Colectivo Terra queren achegarse ao perfil humano de Pancho e profundizar na dureza da represión franquista contra a súa familia. Algúns destes testemuños serán arrepiantes, coma por exemplo o do fillo de Pancho, Manuel, que nunha entrevista publicada hai uns anos explicaba a situación familiar tralo asasinato do pai: “Á miña nai mandárona desterrada a Valladolid, á miña irmá ao País Vasco, e a nós os dous a un hospicio que estaba no Pazo de Mariñán, recordo todo perfectamente. Estabamos máis de cen nenos, algúns inválidos e dábannos leña a todos. Lavábannos a todos na mesma auga e metíannos a cabeza baixo a agua sucia realmente non sei para que. Eu fiquei traumatizado, si, tempo despois deime conta que o meu carácter vén daqueles anos". De igual xeito, en abril de 1955 a súa irmá, María Martínez Leira, e o seu sobriño, Manuel Pena, sufriron un Consello de Guerra. Como responsable dun “delito de auxilio a componentes de partidas armadas dedicadas al bandidaje”, María foi condenada a un ano de prisión menor, mentres que Manuel foi absolto ao non probarse que tivera intervención nos feitos.

 

Pelexamos, pelexamos

Como destaca Lupe Martínez nun artigo publicado no número 15 da Revista Eumesa de Estudos Cátedra, ese 31 de decembro de 1954, ao cadáver de Francisco Martínez Leira incautóuselle un arma, municións, unha carteira con 22 pesetas e algunhas fotografías, 150 gramos de turrón e unha folla de papel cun poema de Pedro Garfias titulado "Peleamos", que dicía así:

"Por los hijos que lloran nuestra ausencia
por la esposa que espera nuestro abrazo
por los hijos que esperan nuestra vuelta.
Peleamos peleamos

Por el limpio sudor de nuestra frente
por la paz la justicia y el trabajo
por la libre República del pueblo.
Peleamos peleamos"

Francisco Martínez Leira, 'Pancho' Dominio Público Praza Pública
Bernardo Máiz, Mini e Mero, na homenaxe a 'Pancho' © https://panchoguerrilleiro.wordpress.com
Coloquio de homenaxe a Francisco Martínez Leira © https://panchoguerrilleiro.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.