A Marcha Mundial pide apoio para as xogadoras que denunciaron "acoso" do presidente do Leis

Imaxes da campaña de apoio da Marcha Mundial das Mulleres © MMM

O pasado 14 de novembro unha decena de xogadoras do clube pontevedrés de fútbol sala Leis 26 presentaron unha denuncia xudicial, apoiadas polo seu ex adestrador Jacobo Estors, contra o presidente da entidad, José Antonio Nieto. Acusábano de levar a cabo unha serie de accións que "podían ser considerados" como atentatorios contra a súa dignidade persoal e integridade moral. Hai uns días o xulgado de instrución número 2 de Pontevedra decidiu arquivar a denuncia, sinalando que pecaba na súa redacción "dun alto grado de vaguidade" e concluíndo que os feitos relatados, sendo merecedores de "reproche social", non terían entidade abonda para seren considerados como delito. O xuíz Xermán Varela si consideraba probable que puidesen dar lugar a unha falta de "vexacións", pero que esta xa tería prescrito.

A decisión xa foi recorrida polo avogado das xogadoras e tamén pola Fiscalía, que entenden que si se producíu un delito e agora o caso deberá ser estudado pola Audiencia Provincial de Pontevedra. Tras coñecerse a sentenza o acusado, José Antonio Nieto Sanjuán, afirmaba que o pasara "moi mal durante estes meses", xa que lle causaran "dano persoal" e "a nivel de empresario".

A entidade sinala que "este home, durante 15 longos meses, valéndose dunha posición de superioridade ­amparada no seu cargo dentro do Club­, tratábaas dun xeito denigrante, vexatorio e humillante de forma continua"

A Marcha Mundial das Mulleres (MMM), que xa no seu día denunciou a situación, vén de solicitar a "solidariedade" e o apoio social a estas mulleres, vítimas de "acoso". A entidade sinala que "este home, durante 15 longos meses, valéndose dunha posición de superioridade ­amparada no seu cargo dentro do Club­, tratábaas dun xeito denigrante, vexatorio e humillante de forma continua; insultábaas chamándoas putas ou lesbianas; provocaba situacións incómodas ás xogadoras buscando encontros illados e individuais con elas; mandáballes mensaxes a horas intempestivas, moitas veces con alto contido erótico e sexual". A Marcha engade que "estes feitos desencadearon o medo, a inseguridade e o menoscabo na súa integridade moral e psíquica ata que acordaron denunciar tales feitos e foron apartadas das convocatorias". Porén, ao non ser dadas de baixa non poden xogar noutros equipos.

O maxistrado subliñaba no auto "a necesidade de expulsar do ámbito aceptado socialmente comportamentos discriminatorios ou denigrantes"

O auto xudicial, a pesar de desestimar a denuncia, si sinala que "en ningún caso existiría xustificación para tratar unhas deportistas en atención ao seu xénero e pretender convertelas en suxeitas pasivas das accións lúbricas e sexuais decididas por ninguén, e menos por un directivo do Clube no que adestran". O maxistrado subliñaba tamén "a necesidade de expulsar do ámbito aceptado socialmente comportamentos discriminatorios ou denigrantes". O auto lembra que o Dereito Penal "é a resposta máis grave ante determinadas condutas" e que "non se debe pretender que ante calquera conduta reprochable a reacción que teña a sociedade sexa exclusivamente o Dereito Penal". "Mal irá unha sociedade que só sabe empregar tal instrumento e que só entende que se debe reprochar aquilo que é delito, como se un acto polo feito de non ser delito xa non merecera reproche social ou resposta dende as institucións", conclúe.

A MMM destaca que "non podemos consentir que unha vez máis as mulleres deportistas teñan que aturar un trato vexatorio e situacións de acoso, e que non sexan recoñecidas como profesionais dentro do mundo do deporte"

A Marcha Mundial das Mulleres esíxenlle á Federación Galega de Fútbol, á Secretaria Xeral de Igualdade e á Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia "que se tomen as medidas oportunas para denunciar, sancionar e afastar ao Presidente do Club Leis 26 de Fútbol Sala de Pontevedra". Hai unhas semanas tamén AGE lle esixiu "explicacións" á Xunta sobre a "falta" de investigación por parte da Secretaría de Igualdade neste caso. A MMM destaca que "non podemos consentir que unha vez máis as mulleres deportistas teñan que aturar un trato vexatorio e situacións de acoso, e que non sexan recoñecidas como profesionais dentro do mundo do deporte" e fai un chamamento "ás xogadoras e xogadores doutros clubes deportivos a manifestarse en contra do machismo e a discriminación dentro do deporte".

Imaxes da campaña de apoio da Marcha Mundial das Mulleres © MMM
Imaxes da campaña de apoio da Marcha Mundial das Mulleres © MMM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.