"Moitas veces mirouse o monte comunal como un problema e non como unha oportunidade"

Unha das entrevistas gravadas no documental Dominio Público Praza Pública

En todas as mans está a piques de ver a luz. O documental sobre os montes comunais producido pola cooperativa Trespés (formada por Tania Martínez, Paulo Jablonski e Alberte Román) e dirixido por Diana Toucedo, atópase en proceso de posprodución e prevé a súa estrea o vindeiro mes de abril. O proxecto leva construíndose varios anos, coa colaboración constante das comunidades de montes galegas, fai un repaso polas orixes e características desta figura de propiedade e busca difundir as súas posibilidades económicas e sociais, analizando algunhas das exitosas iniciativas que nos últimos anos destacan en distintos puntos de Galicia.

O proxecto leva construíndose varios anos, coa colaboración constante das comunidades de montes galegas, fai un repaso polas orixes e características desta figura de propiedade e busca difundir as súas posibilidades económicas e sociais

Hai dez días puxo en marcha unha campaña de crowdfunding para acadar os últimos fondos que necesita para completar o seu traballo e iniciar a distribución. Entre os detalles que restan por incorporar está a ambientación sonora, que vai realizar o músico Germán Díaz, ademais doutros elementos de montaxe.

"Consideramos que é preciso realizar un exercicio colectivo de reflexión que nos permita analizar esta realidade e ser capaces de visualizar un futuro para este modelo de titularidade, avaliando as potencialidades que ten o monte veciñal", destacan os seus impulsores. O filme busca incrementar o coñecemento que a sociedade galega ten sobre unha figura de propiedade anterga e singular, a medio camiño entre o público e o privado, emulada na actualidade por conceptos emerxentes coma o procomún e que, a pesar do retroceso experimentado ao longo da ditadura, representa en Galicia 700.000 hectáreas, perto do 25% da superficie galega.

"Debemos facer un esforzo como sociedade por coñecer mellor os montes comunais" -destaca Alberte Román- "É unha figura moi interesante no que respecta aos modelos de participación: Todas as persoas que están empadroadas nese lugar poden participar de forma directa na xestión dos montes comunais, é un mecanismo de integración nesa sociedade". "De igual xeito, agora que se fala moito do dereito de revogación dos cargos electos, hai que lembrar que ese dereito de revogación existe dentro de todas as comunidades de montes, de forma que se unha determinada porcentaxe do censo de comuneiros está en desacordo coa xestión da xunta reitora, esta debe someterse a un novo proceso electivo. É un mecanismo de control democrático moi importante", engade.

"Ninguén nos contou isto nunca, nas escolas non explican o que son as comunidades de montes, como funcionan, que significan para a economía deste país, que significan para a xestión territorial"

Alberte Román subliña que "ninguén nos contou isto nunca, nas escolas non explican o que son as comunidades de montes, como funcionan, que significan para a economía deste país, que significan para a xestión territorial. Moitas veces mirouse o monte comunal máis como un problema ou, como moito, como algo que simplemente estaba aí, e non foi considerado como unha oportunidade".

O documental fai un repaso por numerosas iniciativas postas en marcha en comunidades de montes de todo o país. "O noso obxectivo non é tanto destacar unha figura que existiu e que tivo importancia na sociedade galega, senón estimular o debate sobre a súa actualidade" -di Alberte Román- "Os montes comunais nacen ligados a un modelo de sociedade galega rural e agraria, pero hoxe en día a sociedade galega xa non é así, mudou, e o monte veciñal está reubicando o seu papel na propia sociedade. E iso vémolo en moitos proxectos moi interesantes que están desenvolvendo as propias comunidades".

"Os montes comunais nacen ligados a un modelo de sociedade galega rural e agraria, pero hoxe en día a sociedade galega xa non é así, mudou, e o monte veciñal está reubicando o seu papel na propia sociedade"

En moitos lugares, o monte segue sendo moi importante para o desenvolvemento rural, pero noutras comunidades de montes xa non se produce ese aproveitamento directo por parte dos comuneiros, pero si se manteñen outros vínculos de necesidade non necesariamente ligados á produción senón a elementos afectivos, sociais ou culturais. O documental fai un percorrido exhaustivo por oito comunidades de montes galegas e unha portuguesa (baldío). "A nosa forma de traballar coas comunidades tamén foi singular. Non se trataba de chegar a un sitio, estar tres ou catro horas para gravar nese tempo un par de entrevistas e uns planos, senón que o que faciamos era permanecer varios días na comunidade, coñecendo mellor os seus proxectos", explica.

No filme aparece o traballo realizado en Covelo, onde destaca a posta en marcha de varios proxectos de diversificación económica que serviron para a valorización dos patrimonios -arqueolóxicos, culturais, naturais- existentes nos montes e que levaron á incorporación de xente nova. Tamén en Zobra, na Serra do Candán, cun interesante un aproveitamento de turismo rural. Ou en Lira, onde a comunidade de montes realiza un grande aproveitamento do mato, que permite unha mellor xestión da masa vexetal e unha maior protección ante os incendios forestais e ao mesmo tempo permite darlles oportunidades ás persoas novas e a fixar poboación.

"Estamos vendo como esa maior participación das mulleres está dando lugar a unha forma distinta de xestionar e de resolver os problemas e os conflitos"

O documental viaxa tamén ao Rosal, onde a explotación da masa forestal realizada pola comunidade de montes,que dá traballo a 18 persoas, é unha das máis importantes empresas da zona. Tamén nos leva a Abadín, para presentar o exemplo de aproveitamento dos pastos comunitarios, cun papel moi importante para as explotacións gandeiras, e onde son igualmente interesantes as fórmulas de xestión comunitaria do gando. Esta comunidade está ademais presidida por unha muller, como destaca Alberte Román, que di que "aínda que as mulleres sempre participaron moito nas comunidades, non era tan habitual que estivesen nas xuntas directivas, e iso afortunadamente está cambiando. E estamos vendo como esa maior participación das mulleres está dando lugar a unha forma distinta de xestionar e de resolver os problemas e os conflitos".

"O cinto forestal que rodea a cidade de Vigo son todos montes veciñais, e resulta interesante como perviven estas prácticas nunha contorna urbana, con novos usos"

O filme destaca tamén o traballo da comunidade de montes de Teis, un bo exemplo dos moitos montes comunais periurbanos existentes en Galicia. "En realidade o cinto forestal que rodea a cidade de Vigo son todos montes veciñais, e resulta interesante como perviven estas prácticas nunha contorna urbana, con novos usos", explica Alberte Román. En todas as mans tamén viaxou a Portugal, ao Baldío de Vilarinho, preto de Coimbra; "Queríamos presentar a relación histórica e as similitudes entre as comunidades galegas e portuguesas, que na súa orixe eran o mesmo e aínda hoxe son moi semellantes", di.

 

Un traballo de anos

O filme quere ser un traballo de referencia para dar a coñecer a importancia dos montes comunais. Para iso coidou todos os seus elementos, dende a base documental, a incorporación de voces diversas (destaca a participación de profesores e investigadores dos campus de Vigo -como Xavier Simón-, Santiago -como Araceli Freire-, Lugo, Coimbra ou do xuíz Luís Villares, especializado nas dimensións legais dos montes veciñais) e tamén os aspectos técnicos. "Podes elixir entre distintos niveis de calidade, e iso determina que un filme teña un custe e uns tempos. Sempre quixemos facer un documental que dende o punto de vista narrativo e técnico se aproximase aos estándares cinematográficos. E iso obrigaba a contar cuns recurso económicos importantes", lembra Alberte Román.

"Queremos que o documentario se poida visionar en cantas máis comunidades mellor"

En poucos meses poderemos ver o documental, tanto en DVD coma nas proxeccións que se realizarán en comunidades de montes e noutras entidades. "Queremos que o documentario se poida visionar en cantas máis comunidades mellor" -destacan dende Trespés- "Temos un acordo coa directora, de xeito que neste tipo de proxeccións non se inclúa ningún tipo de reclamación de dereitos". O filme, ademais, incorporará subtítulos en inglés e español, e os seus responsables buscarán distribuílo en América Latina, onde este tipo de prácticas comunitarias son habituais e viven un crecemento nos últimos anos.

Unha das entrevistas gravadas no documental Dominio Público Praza Pública
Campaña de repoboación no Rosal Dominio Público Praza Pública
Presentación do documental no Culturgal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.