Un xuíz detecta irregularidades nas probas de acceso ao GES de Mugardos

Vehículo do GES de Mugardos © http://ppdemugardos.blogspot.com.es/

En 2013 levouse a cabo un proceso selectivo para a cobertura temporal de doce prazas de persoal laboral no Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Mugardos. Os resultados dos exames deron lugar a varios recursos, que foron desestimados polo Concello, derivando posteriormente nun recurso contencioso-administrativo e tamén nunha denuncia parlamentaria, a cargo da deputada Beatriz Sestayo, do PSdeG-PSOE. Tanto os recursos coma a pregunta parlamentaria alertaban de "graves irregularidades" e métodos "caciquís" no proceso, unha irregularidades que veñen de ser confirmadas por unha sentenza xudicial, que anula o proceso, sinalando que as persoas con mellores cualificacións no exame (15 dos 18 aprobados obtiveron notas superiores a nove) poderían ter recibido previamente as preguntas e respostas.

O fallo do Xulgado Contencioso-Administrativo de Ferrol atende a reclamación presentada por tres das persoas aspirantes, defendidas polo avogado Alejandro Gutiérrez

O fallo do Xulgado Contencioso-Administrativo de Ferrol atende a reclamación presentada por tres das persoas aspirantes, defendidas polo avogado Alejandro Gutiérrez Sánchez. Considera, en primeiro lugar, que no exame se incumpriron "as bases da convocatoria en canto á elaboración do primeiro exercicio do proceso selectivo, o que podería ter provocado a filtración do exame". Explica que o exame foi elaborado por un único membro do Tribunal, que unha semana antes da celebración do exercicio llo remitiu ao secretario suplente e lembra que a normativa fixa a prueba debe ser prepararada o mesmo día da súa realización.

O xuíz considera que as preguntas e respostas puideron ser filtradas a algúns dos aspirantes e atopa sospeitoso que "dun total de 74 presentados superaran a proba 18 aspirantes, dos cales 15 obtiveron unha cualificación de 9 puntos ou superior, o que supón case o 80 % dos que aprobaron o exame". "Hai que considerar que son moi remotas as probabilidades de que nunha proba tipo test, á que se presentan 74 aspirantes, e a superan 19 deles, 15 destes aspirantes aprobados obteñan practicamente a nota más alta", engade. "A experiencia en procesos selectivos fai que deban ser cuestionadas unhas cualificacións coma as descritas, pois o normal é que a maior puntuación a acaden o menor número de aspirantes, e non ao contrario".

A sentenza lembra "a circunstancia de que case a metade dos aprobados formaban parte da Agrupación de Protección Civil do Concello de Mugardos"

O fallo tamén sinala a súa estrañeza polo feito de que cinco días antes da realización da proba se lle solicitara ao Vogal que elaborou o cuestionario que "remitise a plantilla das respostas", sen ser isto "necesario". De igual xeito, a sentenza lembra "a circunstancia de que case a metade dos aprobados formaban parte da Agrupación de Protección Civil do Concello de Mugardos". Para o maxistrado isto "constitúe outro indicio da posible filtración do primeiro exame do proceso selectivo". O Concello ten 15 días para recorrer a sentenza ante o TSXG. No caso de que o fallo se faga firme, as probas terían que repetirse e as persoas que obtiveron os postos en 2013 terían que abandonalos.

 

Irregularidades nos GES

Non é a primeira vez que se detectan irregularidades nas probas de acceso a prazas dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES)

Non é a primeira vez que se detectan irregularidades nas probas de acceso a prazas dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), como xa sucedeu, por exemplo en 2013 en Guitiriz, Quiroga e Folgoso do Courel. Guitiriz alterara as bases comúns e públicas para a selección do persoal mentres que Quiroga e Folgoso do Courel celebraron concursos de méritos e non oposicións, dos que resultaron contratados familiares, entre eles a irmá da alcaldesa. O propio fallo lembra unha sentenza do TSXG, que o pasado ano confirmou a anulación dun proceso selectivo en Castroverde por unha posible "irregularidade detectada na custodia dun pen drive que contiña o exercicio a realizar", e que permanecera no Concello dende dous días antes da realización da proba. As dúbidas sobre a posible filtración do exame a unha das aspirantes obrigaran a repetir o proceso.

Vehículo do GES de Mugardos © http://ppdemugardos.blogspot.com.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.