"Non deixes que se mollen": alegría e reivindicación pola seguridade do alumnado

Familias do alumnado, cos paraugas amarelos ás portas do colexio CC-BY-SA ANPA Fontela

Esta é a historia dunha pequena loita que pode pasar desapercibida en tempos de efervescencia política e social, pero que ten unha importancia de primeira magnitude para quen a protagonizan. No colexio do barrio compostelán de Fontiñas as aulas de Infantil, de nenas e nenos de 3 a 5 anos, están nun edificio diferente ao resto das instalacións. Cando chega a hora de xantar, cada día tócalles saír desas instalacións e percorrer un treito de rúa para chega rao edificio principal, onde se atopa o comedor. Docentes e familias levaban moito tempo reivindicando unha solución a esta "grave deficiencia de seguridade" ata que, o pasado outono, decidiron intensificar a súa reivindicación e, ao tempo, darlle un toque lúdico. Así nacía a campaña Non deixes que se mollen.

Dende a Asociación de Nais e Pais do centro, a ANPA Fontela, calcularon que en Santiago "chove, de media, dous dáis por semana durante o curso escolar". Esta circunstancia levounos a decidir que simbolizarían a súa loita cun paraugas amarelo, baixo o cal comezaron a deseñar un amplo abano de accións. En novembro inauguraron unha exposición na escola con fotografías que "reflicten a insegura e pouco saudable situación do alumnado durante os traslados entre os dous edificios". Ademais, "coa colaboración de pais de alumnos", elaboraron o "bosquexo dunha proposta arquitectónica para unha nova construción" que incluiría "unha pasarela de tránsito" entre os dous edificios e "viría substituír as precarias instalacións que se utilizan como comedor".

Cada día, as nenas e nenos de Infantil teñen que desprazarse pola rúa para ir ao comedor

Estas proposicións foron combinadas con mobilizacións. A comezos de decembro as familias celebraron unha primeira concentración con cadanseus paraugas amarelos. "Chegou a hora de que as administracións poñan fin a un problema co que levamos demasiados anos convivindo", explicaba o presidente da ANPA, Fernando Lacaci, quen subliñaba ademais que "as solucións ao problema son sinxelas, está nas mans do Concello e da Xunta levalas adiante". "Queremos que nos escoiten e que cando vexan os paraugas amarelos se lembren de nós, non queremos que deixen que os nosos fillos e fillas se mollen".

As familias escolleron o paraugas amarelo como símbolo da súa reivindicación ante Xunta e Concello

Pouco despois do inicio das protestas, estas comezaron a "dar algúns froito, tímidos pero esperanzadores". Primeiro, confirmáronlles unha visita ao centro do xefe territorial de Educación e máis da concelleira responsable de asuntos educativos. Despois, a mediados de xaneiro, ambos representantes de Xunta e Concello mantiveron unha xuntanza coa ANPA e a dirección do centro. No encontro as autoridades local e autonómica "amosaron a súa simpatía pola proposta feita por nós", explican dende a asociación, porque "entenderon que concilia as necesidades da comunidade educativa coas do barrio".

O resultado das negociacións foi "positivo e esperanzador", pero, malia todo, "cada día que pasa as nosas pequenas e pequenos seguen a ter que atraversar ao descuberto e pola rúa o treito entre os dous edificios". Por ese motivo, os paraugas amarelos seguen abertos. Mentres vixían que as xestións prometidas se "concreten", o pasado venres a ANPA celebrou unha xornada "lúdico-reivindicativa" que incluíu o debuxo dun mural, unha charla e mais unha merenda. Para simbolizar que a loita segue viva, alumnado e familias fotografáronse cos seus paraugas, formando un enorme paraugas amarelo no centro da escola. "Seguimos traballando", porque "reclamar a seguridade dos nosos fillos e fillas é a nosa prioridade", subliñan.

O gran paraugas reivindicativo, baixo a chuvia CC-BY-SA ANPA Fontela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.